​Noriega: “Houbo xente no espazo da marea que xogou para o inimigo”

Presentarase Martiño Noriega á reelección á alcaldía de Santiago? Este un dos temas desta entrevista, na que o líder de Compostela Aberta fai balance a nivel local (relacións co PSOE, co BNG, depuradora, “poderes fácticos”, o papel de Compostela Monumental, etc.), comarcal (Mina de Touro) e autonómico. A En Marea pídelle responsabilidade e critica que non soubese pechar o caso Quinteiro.



|

Presentarase Martiño Noriega á reelección á alcaldía de Santiago? Este un dos temas desta entrevista, na que o líder de Compostela Aberta fai balance a nivel local (relacións co PSOE, co BNG, depuradora, “poderes fácticos”, o papel de Compostela Monumental, etc.), comarcal (Mina de Touro) e autonómico. A En Marea pídelle responsabilidade e critica que non soubese pechar o caso Quinteiro.



Martiu00f1o noriega



Empecemos por un tema de máxima actualidade, a acusación de terrorismo sobre os detidos en Cataluña, membros dos chamados Comités de Defensa da República. Que lle parece?


Forma parte do despropósito co que o Estado está a enfrontar a situación en Catalunya, que basicamente se reduce a fialo todo soabre unha vía xudicial, sementando dúbidas sobre a independencia de poderes, e a entrar nun recorte importante de dereitos fundamentais e liberdades consolidadas. Non é inocente. A cuestión en Cataluña é unha cuestión política e que debe ser resolta politicamente, non se pode ignorar a millóns de persoas dese país. No despropósito xa levamos instalados tempo, forma parte dun contexto, no que os poderes fácticos do Réxime do 78 pechan filas.


Ten solución a medio prazo ou a actualidade política vai seguir estando marcada pola cuestión catalá?


O Goberno do Estado xa chegou a conclusión de que en ningún intre apostará por vías de solución políticas. Cada decisión que se adopta no ámbito xudicial e cada silencio que dá no ámbito político unicamente incrementa a dificultade para chegar a resolución dunha situación . Creo que será un conflito que arrastraremos durante décadas e que ten responsables, responsables que ocupan postos importantes no Goberno central.


Falando de actualidade local, o PP e a Xunta advirten que coa solución proposta polo Concello para a depuradora, Santiago corre perigo de perder os fondos da UE para cofinanciar esta infraestrutura …


Santiago leva cun problema estrutural dende hai tres décadas, sen unha depuradora que depure as augas nunha calidade óptima Nos últimos anos fixéronse varias actuacións para ampliar a a existente e o grado de depuración das augas, que estaba nun 50 por cento, agora está nun 70 ou 80 por cento. Neste sentido, xa teñen sido outros os ciclos nos que se perderon fondos. Non é unha novidade, porque sempre houbo bastante disenso sobre a ubicación e o enfoque. Agora vólveo a ver. Arrastramos unha política de feitos consumados, despois de múltiples discrepancias o PP acordou unha nova ubicación no Souto, que nos herdamos, e para a cal nós pedimos no seu intre seguridade xurídica na súa tramitación e o menor impacto ambiental posíbel a través do emprego de nova tecnoloxía. O tema leva tramitándose dende 2011-2012, alegaron que non era posible cambiar o proxecto porque xa estaba tramitándose dende aquela. Polo tanto, o Concello desvencellouse desa proposta que están facendo a Xunta e o Estado a través de Acuaes.


E cal é a súa solución logo?


Propomos unha alternativa no propio lugar, onde a actual depuradora, que emprega nova tecnoloxía, a que empeza a empregarse en moitos estados europeos, ocupa menos espazo, ten menos custo e no provocaría un dano ambiental irreparábel. Nós defendemos que a proposta do Concello non significaría renunciar aos fondos da UE. Sucede que somos tres administracións e hai outras dúas cunha visión moi ríxida. Este é o minuto de partido e resultado dunha cuestión que vai evolucionar seguro nas vindeiras semanas.


Ao fío deste conflito, como cualificas as relacións do Concello coa Xunta?


