​Mina de Touro-O Pino: O demo tira ao inferno

Xurxo Borrazás

Xurxo Borrazás (Carballo 1963) é un novelista, ensaísta e traductor. As súas obras dialogan coestética posmoderna e recibiron varios premios, como o Premio de la Crítica española, o Premio da Crítica de Galicia, o Antón Losada Diéguez e o San Clemente.

Pois xa parece claro, o sr. Núñez Feijóo non está disposto a deixar o cargo sen agasallarnos co herdanza envelenada de unha macromina a ceo aberto. Deixouse tentar primeiro pola estafa de un bufette lobbista canadiano disfrazado de empresa mineira que prometía o ouro e o mouro, pasando polo cianuro, en Corcoesto, e agora contraataca con un avatar cupro-chipriota de Riotinto en Touro.


MIBNAtourodesbordamentobalsamineiranormal15febreiro20183 r


No caso de Corcoesto a empresa tiña un capital cero, o capital esperaba conseguilo aquí de calquera paspán que se deixase engaiolar, sempre os hai. Mesmo é discutíbel que tivese intención de ir adiante coa explotación. O primeiro triunfo acadouno cando a Xunta de Galicia lle outorgou a concesión, aínda agora estamos a desviar fondos de I+D+i para facerlle fronte ás compensacións pola suspensión. O peor é que o pleito do lobby canadiano está en Bruxelas con avogados de verdade que falan inglés e francés e, ante a inacción e a incapacidade da administración galega, pode acabar custándonos unha verdadeira millonada, esa é a segunda fase. Xa cantaron liña pero agora van polo bingo.


O caso de Touro é máis serio, leva o carimbo de Riotinto e iso acolloa. Non da multinacional Riotinto, que parecería responsábel, senón da empresa Atalaya Mining, con domicilio social en Chipre, que baixo a marca local de EMED Tartessus explota agora a vella mina de Huelva. En Touro a marca local é Cobre San Rafael. Así, cando veñan mal dadas, será máis difícil serguirlles a pista e delimitar responsabilidades: Cobre San Rafael quebrará, Atalaya acollerase a unha cláusula que a desvincula da filial e deriva a responsabilidade á propia Xunta e: “Síntoo, debeuse trabucar de número. Atalaia di vostede? Aquí non vive ninguén que se chame así”.


Para as consecuencias que a mina tería sobre a paisaxe ou a economía da zona, desde as explotacións agrogandeiras ao turismo (ao pe do camino de Santiago) ou o marisqueo na Ría de Arousa, así como sobre a saúde da poboación, remítome aos informes da Plataforma “Mina Touro O Pino Non” . Eu, que coma os avogados canadianos falo inglés, mergullei na rede en busca de información e atopei o seguinte:


O director executivo de Atalaya é Alberto Lavandeira, un galego que tamén se fixo con Río Narcea Gold Mines e foi fichado pola canadiana Black Dragon (xa me diredes se non mola o nome) pola súa experiencia en minas en Katanga. Se funciona no Congo, por que non vai funcionar en Galiza? Dicimos Edgewater ou Black Dragon e parece que falamos de Microsoft, cando a acción de calquera delas vale 5 céntimos de dólar, co redondeo á alza. O capital constituído de Cobre San Rafael era ata hai catro días de 5.000 euros. Atalaya Mining ten presenza en unha soa mina, a de Huelva.


Agora Lavandeira, que tamén fala un inglés puído, ponlle cara a un investimento de fondos suizos, británicos, chineses, árabes, etc, para especular coa febre do cobre en China ou India e coa necesidade dos concellos sen escrúpulos e os gobernos autonómicos de armar promesas de conto de fadas en torno ao emprego: A Junta de Andalucía inxecta incentivos para o desenvolvemento e, no caso de Corcoesto, falábase de 300 empregos e a Xunta xa os multiplicaba por catro.


O proceso

En un estudo americano favorábel a este tipo de explotacións leo que as cuestións medioambientais son as que marcan o deseño económico de un proxecto e determinan a súa viabilidade: a menos regulación e menos esixencia, máis viabilidade. Pensade en Núñez Feijóo e poñerédesvos a tremer. Esas cuestións son o que no sector chaman o dano estético, o ruído e as vibracións das explosións diarias e o tránsito de camións xigantescos, a erosión, a calidade do aire (entre parénteses aclaran: po e productos contaminantes empregados), afundimentos e avalanchas, procesamento dos residuos, contaminación das augas en superficie e no subsolo, danos nas infraestruturas, etc.


Un dos puntos máis delicados é o de que facer cos residuos. Por unha parte están os sólidos e por outra os líquidos, ou lamacentos, resultado estes dos procesos químicos para separar a ganga de, neste caso, o cobre. Os sólidos, o entullo, xunto co buraco, constitúen o dano estético. Tamén ocasionan filtracións e unha saída é convertelos en vertedoiros e colmatalos con capas de terra e vexetación esperando que se estabilicen. Non se pode deixar que se convirtan en lagos porque iso contribuiría ás filtracións, de modo que esa solución non vale para climas con altas precipitacións ou con acuíferos, como por exemplo… Suponse que para que un destes depósitos adquira unha acidez neutra e deixe de filtrar poden ter que transcorrer entre centos e milleiros de anos. Como este tipo de explotación é relativamente novo non hai datos concluíntes: será unha sorpresa. Xa o saberán as xeracións futuras.


Os residuos lamacentos son a nai do cordeiro. Hai que depositalos en balsas, que son tóxicas debido á presenza de sulfuros non extraídos, que ao contacto coa auga se oxídan e producen ácido sulfúrico, así como chumbo, arsénico e outros metáis pesados. O proceso descrébese ao detalle na web da propia empresa para Riotinto.


Tras os barrenos e o transporte en camións de grande tonelaxe o mineral extraído sométese a unha triple trituración e unha fase de moído para convertelo en micropartículas de 1 milímetro, mestúrase con auga para convertelo en pulpa e pasa á fase de flotación. Alí, en palabras da empresa, “prodúcense os procesos físico-químicos que permiten recuperar o seu contido metálico… Isto faise en tanques sucesivos que xeran burbullas que, asistidas por productos químicos, levan as partículas de metal á tona e deprimen os elementos innecesarios… O material que vai desbotándose é bombeado ata o Depósito de Estériles”. A negriña é miña pero as palabras son súas. En concreto ese depósito de estériles en Touro ocupará 300 hectáreas.


O exemplo

No canto de seguir imaxinando imos examinar un caso real, a mina de cobre a ceo aberto de Bingham Canyon en Utah, nos EUA. É propiedade do grupo Riotinto, empresa británico-australiana, non vaiades pensar. Se a buscades en Google maps só aparece na versión satélite, seica é visíbel desde a lúa, diso fachendea a empresa. O buraco ocupa 9 km cadrados e ten unha profundidade de 1.200 metros. Os helicópteros teñen prohibido sobrevoalo porque as circulacións de aire poderían engulilos coma un remuíño. O aparcadoiro dos empregados é diminuto, o que dá idea de cantos son. As balsas están a carón do cemiterio de Copperton (algo así como Cobreburgo) e conteñen 1.800 millóns de toneladas de “estériles”.


Nos anos 80 descubríuse que as augas subterráneas estaban contaminadas e que o encoro da explotación ameazaba unha poboación cercana. A empresa mercou os terreos e sobornou as autoridades para agochar o informe. Nos ’90 sóubose que a zona estaba altamente contaminada de chumbo, arsénico, mercurio, selenio, zinc, cadmio, cromo, sulfuros… A empresa foi obrigada a retirar 25 millóns de toneladas de residuos, “calderilla”. O resto consolidouse e colmatouse sobre o terreo. Nesta década rexistráronse sete vertidos e descubriuse que o po en suspensión tamén poñía en grave perigo a saúde das persoas. Entre o 2000 e o 2011 houbo outros 18 vertidos, algún de varios millóns de litros de arsénico, un deles de case 20 millóns de litros de ácido sulfúrico. Na cidade máis próxima, Salt Lake City, plantéxanse solucións para aportar a auga de consumo humano en superficie dada a estimación de que en 70 km á redonda non se aconsellan os pozos para extraela. En 2013 producíronse na mina dous corrementos de terras no buraco, un deles de 70 millóns de metros cúbicos. Isto é o que ocorre nunha mina no primeirísimo mundo. Agora se queredes cóntovos o que ocorre nas de Katanga.


Pode ser que Mr. Lavandeira nolo vaia deixar todo limpo e fregado pero de momento xa foi denunciado porque o aire en torno a Rio Tinto superaba en dez veces os niveis normais de arsénico. E a ver: vós imaxinades unha empresa pantalla radicada en Chipre que, ao rematar a actividade da que obtén os ingresos diga: “E agora, antes de marchar, ímoslle dedicar 400 millóns de euros (esa é unha estimación do custo, que supera con moito o capital constituído de Atalaya Mining) a rexenerar a zona, en mostra de agredecemento coas terras de Touro, que levaremos para sempre no corazón”. Imaxinádelo? Si, non? Pois eu tamén.

1 Comentarios

1

Esto creo xa solo o sostén a Xunta, por qué Galicia xa lle está a decir que así non se goberna . Basta xa !!!!!!!!!!

escrito por Adrián 19/Feb/18    15:07 h.

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE