Altri: A Xustiza tomba a privatización da avaliación ambiental da Xunta, sementando dúbidas sobre a de celulosa
A Administración leva anos recorrendo a empresas externas para realizar informes e analizar a información presentada por industrias como a celulosa. Hoxe o TSXG falla que isto vai contra lei porque viola as funcións exclusivas dos empregados públicos. Algo que pon en dúbida a robustez xurídica de tramitacións ambientais en marcha nas que están a participar empresas externas, como a da celulosa de Pas de Rei ou a mina de Touro.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (#TSXG) anulou parcialmente o decreto da Xunta polo que se reguralon as Entidades de Colaboración Ambiental (ECA) e creouse o rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental de Galicia e o banco de persoas expertas en avaliación ambiental ao entender que supón unha privatización parcial dos procedementos de avaliación ambiental.
Desta forma, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, acolle o recurso interposto pola Confederación Intersindical Galega e declara disconformes a Dereito os artigos 27 e 28.1. inciso final, así como o 29.5 do Decreto.
A Sala entende que, "tanto polo carácter privado da ECA como pola completa externalización de toda a tramitación da avaliación ambiental, que se concibe ademais con carácter estrutural", a redacción do artigo 27 do Decreto resulta contraria ao artigo 9.2. do Estatuto Básico do Empregado Público e ao 8.1. da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público.
Os maxistrados, ademais, subliñan que non constan "mecanismos de control realizados por funcionarios públicos sobre a actuación destas empresas no procedemento en concreto", o que aboca a que as decisións que deben adoptar as autoridades públicas "sexan simples ratificacións, sen posibilidade de contraste".
O TSXG advirte na sentenza que o Decreto "externaliza toda a tramitación da avaliación ambiental e pona en mans da empresa privada".
Inclúese nisto varios fitos na tramitación do procedemento ambiental que implican materialmente o exercicio de potestades administrativas, "pois é a ECA quen analiza a suficiencia mesmo dos informes sectoriais preceptivos dos órganos administrativos que interveñen ou a necesidade ou non dun segundo trámite de información pública e consultas tras as modificacións no proxecto introducidas polo promotor".
"A ECA NON COLABORA COA ADMINISTRACIÓN, SENÓN QUE A SUPLANTA"
Os xuíces indican que todas esas funcións fanse "sen previsión de ningunha reserva de control, supervisión ou dirección a favor dos órganos administrativos que teñen encomendada genuinamente esta función dentro da(s) consellería(s) competentes".
Desta forma, advirten que a proposta que conteñen os informes elaborados pola ECA "non poden ser contrastados nin sometidos a crítica polo órgano que ten formalmente a facultade de decidir, polo que en realidade o exercicio material da competencia vai quedar residenciado na ECA, quedando o órgano administrativo lexitimamente investido da potestade, sen capacidade real de decisión".
O alto tribunal galego engade que, así concibida, "a colaboración que a Xunta demanda das ECA convértese nunha verdadeira privatización da tramitación da avaliación ambiental, que implica inexcusablemente a translación a unha empresa privada de funcións que están reservadas a funcionarios públicos".
Por todo isto, os maxistrados conclúen que a ECA "non colabora coa administración, senón que suplanta á administración durante nada menos que toda a tramitación da avaliación ambiental".
O tribunal recalca que, a xurisprudencia, tal e como explica na sentenza, "veta esta completa transferencia a unha empresa privada". "En realidade, atopámonos diante dunha abdicación da tramitación administrativa e, por tanto, do exercicio da competencia, que é irrenunciable para a administración", remarcan.
Na sentenza, o TSXG incide en que o Decreto "non prevé ningún mecanismo de control da actividade externalizada á ECA", así como en que "non hai ningún tipo de supervisión pública prevista para a análise feita por unha empresa privada en relación a toda a tramitación da avaliación ambiental".
Con todo, a Sala si considera conforme a dereito o apartado 1 do artigo 29 do Decreto, que se limita a unha función que xa é coñecida de auxilio material na realización de tomas de mostras, análises, verificacións e controis técnicos, pero advirte que "só na medida en que o seu contido se constriña a actuacións materiais de inspección que non estean reservadas a funcionarios públicos".
A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
POSTURA DA XUNTA
Pola súa banda, fontes da Xunta de Galicia consultadas por Europa Press defenden que o obxectivo das entidades de colaboración ambiental (ECA) que regulou o Goberno galego por decreto é "simplificar os procedementos de avaliación ambiental co obxectivo de axilizar a tramitación ambiental de plans, programas e proxectos con relevancia económica para Galicia a través da colaboración público-privada e garantindo sempre os máis elevados niveis de protección ambiental".
Explican que estas figuras de colaboración tamén funcionan noutros ámbitos de actuación, como é o caso das ITVs, a inspección industrial, ou as entidades de certificación de conformidade municipal.
Así mesmo, remarcan que a colaboración de entidades privadas e persoas con Administracións dáse "na maioría das comunidades autónomas", con exemplos como os de País Vasco, Madrid e Cataluña.
Por todo iso, avanzan que a Xunta recorrerá a sentenza do TSXG porque, ao seu xuízo, "a figura de intervención prevista no decreto non altera nin resta potestades públicas aos órganos administrativos".
Que impacto ten a decisión nos expedientes de Altri e a Mina de Touro?
Está por ver que repercusións ten isto sobre a validez xurídica das avaliacións de impacto ambiental onde interviñeron ou están a participar consultoras externas realizando labores que a Xustiza entende deben ser exclusivas dos funcionarios públicos. É evidente que a decisión de hoxe sementa dúbidas sobre a súa solidez xurídica no caso de que algunha das partes recorra aos tribunais.
Fontes de Ulloa Viva consultadas por Galiciapress indican que, en principio, a sentenza abre a porta a que a Administración -se quere blindarse ante un preito- véxase obrigada a empezar de novo a tramitar os permisos solicitados por Altri, xa que na avaliación dos datos presentados pola pasteira participaron empresas privadas, por exemplo na análise dos informes hidrológicos que permitiron a Augas de Galicia darlle luz verde ao plan da celulosa.
Na mesma situación atoparíanse os permisos, por exemplo, dos expedientes das ducias de parques eólicos solicitados desde o verán de 2023, cando se creou o rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental de Galicia, e o da polémica mina de cobre de Touro.
Hai que lembrar que as Entidades de Colaboración Ambiental (ECA) son organizacións, xa sexan públicas ou privadas, que contan con personalidade xurídica e colaboran coas autoridades ambientais en tarefas relacionadas coa xestión e o control ambiental. O seu propósito principal é garantir que os plans, programas e proxectos cumpran coa normativa ambiental vixente.
Realizan avaliacións para asegurar que as actividades cumpren coas regulacións ambientais. Nalgúns casos, isto implica controis directos, mentres que noutros se limitan a revisar documentación sen necesidade de usar equipos de medición ou ensaio. Tamén apoian ás autoridades na tramitación de procedementos de avaliación ambiental, axilizando os procesos.
As ECA operan baixo a supervisión da administración ambiental, neste caso a Consellería de Medio Ambiente. Este modelo de colaboración permite ás autoridades delegar certas tarefas técnicas, mantendo ao mesmo tempo o control sobre o cumprimento ambiental.
O rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental de Galicia foi establecido mediante o Decreto 102/2023, de 15 de xuño, publicado pola Xunta de Galicia.
Escribe o teu comentario