Santiago é unha cidade construída sempre na concertación e no consenso, como consecuencia da capitalidade. A cidade non entende outras dinámicas como as que se poden dar por exemplo en Vigo, onde sempre hai un confronto entre o goberno local e a Xunta. Aquí non, incluso desde posicións políticas diferentes houbo consenso, porque compartimos tempo e espazo. Aínda que pode haber tensións políticas intentamos solventalas. Nós tentamos ser leais a este mandato. Outra cuestión é que exercemos nós ese consenso máis que a propia Xunta, que ás veces presenta sesgos partidistas nas relacións institucionais. Puxemos máis dunha vez a outra fazula polo ben da cidade porque as diferencias políticas existen pero estamos a falar de relacións institucionais e de infraestruturas para a cidade, polo que estamos obrigados a cooperar. Ás veces é complicado, pero por nós non vai a quedar.


Falando de Vigo, Caballero dixo esta semana que, mentres Vigo presenta un cheque social para as familias necesitadas, Santiago e Ferrol non lle dedican un peso a isto …


Iso non é certo. Abel Caballero vive no confronto permanente contra o Goberno Central e contra os gobernos das mareas. El toma posición en base a esta dinámica. Respecto o que digan os vigueses e as viguesas a través do seu máximo representante. Politicamente, vivo nas antípodas deste tipo de declaracións e prácticas de Caballero. Non me interesa para nada. Nós temos unha renda social pioneira aprobada dende hai un ano, que está a dar xa cobertura a centos de familias na cidade. Adicamos, a maiores, cartos a sufragar a luz, a recollida de lixo e outros servizos de centos de familias. Multiplicamos por tres ou por catro as bolsas para comedores escolares e para axudas de libros, xa non hai lista de agarda. Incluso nas enquisas se recoñece o esforzo do Concello a nivel social. Polo tanto, non sei se é un analfabetismo consciente ou inconsciente. Nós non temos nada que demostrarlle a Caballero, non facemos política ficción coa xente con necesidades.


Volvendo á política supramunicipal. As mareas levan case un mes nun rebumbio polo caso Quinteiro. Debe dimitir a deputada?


Quen non xestionou ben as situación foi o propio espazo a nivel nacional. Foi un síntoma que o espazo non está ben cosido dentro da súa diversidade. Eu teño a miña opinión persoal sobre o tema.


Cal é?


É secundaria. Non a dou publicamente. Defendo a actuación correcta da policía municipal. Trasladei que era o grupo parlamentario onde había que decidir que responsabilidades había que asumir.


Por que?


É onde está toda a diversidade do espazo de En Marea. Nestes intres, nos órganos do espazo político é certo que hai moitos axentes que non están a participar. Meter tensión entre o grupo parlamentario, onde está toda esa diversidade, e o espazo político, que non é representativo de todo o espazo, paréceme pouco intelixente, non o entendo. O que tivese que facer Paula -dimitir, pedir desculpas ou non facer nada- tíñase que ter sustanciado no Grupo Parlamentar dende unha posición de responsabilidade. Nada diso sucedeu. Ao final estamos nunha situación na que meteu tensión entre Grupo e espazo cunha dirección política que para moitos é cuestionable. Logo, traballouse a favor do vento dunha instrumentalización política do PP. Xusto no intre no que se aprobaba a Lei de Sanidade que sacou a miles de galegos á rúa e cando levamos dous meses coa Xustiza paralizada. Houbo xente no espazo que xogou para o inimigo. Hai tempo veño dicindo que esa é a miña opinión e en todo caso estou totalmente centrado nos retos que temos no Concello aínda que non podo obviar a representatividade da cidade a nivel nacional.


Un votante potencial de En Marea pode preguntarse se esta forza uqe non é quen de resolver un conflito relativamente menor e de ámbito persoal, vai ser capaz de resolver un conflito no caso de que cheguen ao Goberno con varios partidos ocupando diferentes consellerías e tendo que resolver conflitos moito máis importantes e que afectan a centos de miles de persoas ...


De aí o meu malestar e a miña distancia. Eu acredito que no Concello levamos tres anos moi duros nos que fomos capaces de demostrar cohesión e coherencia dende a diversidade para solventar os retos da cidade. Non o digo eu, dino as enquisas, nas que eu non creo moito. Este tipo de dinámicas non nos axudan nada aos que levamos tres anos traballando. É unha certa irresponsabilidade. As diferencias políticas non se deben escenificar en cuestións menores. Hai que amosar un mínimo de coherencia. Aí os liderados individuais e colectivos son importantes.


