Carles Puigdemont detido en Alemaña
España xa recibiu a notificación oficial da detención do expresident, en cumprimento da euroorden reactivada polo xuíz Llarena.
O avogado do expresidente da Generalitat Carles Puigdemont, Jaume Alonso Cuevillas, asegurou este domingo 25 de marzo que o expresident foi detido en Alemaña cando tentaba cruzar a fronteira desde Dinamarca para volver a Bélxica.
Puigdemont saíu o venres de Finandia e responderá ante a euroorden desde Bélxica
Descoñecíase o paradoiro do expresident desde que o pasado venres, cando abandonou Finlandia antes de tempo. Puigdemont quixo xogar ao descoido durante todo o fin de semana. Quixo facer crer que xa se atopaba en Bélxica.
Nunha publicación na súa conta de Twitter asegurou que o trato "foi correcto en todo momento" e que se atopa nunha comisaría. O seu letrado dicía que foi "retido".
Cuevillas explicou que Puigdemont volvía a Bélxica para "poñerse, como sempre, a disposición da xustiza belga" e que o seu defensa xurídica xa está activada.
Esta mesma mañá, o seu avogado dicía descoñecer o paradoiro de Puigdemont.
A detención produciuse ao redor das 11 da mañá en Shuby, ao norte de Alemaña, a 30 quilómetros da fronteira con Dinamarca. A policía alemá interceptaba o vehículo no que viaxaba Puigdemont, unha Renault Space con matrícula belga, xunto a outras catro persoas.
O diario alemán 'Focus' asegura que o servizo de intelixencia español tiña localizado a Puigdemont e cando saíu de Finlandia cara a Alemaña informou a policía alemá.
España xa recibiu a notificación oficial da detención do expresident, en cumprimento da euroorden reactivada polo xuíz Llarena.
Puigdemont pasará a disposición das autoridades xudiciais alemás, quen terá que decidir se o deixan en liberdade con ou sen medidas cautelares, ou se o mantén detido. A normativa da euroorden obriga ás autoridades alemás a decidir nun prazo de 60 días. En casos excepcionais, os t´ramites poderíanse estender ata 90 días.
O Código penal alemán contempla penas que van desde os 10 anos de cárcere ata cadea perpetua para delitos como os que se lle imputan en España a Carles Puigdemont.
VIAXE DE FUXIDA
Ata este domingo, descoñecíase o paradoiro de Puigdemont. Tanto o seu avogado como o deputado finés que organizou a súa viaxe a Finlandia aseguraron que abandonara o país o venres 23 de marzo, un día antes da orde de extradición.
Puigdemont abandonou Filandia a noite do mesmo venres. Ao longo do sábado, as autoridades finlandesas estiveron ao buscar sen éxito, vixiando todos os portos e aeroportos do país, tras recibir a euroorden ditada por Pablo Llarena. O expresident tiña uns billetes de avión para regresar a Bruxelas o sábado pola tarde.
A FISCALÍA XA TRABALLA CON ALEMAÑA
A Fiscalía atópase realizando intensas xestións coa Fiscalía de Alemaña e Eurojust a fin de poñer á súa disposición toda a documentación e material que se precise para facer efectiva a euroorden de detención, segundo fontes xurídicas.
O maxistrado do Tribunal Supremo que investiga os feitos relacionados co 'procés', Pablo Llarena, reactivou este venres as ordes europeas e internacionais de detención para Carles Puigdemont, así como os exconsejeros que fuxiron con el a Bélxica -Antoni Comín, Clara Ponsatí, Meritxel Serret e Lluís Puig-.
Escribe o teu comentario