Montoro ábrese a perdoarlles ás comunidades créditos que Galicia apenas aproveitou
No debate do financiamento autonómico, Feijóo subliña sempre que espera un premio para Galicia por ser 'cumpridora'.
Valeriano Martínez, con Montoro no CPFF.
Cristóbal Montoro asegurou que é "o momento" de reformar o sistema de financiamento autonómico, porque mellorou a recadación e está controlado o déficit público, e confiou en que "pronto" Cataluña "estea en condicións" de participar nas negociacións, debido a que sen esta comunidade non se abordará o cambio, insistiu.
Montoro compareceu no Congreso para explicar como avanzan os traballos da reforma, que levan un ano en marcha coa participación de todos os gobernos autonómicos excepto o catalán.
O ministro abriuse neste punto a debater sobre a condonación da débeda das comunidades co Estado, contraída nos últimos anos ao crear o Goberno fondos de financiamento para as autonomías. Trátase tanto do Fondo de Liquidez Autonómico, para comunidades que non puideron obter recursos nos mercados, e o Fondo de Facilidade Financeira, con interese cero para as autonomías "cumpridoras" co obxectivo de déficit. A este último é ao que recorreu Galicia, aínda que nunha cantidade ata vinte veces menor que outras comunidades.
INSUFICIENCIAS
A necesidade doutras autonomías do FLA é un dos argumentos máis socorridos por Feijóo no debate da reforma do financiamento autonómico. O presidente da Xunta rexeita 'premiar' os territorios "incumplidores" e espera que a Galicia se lle recoñeza o esforzo.
Montoro, con todo, expresou que "hai que ver que parte lle corresponde a insuficiencias do sistema de financiamento actual", para argumentar que o Estado non ten "interese en financiarse" á conta das autonomías, porque se trata de débeda entre administracións. "Antes ao contrario", agregou. "Hai que dispoñer desa débeda para facilitar o financiamento das comunidades", insistiu.
O responsable de Facenda asegurou que se traballa a bo ritmo nos traballos de reforma pero que segue facendo falta o acordo coas CCAA e cos grupos do Congreso, aos que pediu "disposición ao diálogo". "O goberno aposta sen dúbida por reformar o sistema no prazo máis breve que sexa posible", reiterou.
Montoro defendeu que o financiamento autonómico é diverso, porque o réxime xeral convive co foral e especificidades como as de Canarias e que conviven ao seu xuízo "sen agravios". "Este Goberno non vén ofrecer ningún sistema de financiamento novo que cree agravios entre españois", subliñou.
Escribe o teu comentario