Galicia colle aire entre borrascas: un xoves sen avisos en terra precede a un sábado de calma case total
Cambiará a mellor o tempo na segunda metade de febreiro como apuntaron algúns meteorólogos? É pronto para dicilo, pero polo menos temos por diante un xoves sen avisos en ningures do país e un sábado onde case todos os galegos poderán gozar do sol, ese astro que din escóndese detrás das nubes deste carrusel de borrascas. A seguinte Nils, golpeará o venres.
Por fin, tras unha sucesión ininterrompida de frontes que azoutaron a comunidade, o mapa de alertas da Axencia Estatal de Meteorología (AEMET) ofrece un respiro aos cidadáns. Este xoves, por primeira vez nun longo período de tempo, non existe ningunha alerta activa no interior das catro provincias galegas, o que marca un punto de inflexión na dinámica atmosférica que viña castigando o territorio. Aínda que o litoral aínda lida coas últimas rabexadas da inestabilidade marítima, a situación na superficie terrestre normalízase, permitindo unha xornada de relativa tranquilidade antes de que un novo sistema frontal, denominado Nils, aproxímese ás nosas costas o venres.
Iso si, no litoral norte e na montaña de Lugo manteranse durante a primeira metade da xornada refachos moi fortes de vento. Na costa galega, especialmente no noroeste e oeste da Coruña e na Mariña lucense, continúan os avisos marítimos por mar combinada de entre 5 e até 9 metros, con ventos do oeste e suroeste que poden alcanzar forza 8 e 9 na contorna de Estaca de Bares. De feito, o xoves haberá alerta vermella no mar no tramo de costa coruñés ao oeste de Sisargas. O resto da costa, alerta laranxa. Así que ollo ao pasear cerca do mar.
Durante o xoves o ceo estará nubrado ou cuberto no interior e algo máis aberto no litoral ao comezo, aínda que as nubes irán gañando terreo desde a madrugada. Espéranse choivas e chuvascos que tenderán a remitir durante a mañá, antes de volver intensificarse pola noite na metade occidental, cunha cota de neve situada ao redor dos 1.400 metros, o que limita as nevadas a zonas de montaña. As temperaturas manteranse en valores propios do inverno galego, con mínimas sen cambios e máximas en lixeiro descenso.
En canto ás temperaturas, manteranse en valores suaves para a época do ano, con máximas que alcanzarán os 16 graos en cidades como A Coruña e Ourense. No entanto, este alivio é só o preámbulo dun novo cambio brusco. A tregua do xoves servirá para que o solo drene parte da auga acumulada antes de que o venres a borrasca Nils reactive as precipitacións intensas o venres.
A xornada do venres 13 volverá estar marcada polas precipitacións fortes e persistentes, especialmente no cuadrante suroccidental e nas áreas de montaña, debido ao paso de frontes moi activos asociados á borrasca atlántica Nils que estes días se despraza preto das illas británicas.
AEMET prevé acumulados importantes de choiva en 12 horas, con avisos por 40 milímetros en zonas como o suroeste da Coruña e as Rías Baixas, así como na contorna do Miño de Pontevedra, nun contexto de ríos de humidade que inciden de cheo na fachada occidental galega.
Na montaña de Ourense actívase tamén o a visoamarelo por nevadas de baixa intensidade, con acumulacións previstas duns 5 centímetros en 24 horas e unha cota de neve que descenderá até os 700 metros ao final do día, aínda que as cantidades máis relevantes espéranse por encima dos 1.200 metros.
Meteogalicia, pola súa banda, lanzou para o venres máis avisos que AEMET. Como adoita suceder, as dúas axencias públicas non coinciden plenamente, aumentando a angustia climática dos galegos.
Aproveitar o sábado unha xanela de bo tempo que non durará
A gran noticia para a saúde mental, o lecer e as actividades ao aire libre chega coa confirmación da tregua do fin de semana. Os modelos meteorolóxicos ratifican que o sábado pola tarde producirase un cesamento total das choivas en toda a xeografía galega. Será unha paréntese seca e moi esperado dentro do refacho de borrascas atlánticas que dominaron o inverno. Este fenómeno permitirá gozar dunha tarde sen paraugas, algo que se converteu nunha rareza nas últimas semanas.
Con todo, esta xanela de estabilidade será efémera. Prevese que a nebulosidade volva incrementarse rapidamente e que á noitiña do sábado comecen os primeiros orballos polo oeste. Este será o aviso definitivo de que o domingo o tempo volverá complicarse de forma xeneralizada
Tras a última fronte do venres, os modelos apuntan a un cambio de patrón meteorolóxico a partir do sábado, cando o anticiclón empezará a gañar protagonismo sobre a Península e Galicia gozará dunha tregua dos temporais encadeados. A previsión de AEMET indica para o sábado 14 intervalos nubrados que tenderán a ceo cuberto a última hora, con temperaturas mínimas en descenso e xeadas débiles en zonas altas, mentres que as máximas apenas variarán, nun ambiente frío pero algo máis estable.
Domingo: volven as choivas e soben as temperaturas
A partir do domingo 15, Galicia volverá quedar baixo a influencia de baixas presións atlánticas, con ventos do suroeste e unha probabilidade de precipitación alta na metade occidental e máis baixa en Lugo e Ourense, de acordo coa predición rexional.
O ceo manterase nubrado ou cuberto en boa parte da comunidade, con choivas débiles e dispersas, mentres as temperaturas mínimas iniciarán un ascenso xeneralizado e as máximas repuntarán lixeiramente no litoral norte e no terzo oriental, sen grandes cambios no resto.
Lamentablemente, os modelos metereológicos para a seguinte semana apuntan, por agora, a novas frontes. É dicir, máis choiva.
Escribe o teu comentario