Montoro rectifica e desbota a posibilidade dunha quita da débeda autonómica

Rajoy reúne os seus 'baróns' en Xénova. Desde Galicia reclámase que se hai quitas da débeda, a nosa comunidade saia beneficiada.



|

Rajoy barónsReunión dos líderes autonómicos do PP. Foto: @marianorajoy


O ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, garantiulles aos 'baróns' territoriais do PP, entre os que se atopa o presidente da Xunta que non haberá quita de débeda autonómica no novo sistema de financiamento autonómico.


Así o manifestou Montoro durante un xantar de traballo --na sétima planta da sede do PP-- que presidiu Rajoy.


Montoro admitiu publicamente hai uns días no Congreso a posibilidade de estudar a débeda das comunidades infrafinanciadas no marco do novo sistema de financiamento. Con todo, este luns quixo deixar claro ante os baróns do PP que non pensou en aprobar quitas de débeda, senón algún mecanismo de refinanciamento que lle dea osíxeno ás autonomías máis endebedadas.


No seu discurso durante o xantar de traballo, Rajoy subliñou que hai que contar co PSOE para reformar o financiamento autonómico, dado que o PP só ten 137 deputados no Congreso. Neste sentido, insistiu en que quere sacalo adiante co máximo consenso posible, segundo as fontes consultadas.


Fontes 'populares' aseguraron que nese mesmo xantar se acordou tamén que o PP lance en breve tres documentos con propostas: un de financiamento autonómico, outro sobre a auga e un terceiro sobre demografía.


"GOBERNEMOS"


Con respecto ao financiamento autonómico, Núñez Feijóo felicitouse de que se aclarase o asunto da débeda. Unha quita sería un "erro económico", pero, ao seu xuízo, tamén "moral" e ningún cidadán entendería unha condonación de débeda a quen debe diñeiro, advertiu. "Sería complicado pedirlles logo que sigan pagando impostos", agregou.


O presidente da Xunta insistiu en que hai que "pagar a débeda". "Cuestión distinta é que se busquen mecanismos para reestruturala, facilitar os prazos de pago", sentenciou.


Feijóo considerou que o PP se debe dedicar este ano a gobernar e facer propostas para os cidadáns, porque non é un ano electoral, e en 2019, cando si hai citas coas urnas --en Galicia só municipais--, os votantes decidirán que partidos tomaron máis iniciativas. "Non hai eleccións en 2018: gobernemos".


A "RECIBIR INSTRUCIÓNS"


Desde Galicia, o portavoz de En Marea, Luís Villares, considerou que Feijóo acode "sumiso" e a "recibir instrucións" ao encontro convocado por Rajoy, e reclamou un novo modelo de financiamento autonómico "máis xusto" e baseado na "solidariedade" fiscal.


Villares reprochou a posición "descoñecida" neste tema por parte de Feijóo e asegurou que En Marea defende unha quita "equitativa" e que "parte" da débeda "sexa condonada por inxusta".


Por iso, preguntou se o PP quere manter "na mochila dos galegos" unha débeda "impagable" e lembrou que Galicia se endebedou, "sobre todo, con financiamento privado", como parte de "unha operación de imaxe" de Feijóo e non acudir ao fondo de liquidez autonómica (FLA).


QUITAS "IGUALITARIAS"


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou este luns a Feijóo a aproveitar o encontro para urxir un novo modelo de financiamento e reclamar que, se hai quitas na débeda, se faga "en condicións igualitarias".


Nunha rolda de prensa na Cámara, Leiceaga esgrimiu que o PSdeG desexaría que o financiamento se abordase na Conferencia de Presidentes ou nun marco no que puidesen participar todos os dirixentes autonómicos, no canto de que Rajoy convocase unha reunión de partido pero, aínda así, pediulle a Feijóo que fixe postura sobre o financiamento.


"É necesaria unha solución rápida e con vixencia desde o 1 de xaneiro de 2018", pediu, antes de advertir, ademais, que este exercicio é o último sen comicios á vista, o que permitiría evitar a "presión" engadida que sempre supoñen as eleccións.


"O trato debe ser igual para todas as comunidades e isto é tecnicamente posible", defendeu o dirixente socialista.


"SOBERBIA DE FEIJÓO"


"Se se vai a poñer en marcha esa quita do financiamento extraordinario o que non pode ser é que as galegas e galegos paguemos a soberbia de Feijóo, e ten que haber unha compensación equivalente", avisa a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.


En rolda de prensa en Santiago, Pontón cargou contra o "pasotismo" do presidente da Xunta para negociar un financiamento que beneficie a Galicia, o que "supón o risco de máis recortes" para os galegos.


Así, a portavoz nacionalista sostén que ese "pasotismo" de Feijóo se resume en que: "Sempre espera a ver que se decide en Madrid" e "propón Montoro"; existe "opacidade", ao non ter traslado "nin un só documento" ao Parlamento sobre a postura de Galicia; e "critica sempre os logros dos demais".


"INCENTIVO PERVERSO"


Pola súa banda o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, considerara que as quitas de débeda "non son boas para o conxunto do país", ao introducir un "incentivo perverso para o futuro", advertindo de que "non se pode tratar mellor a quen incumpre que a quen cumpre" nesta materia.


Sobre as críticas polo suposto descoñecemento da proposta autonómica, Puy lembrou que no PP e PSOE pactaron unha "posición global" sobre a reforma, "acordada" cos socialistas e aprobada "hai xa bastantes semanas".


Sobre as  quitas en concreto, considerou que Galicia "non ten que ser tratada igual", senón que ten que ser "tratada mellor" por ser unha comunidade cumpridora cos compromisos de débeda. "Non se pode premiar os incumpridores, nin se debe de tratar igual a cumpridores que a incumpridores", reiterou, dado que nese caso Galicia "sería damnificada".


Así mesmo, mostrouse "seguro" que no encontro entre Feijóo co presidente do Goberno e xefe de filas do PP haberá "resultados positivos" no caso de que se aborden estes temas.


relacionada ​Montoro ábrese a perdoarlles ás comunidades créditos que Galicia apenas aproveitou
relacionada ​O financiamento autonómico vai camiño de se converter nunha "guerra" entre territorios
relacionada ​Xunta e municipios ven como un agravio a proposta de Montoro sobre a débeda autonómica

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE