Sexta semana de folga na Xustiza pendente de máis negociacións
Os xulgados e rexistros civís galegos arrincarán este luns a sexta semana en servizos mínimos debido á folga indefinida dos funcionarios do sector xudicial da comunidade que se iniciou o 7 de febreiro e que, desde entón, paralizou miles de xuízos e trámites xurídicos.
Farano á espera de que volvan sentar Xunta e sindicatos, despois do encontro do pasado venres que finalizou, unha vez máis, sen acordo despois de horas de negociacións, varios recesos e ata tres propostas por parte da Xunta.
A última, que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou na pasada xornada, tradúcese nunha subida de 105 euros máis ao mes, de forma lineal para todos os corpos do sector --auxilios, tramitadores e xestores--, un incremento que empezaría a cobrarse parcialmente este 2018, alcanzando o total en tres anos.
A Xunta defendeu que, así, en 2020, os funcionarios da administración de xustiza da comunidade cobrarían 1.260 euros máis ao ano e quedarían "por encima" da media de "os 19 territorios, as 17 comunidades ou as autonomías con competencia transferida e o 'territorio Ministerio', tal e como se pediu no Parlamento".
Con esta subida lineal, segundo a táboa que o comité de folga difundiu en febreiro (das 12 comunidades con competencia transferida e o 'territorio Ministerio'), co total do incremento que ofrece a Xunta, a suma do complemento autonómico transitorio (CAT) e da produtividade roldaría os 550 euros ao mes para os funcionarios galegos de xustiza.
Unha oferta previa, coa mesma masa salarial pero que facía subidas distintas en función do corpo, situaba aos xestores máis arriba na táboa. Os sindicatos contestaron cunha contraoferta, que rebaixa as súas pretensións de 225 euros máis ao mes a 190, aínda distante dos 105 euros mensuais a maiores que expón a Xunta.
Escribe o teu comentario