O cheque-máscara

Xurxo Borrazás

Xurxo Borrazás (Carballo 1963) é un novelista, ensaísta e traductor. As súas obras dialogan coestética posmoderna e recibiron varios premios, como o Premio de la Crítica española, o Premio da Crítica de Galicia, o Antón Losada Diéguez e o San Clemente.

Esta Xunta de Galicia, afeccionada á caza mesmamente en pleno estado de alarma, ou quizais por iso, vén de poñer en marcha unha batida para matar tres paxaros dun tiro. Coa roupa de camuflaxe, a canana chea, saltando a veda da precampaña e co corno anunciante da prensa amiga, lanza un bono solidario de 250 euros para que o persoal sanitario o gaste en turismo e hostalería. A falta dun premio Princesa de Asturias, bos son eses euriños para tentar aplacar a ira de médicas, enfermeiras ou celadores indignados polo abandono ao que o propio Sergas nos someteu durante a pandemia, un cheque-máscara para taparlles a boca.


O segundo paxaro é beneficiar a Abanca, a mesma cuxo espolio Feijóo bendeciu e que entre  outras cousas posuía residencias de anciáns agora privatizadas nas que morreron abandonados os nosos anciáns. O banco venezolano xestionará os bonos mediante unha tarxeta moedeiro. Os grandes beneficiarios serán os bos amigos da industria hostaleira e a restauración, comezando por HOTUSA, os mesmos que acubillan os empregos cos salarios e condicións máis miserables do mundo laboral.


O terceiro paxaro é o lavado de cara diante da opinión pública previo ás eleccións autonómicas, coincidiu así. O diñeiro que non había para comprar equipos de protección ou equipar UCIs, como non o había para manter aberto o paritorio de Verín, para dar servizo de pediatría ou unha asistencia primaria decente en todo o territorio, para ofrecer contratos  dignos ou deixar de pechar cuartos e plantas enteiras cada verán, para atender os servizos de urxencias en cada vaga de gripe… hainos agora para un aplauso de cacique en forma de cheque-aguinaldo.


Ollo, coñecendo o percal, non sería de estrañar que, como noutras ofertas similares da Xunta do PP, para o aluguer, a pobreza enerxética, os autónomos, etc, a letra pequena faga que nin sequera esa esmola chantajista substánciese. Tras ler os requisitos para acceder a ese cheque igual resulta que anuncian unha e contan vinte. A ver se a partir do día 13 o imos sabendo.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE