Borja Verea (PP de Santiago): "O que ocorre no PSOE son discrepancias de perfil baixo, pequenas ambicións persoais"
Borja Verea (Santiago de Compostela, 1980) lidera hoxe a oposición que, segundo el, é "a máis construtiva da historia de Santiago". Mentres lle PSOE compostelán precipítase, o líder dos populares santiagueses eríxese como alternativa tras unha década de alternancia no goberno da capital entre Compostela Aberta primeiro, PSOE despois e BNG agora.
As matemáticas privaron ao PP de gobernar en Santiago a pesar de ser o partido máis votado nos locais. Como cre que a expulsión dos concelleiros do PSOE afectará a gobernabilidade dun Concello de Santiago onde o BNG goberna en minoría?
É unha realidade. Gañeille por goleada ao BNG. Gañeille por goleada a Compostela Aberta e ao PSOE, pero é verdade que a alianza destas tres forzas gañoume nas eleccións. Teño un obxectivo claro: en 2027 gañarlle a esta alianza. O que ocorre hoxe na cidade é a fractura total do pacto de gobernabilidade. Hoxe o BNG non gobernaría en Santiago se non fose polos socialistas, e o PSOE está implosionando a vista de todos. Iso afecto a ese pacto e á gobernabilidade da cidade porque BNG e CA necesitan ao Partido Socialista para sacar adiante os grandes proxectos e as grandes cuestións de cidade.
Todo parece indicar que o PSOE de Santiago vai deixar de existir tal e como era, pois quedará con dous concelleiros e catro persoas non adscritas que deixarán de pertencer ao PSOE.
Aos votantes todo este ruído pode desconcertalos moito. É realmente tan importante a disciplina de partido? No caso do PP, como reaccionaría ante un edil que polas súas propias conviccións vota en contra da orde do aparello?
A disciplina de partido aparece cando non hai proxecto, cando non hai ilusión, nin goberno, nin alternativa de goberno. Cando un goberna ou é unha alternativa sólida, seria e solvente non é necesaria a disciplina de partido, pois xa xeras unha propia ilusión de traballo, de conseguir obxectivos. O que pasa nesta alianza tripartita, e señaladamente no PSOE, é que nin son nin goberno nin alternativa porque decidiron darlle as chaves da cidade a un partido con seis edís de 25. Aí entran esas claves de disciplina e partidarias. A mellor solución a isto é ou gobernar ou ser unha alternativa sólida e solvente.
Neste caso o PP nas eleccións de 2023, o meu equipo, contra todo prognóstico, contra as enquisas e os agoreiros, rompeu co taboleiro político da cidade, chegou ao once concelleiros, rozou esa maioría absoluta necesaria para gañar a esa alianza. Estamos nesa dinámica de ilusión e de ser hoxe a única forza de cambio que pode chegar á alcaldía.
Ao que vou é que á opinión pública pode permear a idea de que hai sitio para a opinión propia en política.
Coincido en que hoxe a cidadanía non entende absolutamente nada do que ocorre no PSOE. Non o digo eu, ninguén entende nada, porque o que ocorre é que é público e trátase de discrepancias de perfil baixo, de pequenas ambicións persoais. Son as antípodas dos intereses da cidade. Está a afectarse á propia imaxe de Santiago asistindo a un triste espectáculo onde vemos que eses tres partidos usan á cidade como un xoguete. É a consecuencia da ambición dunha persoa que con seis concelleiros de 25 quixo ser alcaldesa custe o que custe.
Á parte de todo este balbordo, hai que lembrar que o PSOE local tamén está marcado pola ameaza que supón a instrución do caso Desproi. Aínda que ningún dos edís da pasada lexislatura que seguen na presente está imputado, o PP no seu día denunciounos a todos, o que fai máis evidente as subdivisiones que hai hoxe nos socialistas composteláns. Coincidiu con Aitor Bouza? Que opinión ten del?
A relación co secretario xeral do PSOE compostelán é puramente institucional, cando nos atopamos en actos ou eventos. Non hai ningunha relación persoal ou política máis aló diso.
No tocante ao Caso Desproi nós levamos esta cuestión ante a Xustiza, pero o goberno do BNG acaba de acudir como acusación nesta mesma causa. Acaban de darnos a razón. Nós fixémolo antes dunhas eleccións, diante de toda a cidadanía e para defender os intereses da cidade. Se agora BNG e CA preséntanse como acusación e denuncian ante a Xustiza é o mellor exemplo de que nós fixemos o correcto sempre, na oposición e fariámolo tamén na alcaldía.
