Rey Varela culpa á burocracia de non cumprir os prazos en atención á dependencia

O conselleiro de Política Social afirma que aspiran a que a prestación chegue en total a 60.000 persoas en 2018 e pide "perdón" por non ser capaces de cumprir os prazos.


|

Rey varela sillon


"Non fomos capaces aínda de axilizar os procedementos para que os recoñecementos se fagan nos tempos establecidos". Así explica o conselleiro de Política Social, Javier Rey Varela, os atrasos no recoñecemento da dependencia, que chegan a duplicar o máximo esixido pola normativa.


"Puxemos medios e persoal; pero, ás veces, a burocracia impiden que os dereitos se consoliden", xustificou o conselleiro nun almorzo co Fórum Europa Tribuna Galicia, para afirmar que farán "todo o posible para solucionalo ao longo deste ano".


Así mesmo, quixo pedir "perdón, porque é o que hai que facer cando non somos capaces de cumprir, pero tamén confianza en que este ano sexamos capaces de solucionalo".


DEMOGRAFÍA E MAIORES


No acto, Rey Varela explicou os eixos das políticas da súa consellería, con especial énfase nos asuntos relacionados coa demografía e a atención ás persoas maiores.


Sobre o primeiro dos temas, o conselleiro asegurou que "non aspiramos a dicirlles ás familias cantos fillos teñen que ter, senón a crear as condicións para que as persoas que queiran telos reciban apoio". Entre estas condicións, expresou o seu desexo de debater no Observatorio Galego de Dinamización Demográfica sobre "tempo de traballo, horarios e da promoción da muller despois da maternidade nas empresas". Tamén contou que esperan ter este ano o texto previo da Lei de Impulso Demográfico, en cuxo "diagnóstico" participan todos os axentes sociais.


En canto á atención ás persoas maiores, Rey Varela asegurou que unha das metas de Política Social é que as persoas poidan acceder aos mesmos servizos estean ou non en residencias, para poder converter a Galicia no "mellor lugar para ser e facerse maior".


"Hai que primar sempre a elección da persoa sobre os servizos públicos que estamos a prestar", proclamou, como punto de partida. "Somos ás veces moi tendentes a dicirlles aos nosos maiores o que teñen que facer e hai unha filosofía da Xunta de Galicia que é que son os nosos maiores os que teñen que decidir onde queren estar, que teñen que facer e cal é o mellor tratamento para superar a situación que están a vivir".


O conselleiro fixo fincapé na próxima ampliación do servizo de Teleasistencia, que cualificou de "revolución na atención a domicilio", para o que duplicarán o orzamento destinado a esta prestación. Así, grazas ás novas tecnoloxías "saberemos se unha persoa non se levanta ou mesmo se non abre a súa neveira", e outros comportamentos que poden axudar a detectar outros problemas relacionados.


relacionada ​Un de cada cinco dependentes en Galicia segue sen recibir a prestación concedida
relacionada Máis de 300.000 persoa dependentes recoñecidas en España agardan unha prestación
relacionada Feijóo comprométese a atender a 12.000 dependentes máis esta lexislatura

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE