Por que os infartados do Salnés levan a Vigo se Santiago está máis preto?
Este xoves o xefe de xefe de Cardiología do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago alertou do risco engadido que supón levar aos infartados desta comarca ao CHUVI. Hoxe o PSOE súmase ás críticas mentres o SERGAS defende a eficacia do seu sistema.
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, alertou este venres de que o Goberno galego "pode estar a poñer en risco aos pacientes do Salnés con infarto ao trasladalos a Vigo" porque no seu hospital de referencia carecen deste servizo.
Así o manifestou Torrado, nun comunicado de prensa, despois de que o xefe de Cardiología do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), José Ramón González Juanatey, reclamase, como manifestou nunha entrevista con Europa Press, o traslado destes pacientes a Santiago pola distancia co hospital de Vigo ao que os levan na actualidade.
Torrado lembrou a "recente fusión de áreas sanitarias imposta polo Goberno galego" na última reforma da lei de saúde que, ao seu xuízo, "non resolve os problemas reais da cidadanía, que son os da asistencia sanitaria".
DESAPARICIÓN DE ÁREAS SANITARIAS
"A desaparición da área sanitaria do Salnés non resolve a falta dunha resposta eficiente e rápida dos infartos porque naquel hospital carecen deste servizo", insistiu Torrado, cando "a rapidez da resposta resulta fundamental", engadiu.
Neste sentido, o PSdeG denuncia que "a reforma está feita para xestionar ben os papelitos e pensada para as calculadoras". "Pero os socialistas queremos unha atención sanitaria pensada para as persoas", abundou.
Deste xeito, Torrado reivindicou a proposta socialista de "impulsar un catálogo de servizos básicos", que "foi ninguneado polo PP, que non quixo nin sequera entrar a debater sobre iso". Ademais, anunciou unha serie de iniciativas parlamentarias "para que o Goberno explique se vai seguir enrocado en defender a súa lei de costas a todo ou valorar o labor dos profesionais".
RESPOSTA DA XUNTA
Pola súa banda o conselleiro de Sanidade, Jesúz Vázquez Almuíña, destacou os "excelentes resultados" do programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio (Pograliam), recoñecido como un dos mellores de España e Europa.
Escribe o teu comentario