Certo é que Compostela Aberta logrou esquivar este tipo de polémicas, polo menos de portas cara fóra …


E é que o reto que temos na cidade non é menor, estético. Estamos inxeridos nun reto de enfrontarnos a poderes fácticos na cidade que non queren a determinado tipo de candidaturas, recuperar unha cidade que ven dunha lexislatura con tres alcaldes e ducias de imputados. Polo tanto, estamos para o importante. E o resto, non o entenden os votantes de En Marea, que eu creo que o primeiro que terían sería o dereito ao que eu chamo “mátrix” mediática lles contara a verdade. Hai moita manipulación, pero o espazo tampouco estivo a altura porque retroalimentou todo isto, e atrasou a decisión que debería ter tomado, nun sentido ou noutro.


E un mes seguimos dándolle voltas ao tema …


Hai un interese en que isto aconteza. A min entrar comparativas coa corrupción que hai noutras comunidades, co caso Cifuentes … paréceme interesado. Pero o propio espazo retroalimentou a polémica.


A esquerda non se pode botar as mans a cabeza porque a dereita use as ferramentas que ten a súa disposición.


Iso nós vivímolos con ese “matrix” todos os días. Compostela Aberta é un espazo que funcionou moi ben porque todos desarmamos as cuestións de parte. Iso non significa renunciar aos principios de cadaquén, pero todos nos sentimos vencellados a un proxecto de cidade. E hai xente que viña de plataformas, movementos sociais, movementos ecoloxistas, partidos políticos … Hai uniformidade? Non, pero hai un común denominador que é a propia cidade. Este tipo de cuestións xéranos malestar. Intentamos actuar responsablemente e centrarnos no noso. Abondo problemas temos aquí. Hai días que fixei a posición e non teño máis nada que engadir.


A persoa que a nivel autonómico estaba chamada a actuar como nexo, para calmar as inevitábeis tensións era Villares, unha persoa que viña de fóra de todos os grupos organizados nas mareas e que podía ser ese denominador común. Esa labor a esta altura parece evidente que non se logrou. Como valora o traballo de Villares?


Sei que hai interese nese debate, pero eu fuxo das discusións nominais; pero a ninguén se lle escapa que se fago unha crítica a como se está a tratar o tema no ámbito nacional, evidentemente a crítica prorrateada tamén toca aos que teñen responsabilidades, e el ten unha responsabilidade evidente.


Cambiando de tema, en Santiago hai un gran debate sobre o futuro da zona vella. O PP acusa a Compostela Aberta de ter parado o casco histórico atrasando o Plan Especial. Como respondería a esta acusación?


Estamos cun mandato, que xa ven da anterior lexislatura, dunha modificación do plan especial que leva funcionando dende a década dos 90 e foi exitoso para a cidade. Estamos a facelo con moito coidado porque entendemos que hai moitas cuestións nese plan que seguen vixentes. Hai moitos riscos, un deles que o casco histórico acabe convertido nun parque temático desnaturalizado.


Non é o xa?


Moitas desas cousas acontecen. De nós dependen poñerlle freo ou darlle vía libre. Cando falamos de medidas que se teñen adoptado, como a moratoria aos hoteis ou intento de regulación dos apartamentos turísticos, non o facemos por unha cuestión de principios políticos, facémolo por lóxica. O casco histórico é a única zona da cidade que perde habitantes. O comercio, que lle dá identidade, vai desaparecendo a favor de grandes cadeas de recordos. A presión dos pisos turísticos, é certo que agora isto está máis freado, elimina posibilidades de vivir no casco histórico. Polo tanto, entendemos que necesitamos un novo Plan Especial para afrontar estes retos. Quen se opón? O PP e determinadas entidades do casco histórico, como Compostela Monumental e outras, que non son representativas do casco histórico.


E logo?