E que percorrido velle ao caso?
Está en mans da Xustiza. A partir de aí hai que deixar traballar á fiscalía, ao xulgado e aos propios letrados. O que nos atopamos foron uns feitos gravísimos onde había, desde o noso punto de vista, indicios clarísimos de actuación delituosa, e, sobre todo, e o máis grave, é que non se estaban dando as explicacións. Nós como partido non temos capacidade de investigación, non somos policía nin fiscalía. Con esa falta de explicacións entendemos que para defender os intereses da cidade tiña que participar a Xustiza. Insisto: creo que acertamos porque BNG e CA son hoxe acusación.
Coa ruptura do grupo municipal socialista, que estratexia adoptará o PP a partir de agora no Pazo de Raxoi? Valora unha moción de censura? Xa dixo que “non contempla atajos” á alcaldía…
A miña estratexia é a mesma desde o primeiro minuto. Teño claro que a obrigación do líder da oposición é demostrar á cidadanía que somos alternativa de goberno e liderará un goberno útil, serio e ambicioso, sendo unha oposición útil, seria e ambiciosa. Hoxe en día os grandes proxectos en marcha na cidade son grazas a nós. A conexión Milladoiro-Santiago a través da senda peonil e ciclista, unha infraestrutura que suporá un antes e un despois na mobilidade de Santiago que cando a presentei foi atacada, insultada e ninguneada por BNG, CA e PSOE. Nas próximas semanas vaise a inaugurar.
O gran parking do hospital clínico. Está nas hemerotecas cando presentei o proxecto: insultos, risas, “iso non se vai a facer”, “é unha tomadura de pelo”… BNG e CA asinaron xa coa Xunta que o meu proxecto era a mellor solución e que se traballe nesa liña. As vivendas públicas de Xoán XXIII. Cando dixen que quería vivenda pública alí dixéronme que era un mentireiro, porque o PP de Conde Roia non quería vivenda pública en Xoán XXIII, nin o de Anxo Currás, nin o de Agustín Hernández… Decían que eu mentía aos veciños. Hoxe o primeiro proxecto de vivenda colaborativa 100% pública que vai pór en marcha a Xunta é en Xoán XXIII. Estamos a liderar a oposición máis construtiva da historia de Santiago.
Rompe entón coas políticas que se facía no PP de Conde Roia, de Currás…?
Non, hai cuestións onde temos opinións diferente e outras nas que coincidiremos. O que está claro é que en 2023 nace un novo proxecto e que ten a confianza da maior parte da cidade, polo menos comparado co resto de forzas políticas. Esa gran forza de cambio moveu o taboleiro político en Santiago e hai que traballar para que sexa maioría e gañarlle as eleccións, e dígoo claramente, a esa tripla alianza.
A pesar de ser os máis votados, as matemáticas políticas son as que son. A realidade é que o PP non goberna en Santiago desde hai unha década. “Tocarame en 2027 darlle a volta”, dixo hai uns días. Nun momento no que parece que as maiorías absolutas son unha rara avis, como expoñen reverter esa tendencia para 2027? Realmente non ten con quen negociar o PP en Santiago?
Hai unha realidade e eu díxenllo, e a oposición entendeu que era a primeira vez que o facía no debate do estado do municipio, e é que gañei por goleada individualmente contra cada unha das tres formacións, pero perdín contra a súa suma. Esa é a realidade matemática, con dez anos de BNG, CA e PSOE sendo unha alianza, mantendo un pacto e turnándose na alcaldía sen importar o candidato que presenten, porque se un non funciona meten a outro e seguen como un gran pacto. En 2027 haberá dúas opcións: ou políticas continuistas deste tripartito ou eu.
A partir de aí é xusto, e temos que pór sobre a mesa, evidenciar un feito, como é que tras unha década desta alianza hai unha resposta que deberían dar os cidadáns: Mellorou Santiago despois deste tempo de tripartito? Esa é a gran pregunta que hai que facer. E hai realidades que responden por si soas, pero deixo a pregunta para que lla faga cada veciño.
O catro grandes servizos públicos da cidade, os de competencia exclusiva dos concellos, como son transporte público, auga, limpeza e iluminación, hoxe están todos peor que hai dez anos. O transporte público leva dez anos caducado, coincidindo con este período de intercambio na alcaldía, pero non tiveron a capacidade de renovar o transporte público cando temos os peores autobuses do país. En materia de auga leva cinco anos caducado, non se sabe absolutamente nada do contrato de concesión máis importante que xestiona unha cidade, que é a rede de sumidoiros e o abastecemento de auga, co problema gravísimo das tubaxes rebentando cada dúas por tres por toda a cidade. En limpeza si hai un contrato novo, pero a pregunta entón é, por que está a cidade tan sucia se nunca tanto pagaron os veciños pola limpeza? E coa iluminación, que foi o debate destes días, ocorre que a cidade está cada vez peor iluminada, dino os veciños. Aí si conseguimos traer á axenda pública un problema como este, porque é a nosa obrigación propor estes debates con unanimidade no pleno para que se poñan a traballar e buscar unha solución. A oposición non xestiona. Xa me gustaría ser alcalde para poder xestionar a cidade.
Menciona a xestión da auga. Sería favorable a continuar con esa concesión e a colaboración público-privada neste ámbito? Cal é a súa proposta?
O que estaba a funcionar agora mesmo é unha concesión de xestión de servizo público. O Concello o que ten que aclarar é que quere facer, porque ten a Compostela Aberta dicindo que o quere municipalizar e ao BNG dicindo non se moi ben que, que quere uns estudos para que decidan que é o que queren facer porque nunca o aclararon. Se o goberno municipal non pon nada sobre a mesa é difícil tomar unha decisión. Nós fomos claros: estamos a favor da colaboración público-privada na xestión dos grandes servizos públicos, que requiren unha pericia, unha actualización tecnolóxica, unha modernización de investimentos que funciona mellor a través da colaboración público-privada.
VIVENDA E TURISMO, TEMAS CENTRAIS DA CIDADE
A crise do PSOE estalou despois de que os socialistas votasen a favor de regular as Vivendas de Uso Turístico. Que propostas ten o PP para abordar a situación da vivenda en Santiago, especialmente considerando o seu atractivo turístico?
En materia de vivenda temos propostas que non son as mesmas ás deste tres partidos. Un dos principais problemas en Santiago, se non o principal, é a vivenda. Nós expomos solucións concretas, a curto prazo e inmediatas que eles entenden que non son as mellores. A clave a curto prazo e como solución inmediata é a mobilización e colocación no mercado das vivendas buxán na cidade. Manéxanse diferentes cifras que falan de entre 4.000 e 6.000 vivendas buxán. Hai que mobilizalas. Como? Creando un banco público de vivendas, voluntario e respectando loxicamente o dereito de propiedade. Funcionaría de maneira que aqueles propietarios que hoxe teñen medo a colocar eses pisos no mercado, polas circunstancias que sexan, o que propomos é que sexa o Concello o que alugue ese piso, que pase a formar parte dun banco municipal de vivendas e con ese banco o Concello podería facer política de vivenda a mozas, a familias, a maiores dependentes, a aqueles grupos que teñen máis complicado o acceso á vivenda.
É algo que xa están a facer outras cidades europeas e non entendemos por que non se pon en marcha cando non necesitaría dun gran investimento público. Alguén pode dicirme unha soa medida en materia de vivenda nos últimos anos de CA, BNG e PSOE que non sexan prohibir as vivendas turísticas? Algunha medida proactiva neste sentido? Pregunta que tamén fago aos cidadáns.
Dez anos é tempo suficiente para valorar si funcionan ou non determinadas políticas. Funcionaron as políticas deste tres partidos no centro histórico da cidade? Está máis rehabilitado, vive máis xente, é máis familiar e amable? Non, todo o contrario. Unha década despois esta zona conta con máis edificios en ruínas que nunca, vive menos xente e está en peor estado que nunca. Propomos que se cambien as políticas no centro histórico. Temos que permitir á xente vivir na Zona Vella coa calidade de vida que goza calquera persoa noutro punto, unha calidade de vida do S. XXI, pero para iso hai que modernizar o Plan Especial, hai que facilitar que a xente veña vivir ao centro histórico. Hai que permitir tamén que a colaboración público-privada participe na rehabilitación de edificios históricos. Imos protexelo e deixar que cada vez haxa máis edificios en ruínas? Creo que todos cremos que non. Despois de dez anos hai unha realidade indiscutible, e é que a Zona Vella está peor que antes.
