O 20% dos anciáns que entran nunha residencia perden peso
Colectivos galegos esixen cambios na alimentación das residencias de maiores e centros asistenciais tras anos de queixas por comida deficiente, racións escasas e unha preocupante perda de peso entre os residentes. O novo proxecto do Goberno para garantir unha dieta saudable e sostible abre a porta a reformas que moitas voces levan tempo reclamando.
A calidade da alimentación en residencias galegas volve estar no centro do debate. Varias organizacións, como a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD), a Plataforma Comida Digna Xa e o Sindicato Labrego Galego, presentaron alegacións ao novo proxecto de real decreto promovido pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que busca mellorar a dieta en centros públicos e concertados. Denuncian que moitas residencias ofrecen menús insatisfactorios, con produtos procesados, sen sabor e con escasa presenza de alimentos frescos.
Un dos principais problemas sinalados por ASGADeD é a perda de peso que sofren as persoas maiores tras ingresar nestes centros. A asociación estima que polo menos un 20 % dos usuarios acaban adelgazando de forma preocupante ao pouco de entrar nas residencias, o que podería deber, en parte, á escasa calidade e variedade da comida. Reclaman un seguimento regular do estado nutricional dos residentes, ademais dunha aposta firme por produtos de tempada e proximidade.
O portavoz de ASGADeD, Francisco Vázquez Vizoso, un dos participantes na rolda de prensa de onte, critica que os alimentos “se trasladen desde 200 quilómetros”, o que, ao seu xuízo, responde a intereses económicos. Subliña que a saúde dos maiores “debe estar por encima da mercantilización” e defende a elaboración de comidas nas propias cociñas dos centros, evitando os servizos de catering externalizados.
ASGADeD, a Platafoma Comida Digna Xa e o Sindicato Labrego, insisten en que hai mala alimentación en centros e residencias públicas e piden unha reforma produnda. ". A normativa actual non prioriza ademais vos alimentos frescos de quilómetro cero, agroecolóxicos e do noso rural, favorecendo en cambio a grandes empresas de catering que serven alimentos ultraprocesados", argumentan.
As organizacións consideran que esta situación non é neutral nin inevitable, e que a nova normativa que se promove a nivel estatal pode representar unha oportunidade para avanzar cara a un sistema alimentario acorde cos obxectivos de programas como o Pacto Verde Europeo ou a estratexia «Da Granxa á Mesa» de sustentabilidade e compromiso coa saúde e o medio ambiente. "Porque todas as persoas deberían ter dereito a unha alimentación digna", insisnten.
En Galicia, a maioría de residencias públicas dependen da Xunta e alimentan aos seus usuarios mediante contratos con empresas externas de catering. Aínda que esta fórmula busca eficiencia econoómica, xerou un amplo rexeitamento entre familiares e usuarios, que critican a calidade dos menús. Unha das máis criticadas foi a residencia da Pontenova en Oritugiera, onde os familiares documentaron comidas “en mal estado, queimadas ou de días anteriores”.
Non é un caso illado. En setembro de 2024, unha enquisa encargada pola Xunta reflectía o malestar dos usuarios: o 45 % das persoas atendidas en residencias e centros de día mostrábanse insatisfeitas coa comida, e case a metade outorgaba as notas máis baixas. As principais queixas apuntaban ao sabor, a textura e o valor nutricional das racións.
Un dos episodios máis graves produciuse en xuño de 2021, cando unha posible intoxicación alimentaria afectou a unha ducia de anciáns nos centros do Carballiño e Leiro. Catro deles necesitaron atención hospitalaria. Noutro caso en Ourense, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou unha sanción da Xunta a unha residencia de Ou Barco de 38.000 euros a unha residencia ourensá por deficiencias no seu servizo de alimentación. A residencia segue en funcionamento.
O borrador do Real Decreto, aínda en fase de tramitación, busca establecer criterios comúns para garantir unha alimentación saudable e sostible en todos os centros públicos que atenden a persoas dependentes ou con necesidades especiais. A normativa propón menús adaptados ás recomendacións de organismos como a OMS, con especial atención á variedade, o equilibrio e a calidade nutricional.
A consulta pública sobre o proxecto abriuse o 22 de maio de 2025 e finalizou o 21 de xuño. Recolléronse achegas de colectivos, profesionais e usuarios co obxectivo de mellorar o texto final. O proceso lexislativo continuará coa revisión do decreto, a súa aprobación en Consello de Ministros e a súa posterior publicación no BOE. Aínda non hai data para a súa entrada en vigor, pero o obxectivo declarado do goberno é avanzar nos próximos meses.
Un dos alicerces desta normativa é o impulso á produción local. A AESAN quere que os alimentos servidos nestes centros proveñan de contornas próximas e de tempada, o que non só melloraría a calidade da dieta, senón que tamén apoiaría aos produtores locais. Esta visión enlaza cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, en especial coa meta de erradicar a fame e promover dietas saudables.
As principais queixas das organizacións de familiares de usuarios de residencias sinalan ás empresas de catering encargadas de fornecer a comida nestes centros. Os testemuños recollen racións pequenas, ausencia de produtos frescos e preparados industriais con escaso valor nutricional. Ademais, denuncian que as inspeccións se avisan con antelación, o que permite maquillar temporalmente as deficiencias.
Outro punto crítico é a falta de persoal en cociñas. Documentáronse situacións nas que un só traballador debe preparar a comida para decenas ou mesmo centos de persoas, o que impide unha atención axeitada. Esta precariedade afecto tanto á calidade como á seguridade alimentaria.
O transfondo económico tamén pesa: máis do 86 % das residencias en España están en mans privadas, e o 92 % das prazas son de xestión privada. Isto implica, necesariamente, que o xestor debe asegurar de lograr máis ingresos que gastos, o que pode levar a aforrar en comida.
Para moitos, a clave está en reforzar o control público e garantir que a saúde das persoas dependentes non quede en mans do beneficio empresarial.
Escribe o teu comentario