Compostela Monumental é unha entidade de ámbito asociativo comercial que leva oito anos sen celebrar unha asemblea e sen aprobar contas. Curiosamente, ten de sede nun edificio cedido pola Xunta e curiosamente fan sempre aportacións en clave partidaria. Como ruído mediático está moi ben, como representación do casco histórico non. Estamos obrigados a conversar con todo o mundo pero evidentemente a nosa guía non vai ser unha asociación que eu entendo que non é representativa nestes intres.


Fala de frear a turistificación da zona vella. Poderías nomear algunha medida concreta que poida ser eficaz para isto?


Nós falamos de gobernanza do turismo, concepto que introducimos hai un ano. A consecuencia máis evidente del é a demanda da taxa turística, que falaba de prorratear as cargas da cidade. O turismo deixa uns beneficios indirectos, gran parte da cidade vive do turismo, pero podemos morrer de éxito. Por que non para empezar unha taxa que é de ámbito autonómico pero que nos permita obter recursos para os gastos que xera o turismo, para mantemento de políticas no casco histórico, para coidar o entorno e para unha promoción máis sostible da cidade, que aposte pola desestacionalización, que se está a lograr, pero o que pasa é que a carga global é cada vez maior. Tivemos moitas presións e levamos anos con moratoria de construcións de hoteis no casco histórico, recibimos moitas presións pero vámola manter.


O certo é que un pasea pola zona vella e non ve a penas nada máis que hoteliños e bares …


Non sabes as presións que hai para rehabilitar vivendas e facer hoteis, nós decidimos parar o número de licencias, que antes estaban en tramitación ...


É unha situación complicada …


A parte de ter vivenda na aldea, teño vivenda na Algalia. Pateo moito o casco histórico. Fórmulas máxicas non as hai. Acabamos de facer o censo de pisos de alugueiro turísticos. estamos a falar dun impacto económico importante. Curiosamente, pese ao que se vende -ademais de que non é unha actividade regulada- non é unha actividade maioritariamente de persoas que aluguen unha habitación para ter recursos extra. Moitos son multipropietarios e moitos deles derivados do sector da hostalería. Estamos obrigados a regular ese volume. E logo con medidas de axudas concretas, para a rehabilitación de vivendas, impulsándoo dende o Consorcio. Son medidas máxicas? Non. O que non podemos facer é que se autoregule. Eu creo no intervencionismo. Que pasa aquí? Hai competencias autonómicas que non se exercen porque non interesa, interesa máis un modelo de turismo masivo. Cando dis isto dinche que es un clasista, que só queres turismo de calidade. Eu quero que a cidade sexa sostible e viable e que non se rompa o modelo de convivencia entre a xente que ven e a xente que vive. Agora está en risco claramente. O que non o ve é que non quere ver.


A nivel comarcal, hai moito debate sobre a Mina de Touro. Parece que a Xunta vaille dar para adiante á reapertura. Hai preocupación no Concello de Santiago?


Hai preocupación non só por esa mina senón polos proxectos que forman parte dunha estratexia de país que entende que o país só serve para o turismo, que ten un modelo productivo non diversificado para o expolio das súas materias primas. Xa aconteceu noutros intres. Pero agora acontece con máis intensidade. En Corcoesto pasou algo así. Nós temos unha canteira rehabilitada, aquí en Miramontes, con autorización autonómica de 2013 que se está demostrando que non é unha explotación só para rehabilitar a canteira e de Tecnosolos senón que está habendo depósitos de residuos.


Xa, pero Atalaya Mininning di que vai crear 400 empregos …


Por exemplo, hai que considerar os empregos de ENCE respecto ao impacto que provoca na Ría ENCE. Ese é o criterio de algúns, pero por outra banda está que país lle imos deixar aos nosos fillos. Un país destruído, con graves problemas, con sectores produtivos desmantelando, obligando a marchar a moitos mozos e con importantes impactos en espazos naturais. No fondo todos somos responsables, isto reflicte a situación do país no seu conxunto. Eu agardo que poidamos frealo pero no fondo isto reflicte fortes intereses económicos.


Na recta final de lexislatura xa, que balance fai das relacións co BNG?


Estan os feitos para demostrar que se houbo investidura e houbo orzamentos en intres clave foi co apoio do BNG. A min dáme mágoa que no intre en que apoiaron os orzamentos non entraran no goberno. Aí pesaron máis no Bloque razóns de estratexia política de ámbito nacional que de interese local. Este é o goberno máis pequeno de efectivos que tivo Santiago, dez concelleiros. Un goberno que agora está rodado pero que ao comezo non tiña experiencia na xestión municipal, só eu viña dun concello. Iso é bo por unha banda pero ten unhas eivas. O lóxico é que se incorporaran para xestionar aqueles acordos orzamentarios. Preferiron unha estratexia nacional a unha estratexia de cidade, pero é certo que non se obstaculiza a dinámica local. Valóroo positivamente e a eles cónstalles. Coido que as veces non se valora dabondo a normalidade que lle demos ao Concello cun goberno en minoría: orzamentos todos os anos, máis de 20 de millóns de euros captados da UE, procesos de remunicipalización rematados administrativos. Pode parecer normal, pero para un goberno en minoría demostra que houbo un gran esforzo e diálogo, por construír o que a realidade das urnas deixou. Ninguén entendería que o PP fose hexemónico.


As relacións co PSdeG xa foron outro conto, non?


Si, porque o PSOE interpretou que houbera unha usurpación do seu espazo político.


E melloraron as relacións dende a chegada de Gonzalo Caballero ao liderado do PSdeG?


A dinámica local sempre foi a dinámica local. Eu con Gonzalo manteño unha relación cordial, incluso de participar en tertulias televisivas e mantemos o contacto. Pero o grupo local considerou que lle usurpáramos o espazo e iso foi un erro. Os espazos políticos xa non son de ninguén. A xente é máis líquida á hora de votar e está máis formada. O PSOE de Santiago adoptou unha equidistancia entre o pasado do PP e a nova etapa que eu creo non é intelixente porque o pasado do PP nesta cidade pesa moito, aínda non lle pediron desculpas polo que fixeron na pasada lexislatura, son xente desmemoriada e iso réstalles credibilidade.


 Martiño Noriega que balance fai a nivel persoal? Non é o mesmo ser alcalde de Teo que dirixir a capital de Galicia, por exemplo a nivel de prensa, con portadas chamándolle alcalde 2.0 …


Direino dentro duns anos, cando colla distancia de todo isto. É unha experiencia intensa, que a min vaime deixar marca. No orgullo que supón gobernar con outros homes e mulleres a capital do teu país. Pero tamén nas dificultades atopadas, tivemos que renunciar a moitas cousas no ámbito persoal que pasan factura, a moito do noso espazo persoal. Tamén hai que ser conscientes de que era un intre histórico e tiñamos que ser serios e responsables; ser rebeldes competentes. O outro tamén deixa feridas, non é cómodo enfrontarte a ese “tigre” permanentemente. É moi desagradábel. Tes que encoirarte, pero non perder nunca a inocencia e o compromiso, pero blindarte e coller distancia, e entender que iso no deixa de ser unha parte da miseria contra a que estás loitando.


Di que foi un intre excepcional. Tan excepcional foi que Martiño non se plantea volver a presentarse ao proceso de Compostela Aberta para no seu caso chegar a ser alcalde?


Cando fixei a data despois do verán para tomar a decisión non era unha estratexia. Hai unha parte persoal que non o ten decidido, por razóns que non veñen ao caso, do ámbito persoal e familiar. Os procesos son tan acelerados estes anos que actuar con previsións, como nos 90 en política, non é realista. É unha decisión que adoptarei individual e colectivamente despois do verán. A día de hoxe … depende do día que me preguntes. Non teño tomado a decisión e estamos nun ano importante, executando fondos europeos. Quero que o equipo estea centrado, aínda que entendo que todo o entorno xa está en campaña electoral.


Xa, están todos en precampaña e Compostela Aberta debera poder competir nesa precampaña non?


Ou non. No libro que publiquei con Daniel Salgado, A Contradición Permamente, unha das preguntas que me facía era sobre o anterior proceso electoral, que foi de exposición curta, no que un dos factores que axudou foi facer un movemento rápido e non ter sufrido unha exposición longa. Os poderes fácticos actúan con tanta agresividade que canto menos identifiquen as persoas que se quedan ou as que poidan vir, mellor para todos. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE