A CIG denuncia despedimentos e represión sindical no restaurante Gasthof
Os despedimentos leváronse a cabo no restaurante da cadea coruñesa do Centro Comercial Área Central de Santiago de Compostela
Foto: CIG
A CIG denuncia o despedimento de unha traballadora e un taballador no restaurante Gasthof en Compostela. Segundo explica o sindicato, as destitucións son "unha clara represalia contra as traballadoras pola súa actividade reivindicativa na defensa dos dereitos das súas compañeiras e compañeiros".
CIG-Servizos informou de que nas eleccións de hai dous anos, a empresa "perdeu o control do comité", o que fixo que aflorase unha actividade sindical real que denunciaba excesos de xornada, horas extra non cobradas, falta de vacacións, etc, no grupo que conta con unhas 120 empregadas na provincia.
O pasado xoves 5 desenvolveuse unha concentración diante do restaurante do Grupo Gasthof do Centro Comercial Catro Camiños da Coruña para rexeitar o despedimento do operario, delegado da Sección Sindical da CIG, e da operaria, militante tamén e que amosou o seu desacordo coa decisión empresarial.
"Para a Federación fica claro que a decisión de rescindirlle o contrato ao delegado da Sección Sindical e á traballadora é unha represalia contra aquelas persoas e organizacións que se enfrontan á empresa e un intento de amedrentar o persoal para que non reclame o seus dereitos", publicou o sindicato nun comunicado na súa web.
Escribe o teu comentario