Emigrantes retornados de Venezuela protestan contra o desamparo
Esta semana reclamaranlle desde Vigo ao Goberno o acceso a axudas. Aínda que cobrasen, a pesión sería de 9 euros.
Imaxe dunha protesta anterior. Foto: @APEJUVEG Facebook
Integrantes da 'Asociación de pensionados e xubilados de Venezuela en Galicia' manifestaranse este martes 13 de febreiro en Vigo para solicitarlle ao goberno a posibilidade de ter acceso a axudas, ante a falta de pagamento das pensións que terían que percibir do país suramericano.
O colectivo, que denuncia "inxustiza e desprotección" do goberno español, manifestarase fronte ao edificio da Xunta de Galicia en Vigo ás 11,30 do martes.
A asociación critica que aos seus integrantes se lles deneguen as axudas por "ter recoñecida unha pensión de Venezuela", que aseguran que non perciben desde hai dous anos, e que a día de hoxe, se a recibisen, sería de 9 euros "debido á desvalorización da moeda venezolana".
A Asociación solicita así cobertura para persoas que "roldan os 70, 80 e 90 anos", que regresan a España despois de emigrar a Venezuela e que teñen "que acudir aos tribunais para que lles recoñezan os seus dereitos para recibir axudas e pensións españolas".
Escribe o teu comentario