E, sobre ese banco público de vivenda, quen marcaría os prezos? Utilizarían os sistemas de cálculo do Goberno de España?
O prezo para alugar ao propietario para o banco público sería unha decisión do Concello, non o prezo de mercado nin o que diga o índice, senón que habería que sentar cos técnicos de vivenda e decidir cal sería a proposta que se achega aos propietarios. Despois, eses pisos no banco de vivenda poderían alugar a un prezo máis baixo a todos estes sectores, mesmo por baixo do índice que suxire o Goberno de España.
Claro que hai que intervir o mercado da vivenda en Santiago porque hai un problema, pero nesa proposta de intervención do mercado desde un hipotético goberno de Borja Verea sería a través deste banco de vivendas e a través da voluntariedad e o dereito á propiedade. Hai outro modelo, lexítimo e que queren pór en marcha, coa obrigatoriedade de impor os prezos aos propietarios en zonas tensionadas, con controis de prezos que é algo que cremos que non vai ser solución porque vai supor que máis xente terá medo a colocar eses pisos no mercado. Tamén digo unha cousa: se esta proposta de BNG, CA e PSOE de decidir os prezos do aluguer en Santiago e impolo aos propietarios funciona, aínda que eu non a comparto, se funciona serei o primeiro en aplaudila, pois significará que os propietarios aceptan este modelo e que os inquilinos participan nel. Pero teño que ser sincero, e se eu gobernase Santiago non poría en marcha este proxecto, senón os que acabo de explicar, cunha terceira pata como sería a modificación do Plan Xeral para permitir a construción de novas edificacións nun municipio que conta con solo para poder crecer, algo que non ocorre, por exemplo, na Coruña, onde non teñen onde facelo, pero en Santiago si temos ese recurso.
O outro gran asunto na cidade é a xestión do turismo. Que medidas propón o PP para mellorar a xestión turística de Santiago? A taxa turística parécelle unha boa medida? Foi moi crítico co Concello ao redor deste asunto…
Se hoxe hai taxa turística en Santiago é grazas ao Partido Popular de Galicia de Alfonso Rueda e ao Partido Popular de Santiago de Borja Verea. Pediron a taxa outros gobernos hai anos e hoxe se hai taxa é porque na miña dobre condición como deputado autonómico votei a favor de que existise en Santiago. É algo que é evidente, a día de hoxe só nós fixemos algo por esta taxa turística e aí está.
Non critico a taxa, senón o deixamento na xestión para pór en marcha a taxa turística por parte de BNG e CA. Primeiro porque solicitaron renunciar á xestión da taxa turística, o que resulta unha tomadura de pelo. Si son alcalde quero ter o control sobre os impostos que estou a xestionar e que os meus cidadáns pagan. Que é iso de pedir un imposto e que o xestionen outros? É un abandono de funcións absoluta. E, se fose a Xunta gobernada polo PP encárgaa de recadar esa taxa, alguén dúbida que desde o 1 de xaneiro de 2025 non estaría o Concello de Santiago criticando á Xunta porque non está a recadar a taxa? Pero como teñen que ser eles non hai cronograma, nin prazos, e parece que empezaron agora coa comisión de estudo. É o que critico: a falta de dilixencia e a incongruencia de reclamar e logo non traballar.
Un exemplo práctico: eu vivo moi preto de San Pedro, onde moitos veciños se queixan do impacto que teñen os visitantes na vida do barrio. É posible lograr un equilibrio entre o turismo e que coexista coa calidade de vida dos veciños ou percibe que arraigou certa turismofobia?
Creo que non arraigou. Santiago naceu fai 1.000 anos para recibir a persoas. Está no ADN compostelán recibir xente, somos unha cidade creada para iso. O barrio de San Pedro non sería un dos máis bonitos do mundo se non fose unha entrada principal dun camiño universal polo que pasan centos de cidadáns do mundo. San Pedro non é un barrio dormitorio, con todos os respectos, de Albacete ou Guadalaxara. É a entrada principal dun dos camiños máis universais e por iso é dos máis bonitos. Hai que coidalo e pór sobre a mesa medidas de conciliación, de amabilidade, de convivencia entre esa esencia do propio barrio e os desaxustes que o turismo pode xerar cos veciños no seu día a día. Pero San Pedro non tería esa personalidade única se non fose polos miles e millóns de persoas que pasan por el e que pasaron por alí durante un milenio.
