O presidente do Parlament reclámalle amparo a Estrasburgo para investir a Puigdemont
Os letrados da Cámara catalá presentan alegacións contra o recurso do Goberno que pediu ao TC impugnar a candidatura do ex presidente.
O presidente do Parlament, Roger Torrent, levará a defensa da investidura de Carles Puigdemont como presidente da Generalitat ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo a través dunha demanda que pedirá medidas cautelares.
A demanda de medidas cautelares "desborda as institucións do Estado e pon a decisión en mans dun órgano superior que podería tutelar os dereitos políticos de Puigdemont e garantir unha investidura efectiva".
Se a demanda fose estimada, resolveríase en 24 horas, aínda que, tal e como conta a información de Catalunyapress, a demanda non está presentada aínda e non hai unha data fixada para facelo.
ALEGACIÓNS AO TC
O Parlament pediulle este martes ao Tribunal Constitucional (TC) que desestime o recurso do Goberno que pide impugnar a resolución pola que Torrent propuxo a investidura de Puigdemont.
Catalunyapress explica na súa información que os letrados consideran que a impugnación que pide o Goberno central e as medidas cautelares do TC teñen un carácter "preventivo e puramente hipotético" que provocaría que fosen improcedentes, un argumento na liña do escrito remitido polo Consello de Estado, que considerou que non era o momento de presentar o recurso.
INVESTIDURA A DISTANCIA
A Mesa do Parlament non aborda na súa reunión deste martes a iniciativa de JxCat rexistrada o venres para modificar a Lei da Presidencia co obxectivo de poder investir a Puigdemont a distancia, e pediu que se tramitase polo procedemento de máxima urxencia e por lectura única.
Que non se inclúa a valoración da iniciativa para cambiar a Lei de Presidencia "permite a JxCat esclarecer que pide exactamente para non telo que tombar na Mesa por motivos formais", sinalan as mesmas fontes.
Escribe o teu comentario