O ex-director da Garda Civil non ten formación algunha relacionada coa enerxía ou a enxeñería. De feito, a súa carreira profesional previa á política redúcese a un posto de auxiliar na Autoridade Portuaria de Ferrol e á xestión dunha empresa de aprovisionamento de buques. A pesar diso, o Goberno impulsou a Antonio Fernández de Mesa ao Consello de Administración da REE. Isto desatou no seu día críticas por velo a oposición como un clamoroso exemplo das chamadas "portas giratorias". Un debate que se pode reabrir ao fío do informe sobre remuneracións remitido polo xestor da rede eléctrica á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
O ferrolán, exdirector xeral da Garda Civil, e sen experiencia previa coñecida no sector enerxético, recibirá un soldo bruto anual que superará os 150.000 euros.