MINA DE TOURO, AEROPORTO E TUSSA
Outro asunto que pode ter un impacto directo sobre o turismo é a hipotética reapertura da mina de Touro. Moitos estudos sinalan a súa afectación sobre o propio Camiño de Santiago. Cal é a postura do PP de Santiago con respecto ao proxecto mineiro?
Como con calquera outro proxecto económico ou industrial que queira implantar en Santiago ou outro punto de Galicia, todos deben cumprir unha normativa ambiental e unha normativa patrimonial. A partir de aí corresponde aos técnicos se se pode ou non ou como se debe facer. O que creo é que non se debe marcar a opinión con carácter previo a que se pronuncien os técnicos. Ocorreu coa mina de Touro ou Altri nos plenos, e o que significa é que se alguén quere desenvolver en proxecto en Santiago que cumpre a lei, un goberno vaille a dicir que non o vai a facer? Iso é prevaricar. Podes axustar a normativa, pero non dicir a priori que non che gusta e que non queres que se faga. Se cumpre os requisitos ambientais, de seguridade, de hixiene…toda a normativa no seu conxunto, o que corresponde é autorizalo, e si non a cumpre, pois non. Pero tomar posicionamentos políticos previos sobre proxectos concretos é moi perigoso porque entón calquera que queira desenvolver un negocio pode pensar que a aprobación vai depender da decisión pernsonalisima do gobernante de quenda, xa sexa un alcalde, un ministro ou un presidente do goberno, e non pode ser.
Aínda que refire certa parálise en Santiago nestes dez anos, o certo é que vemos como as cifras turísticas son de marca cada ano que pasa, mentres moitos santiagueses se queixan de que o aeroporto está languideciendo a medida que perde conexións. A pesar diso, recentemente Abel Caballero acusou á Xunta de subvencionar voos a Santiago, algo que Rueda negou. En calquera caso, sería esa a fórmula? Ou é que se cadra Galicia non necesita tres aeroportos?
O debate sobre as infraestruturas autonómicas é indiscutible, pero podemos falar dos aeroportos, as universidades e doutras cuestións que, como é lóxico, necesitan dun debate máis colectivo e pausado. Agora, no caso concreto do aeroporto Rosalía de Castro, o que denunciamos é a perda de conexións internacionais. O que responde o Concello é que estamos en cifras de marca, pero hai que analizalas con lupa, porque se son só a destinos de sol e praia, ao PP de Santiago e a min suxírenos que non se están facendo ben as cousas.
A min gustaríame, e traballaría dentro das competencias como alcalde, para conseguir un aeroporto con maiores conexións internacionais, que é o que xera valor engadido á cidade. Tería a miña propia política 100% compostelá co aeroporto e co financiamento de determinadas liñas. Non tería problema como alcalde en financiar ou axudar a financiar determinadas compañías aéreas para potenciar as conexións internacionais. O que non faría é o que estamos a afeitos atoparnos con estes gobernos a tres, que é que a competencia é doutro e que o arranxe a Xunta. Non. Se eu son alcalde de Santiago quero ter as máximas competencias posibles, participar en todas as decisións que afecten ao meu aeroporto, non quero que as decisións as tomasen nin a Xunta nin o Ministerio. Aí estase equivocando esta alianza tripartita.
Xa fixo mención a eses dez anos que leva o contrato do transporte urbano caducado en Santiago. Resulta outra queixa recorrente dos veciños a relativa ao transporte urbano, tanto polo seu estado como polas súas frecuencias como polos seus atrasos. Como o vive e como pode solucionar?
O transporte público é quizais o mellor retrato da malo xestión destes tres gobernos ao longo dos anos. Tiveron dez anos para contratar un novo servizo, dez anos para que tivésemos mellores autobuses en Santiago. Temos todo o contrario: os peores autobuses do país, consecuencia da mala xestión deste pacto entre BNG, CA e PSOE.
Que se tería que facer? Pois habelo licitado desde hai dez anos, hai unha década que teriamos que ter un novo servizo de transporte público. O máis grave é que pasa co catro grandes servizos da cidade, como dixen. Estou convencido de que non, pero calquera observador que se asome a Santiago pode pensar que existe unha folla de ruta por parte dos tres partidos para desmantelar os servizos públicos de Santiago. Transporte público, auga, limpeza e iluminación: nunca estiveron en peor estado como agora. E débese á xestión deste tres partidos durante dez anos.
Escribe o teu comentario