O PSdeG denuncia que o Pladiga chega cinco meses tarde ante un verán que se prevé intenso en incendios
A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta acusa á Xunta de chegar sempre tarde e de asumir no seu propio borrador que este ano arderá un 58% máis de superficie que a prevista en 2025, mentres o PP veta investigar a catástrofe do pasado agosto
O Pladiga 2026, o plan que regula a prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, chega a este verán cun atraso de cinco meses sobre o prazo leigal. A lei obriga a telo publicado antes do 31 de outubro do ano anterior, pero non foi até o 23 de marzo cando o Consello da Xunta abordou a súa aprobación, o que a deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta cualifica de planificación caducada. A parlamentaria do PSdeG responde así ás declaracións do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez, quen recoñeceu que Galicia se enfronta a incendios en escenarios completamente novos, marcados polo cambio climático.
Dacosta subliña que os expertos levan anos advertindo da chegada de incendios de quinta e sexta xeración, fóra de toda capacidade de extinción, e que a Xunta seguiu apostando exclusivamente por un modelo reactivo. Ao seu xuízo, o Executivo autonómico chega sempre tarde. A deputada lembra ademais que o pasado 23 de marzo a Xunta limitouse a presentar un borrador, sen que chegase a aprobación formal do documento.
O máis rechamante do propio borrador, segundo a socialista, é que xa asume un escenario de destrución maior: a superficie que se prevé que arda non superaría as 29.200 hectáreas, un limiar moi superior ao establecido o ano pasado, cando se situaba en 18.500. Para o PSdeG, ese dato non é unha previsión técnica neutra, senón a constatación de que a Xunta sabe que a situación empeorará.
A sombra do 2025
O contexto que rodea este debate é demoledor. O verán de 2025 arderon preto de 120.000 hectáreas en Galicia, especialmente en agosto, con 673 lumes. O incendio de Larouco, en Ourense, foi o máis grande da historia da comunidade, con preto de 32.000 hectáreas calcinadas. A campaña deixou 2.200 confinamentos e 400 evacuacións. Dacosta advirte de que, se a Xunta segue confiando todo á reacción e á propaganda, Galicia está condenada a repetir ou mesmo a empeorar ese balance catastrófico.
A deputada tamén reclama o cumprimento do ditame parlamentario de xullo de 2018, aprobado por tres cuartas partes da cámara galega tras a onda de incendios de outubro de 2017. Ese documento recollía 123 recomendacións sobre prevención, extinción e ordenación forestal que, ao seu xuízo, seguen sen aplicar na súa totalidade. O anteproxecto de lei de loita contra incendios, anunciado pola Xunta en 2021 por mor daquela comisión parlamentaria, acumula tamén anos de atraso na súa tramitación.
Na última década, un terzo da superficie dos parques naturais galegos ardeu, con máis de 15.600 hectáreas e 188 incendios rexistrados, o que dá dimensión á magnitude do problema estrutural que denuncia a oposición.
A Xunta defende o seu plan
Fronte a estas críticas, o Executivo galego defende que o Pladiga 2026 é o máis ambicioso até a data. O orzamento para prevención de incendios sobe a 75 millóns de euros, un 50% máis que o ano anterior, e incorpóranse 42 novas brigadas en período de alto risco, o que supón 168 efectivos máis, ademais de catro medios aéreos adicionais. A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, defendeu ante as críticas polos prazos que o Pladiga é un documento vivo e que o de 2025 permanece vixente ata que se aprobe o novo, polo que non existe baleiro de planificación.
Gómez tamén valorou adiantar a marzo a presentación do plan ante o Consello Forestal como unha mellora respecto de anos anteriores. Con todo, algúns representantes de colectivos presentes nesa reunión mostraron o seu malestar porque o documento do Pladiga entregouse con só 48 horas de antelación, un prazo que consideraron insuficiente para analizalo e presentar emendas.
A Confederación Intersindical Galega (#CIG) tamén denunciou que a Xunta anunciou as novidades do plan ignorando á representación do persoal que traballa nos lumes, e reclamou aclarar si o reforzo irá ao SPIF, á empresa pública Seaga ou servirá para profundar na externalización cara aos municipios. O PSdeG, pola súa banda, esixe á Xunta prevención durante todo o ano, cumprimento de prazos, non trasladar competencias aos concellos sen recursos e pór en marcha os plans de ordenación de recursos forestais.
Escribe o teu comentario