O misterio do maior alixo de fariña do ano: narcosubmarino pantasma e clan que abandona na Pobra a tres suramericanos
O maior alixo de cocaína do ano en Europa —3,6 toneladas incautadas na Pobra do Caramiñal— converteuse nun crebacabezas policial e xudicial. Con tres suramericanos encarcerados, múltiples incógnitas sobre a operación e o posible afundimento dun narcosubmarino fronte ás costas galegas, o caso segue rodeado de silencios oficiais, contradicións e cabos soltos.
O pasado sábado a Policía Nacional interceptou un dos maiores alixos da historia recente de Galicia, varias toneladas de cocaína pura na Pobra do Caramiñal. Con todo, unha semana despois, o corpo non informou nada da operación que, formalmente, segue aberta.
Que pinta un xulgado de Muros nunha operación da Pobra?
Quen si emitiu un comunicado oficial é a Xustiza.
“Os tres detidos han pasado a disposición do Tribunal de Instancia de Muros. A xuíza decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza. Apreciou risco de fuga e de destrución de probas. Están investigados por tráfico de drogas de especial gravidade pola cantidade e os medios empregados”, explicaron portavoces oficiais do Tribunal Superior de Xustiza o martes.
A primeira pregunta que xorde é, se a operación foi na Pobra, por que o tres suramericanos arrestados un día despois da interceptación do alixo están a ser procesados en Muros? Por proximidade, calquera feito delituoso debería caer baixo a xurisprudencia dos xulgados de Ribeira.
A única resposta posible é que xa existisen dilixencias de investigación sobre o alixo antes da incautación na Pobra.
É dicir, todo apunta a que a persecución nocturna que acabou cun remolque cunha tonelada de cocaína envorcado non foi produto dun encontrón fortuíto entre os narcos e axentes que estaban a facer unha rolda. Foi o resultado dun dispositivo policial programado ou polo menos está ligado a unha investigación xa en marcha en Muros, que está noutra ría diferente que A Pobra.
Ademais do silencio da Policía, hai varios indicios de que ese dispositivo policial, por algún motivo, non saíu ben do todo.
O primeiro é a disparidade das versións filtradas extraoficialmente aos medios. Algunhas fontes policiais sinalaron nun primeiro momento que houbo unha persecución e que os narcos fixeron envorcar o remolque á mantenta para que os vehículos policiais que os perseguían quedarán bloqueados.
Pola contra, outras fontes informan que non houbo tal persecución, aínda que poida que si un accidente, pois o remolque sen matrícula apareceu pola mañá aparcado preto da costa, na zona de Cabío, sen matrícula e con danos. Alguén sospeitou, avisou á Policía Local que descubriu unha tonelada de cocaína.
A media tarde do mesmo día os axentes recibiron outro aviso: tres homes con mochilas grandes preguntaban aos veciños onde estaban, pois dicían facer o Camiño de Santiago, sen saber a súa localización.
Non hai ningunha ruta do Camiño de Santiago pola zona do tanatorio da Pobra, na zona alta da vila, polo menos non minimamente transitada. Algún veciño -que quizá lera sobre o achado do remolque- avisou á Policía Local.
Os axentes comprobaron que os suramericanos tiñan area nos zapatos a pesar de estar lonxe da costa. As súas roupas parecían cheirar a mar. Detivéronos na tarde do sábado. Sospéitase que participaron na descarga, tiveron algún problema, fuxiron e pasaron a noite escondidos na Serra do Barbanza antes de ser localizados ao baixar á vila.
O feito que preguntasen o nome do lugar apunta e que levase mochilas con pertenzas persoais pero sen teléfonos móbiles apuntan a que eran os tripulantes dalgunha embarcación chegada desde o outro lado do Atlántico e que, tras ser interrompido o desembarco na súa fase final fuxiron precipitadamente e non sabían realmente moi ben onde estaban. Os sospeitosos negaron, loxicamente, a súa relación co alixo. Está por ver si a Policía logra desmentir a súa versión, pois non os colleron nas patacas.
Ao día seguinte, domingo, a Policía Nacional e tras un rastrexo perimetral municipal e localizou un segundo alixo de similar volume nunha leira próxima, elevando o comiso total a máis de 3 toneladas.
A ninguén se lle escapa que tres persoas, seis brazos, non son suficientes para encher un remolque con algo máis dunha tonelada e outro con case dúas de fariña. Só da segunda parte, a localizada o domingo, localizáronse entre 80 e 85 fardos escondidos entre matogueiras.
É evidente que na operación participaron máis brazeros e que estes, a data de hoxe, non foron detidos. A diferenza dos suramericanos, é probable que si sexan galegos. O seu coñecemento do terreo permitiulles escapar do dispositivo policial. O feito de que a investigación a leve un xulgado de Muros, indica unha posible conexión con aquela zona.
O outro gran misterio é como chegou a cocaína a Galicia. Nin na Ría de Muros - Noia nin na de Arousa -onde está A Pobra- foi atopada varada planadora algunha, que é o habitual nestes casos.
Isto fai sospeitar a que a droga viaxou desde Sudamérica até Cabío nun narcosubmarino tripulado polo tres detidos, a noite do sábado realizouse a descarga, a embarcación botouse a pique e, por algún motivo, a partir de aí as cousas empezáronse a torcer para os narcos.
Algunhas fontes apuntan a que se produciu unha intercepción do GRECO, unha rama da UdyCo da Policía Nacional, foi o detonante que rompeu a cadea loxística, separando ao equipo de descarga do seu transporte e a súa ruta de escape. Este illamento forzou a un equipo estranxeiro, sen coñecemento do terreo, a improvisar, o que acabou provocando a súa detención.
Agora ben, de ser certa esta versión, parece claro que o dispositivo policial non foi exitoso por completo, probablemente porque non chegase a tempo á zona, pois só hai tres detidos e non hai rastro da embarcación que trouxo a costa o alixo.
O martes, o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, compareceu para ofrecer cifras oficiais e confirmar a magnitude da operación. Anunciou que a cantidade total de cocaína incautada ascendía a 3.600 quilogramos. É o maior alixo de cocaína no que levamos de ano en toda Europa.
Múltiples fontes confirman de maneira inequívoca que a cocaína chegou ás costas galegas a bordo dun narcosubmarino, tamén coñecido como artefacto semisumergible (LSPV, low-profile vessel). Suposto narcosubmarino que pode estar no fondo da ría.
O segredo ao redor da operación apunta a que as forzas da orde mantéñena aberta. Con todo, vanse coñecendo detalles. Así, Diario de Pontevedra informou que hai dous ecuatorianos detidos, dous irmáns, e un colombiano. En principio, a información filtrada apuntaba a tres cidadáns de Colombia.
Escribe o teu comentario