Vídeos | Incendio na comisaría de Santiago obriga a evacuar o edificio e causa densa fumareda
Un incendio declarado na comisaría da Policía Nacional de Santiago de Compostela obrigou esta mañá a desaloxar completamente o edificio situado na avenida Rodrigo de Padrón. Aínda que non se rexistraron feridos, a intensa fumareda xerada polo lume causou preocupación no centro da capital galega.
Segundo confirmaron fontes do 112 Galicia, o lume iniciouse pouco despois das 10.10 horas nunha zona subterránea do inmoble, concretamente na planta menos catro, onde se sitúan dependencias técnicas e materiais diversos. As primeiras hipóteses apuntan a unha orixe eléctrica, posiblemente nun aparello extractor da galería de tiro, aínda que os equipos de emerxencia aínda non confirmaron a causa definitiva.
O incendio afectou a unha zona na que habería pneumáticos almacenados, o que provocou unha espesa columna de fume negro visible desde distintos puntos da cidade. O Concello de Santiago informou a Galiciapress de que no lugar traballan 13 bombeiros e que a situación, aínda que “non está completamente controlada”, evoluciona de maneira favorable.
Evacuación rápida e sen feridos
O desaloxo do edificio policial efectuouse pouco despois do aviso do lume, e segundo portavoces oficiais da Policía Nacional consultados por Galiciapress , levou a cabo “moi rápido” e sen incidentes. Nese momento, atopábanse no interior tanto axentes en servizo como usuarios da área de expedición do DNI, que tiveron que abandonar as instalacións por seguridade.
Os efectivos de Bombeiros de Santiago, distribuídos en tres dotacións, traballan a contrarreloxo na extinción do incendio. Con todo, case dúas horas despois, segue activo.
Debido á gran cantidade de fume acumulado nas plantas inferiores, os equipos tiveron que empregar bombonas de osíxeno para poder acceder á zona afectada. “Xera bastante fume porque hai pneumáticos na zona afectada”, sinalaron fontes do Concello. O cheiro esténdese por toda a zona vella e o centro de Santiago.
A pesar da forza das chamas, os bombeiros confirmaron que non hai vehículos danados nin instalacións críticas comprometidas dentro da comisaría.
O suceso xerou inquietude entre os veciños da zona, especialmente porque Santiago non gana para sustos esta semana: o pasado martes, un incendio tamén obrigou a desaloxar o centro comercial As Cancelas, tras declarar un lume nun aparello de refrixeración situado na cuberta do edificio.
Escribe o teu comentario