Catro cidades de Galicia están a perder poboación
Somos case 10.000 galegos menos que o ano pasado, a pesar de que hai tres cidades que seguen atraendo habitantes.
Galicia rexistrou o 1 de xaneiro de 2017 unha cifra de poboación de 2.710.216 habitantes, o que supón un descenso de 9.886 persoas con respecto ao ano anterior, cifrada en 2.720.102 habitantes, segundo os datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE).
Por provincias, A Coruña e Pontevedra concentran máis do 76% do total da poboación galega. Ademais, segundo as cifras poboacionais de referencia, tres comarcas galegas gañaron poboación con respecto ao ano anterior: Santiago, A Coruña e Pontevedra.
O IGE precisa que a partir do 1 de xaneiro de 2017 as cifras da comarca de Pontevedra inclúen as do concello de Cerdedo-Cotobade, resultado da fusión dos concellos de Cerdedo (pertencente ata esa data á comarca de Tabeirós-Terra de Montes) e Cotobade. De aí, en parte, o incremento da poboación na comarca de Pontevedra ocorrida entre os anos 2016 e 2017.
Os sete grandes concellos galegos presentan desigual comportamento na súa evolución anual. Así, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo gañan poboación en comparación co ano anterior, mentres que A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense pérdena.
Escribe o teu comentario