Rescatan dous navegantes que quedaron sobre o casco do seu barco tras envorcar ante Corrubedo
O xefe do centro de Salvamento de Fisterra, Manuel Capeáns, destaca "a importancia de recibir as alertas a tempo para pór en marcha os dispositivos de rescate"
Os dous tripulantes dunha embarcación de recreo foron rescatados por Salvamento Marítimo en cabo Corrubedo. Ambos permaneceron sobre o casco do barco ata que puideron salvalos.
Segundo informa Salvamento Marítimo, os tripulantes alertaron que estaban sobre o casco. Así o veleiro 'Henrietta' localizou a embarcación quilla ao sol ás 13,32 horas deste sábado e permaneceu na zona até a chegada da Salvamar Regulus que rescatou, ás 13,40 horas, aos dous tripulantes en bo estado.
A embarcación foi remolcada a Porto do Son. A coordinación da emerxencia correu a cargo dos controladores marítimos de Fisterra baixo a dirección da Capitanía Marítima de Vilagarcía.
O xefe do centro de Salvamento de Fisterra, Manuel Capeáns, destaca "a importancia de recibir as alertas a tempo para pór en marcha os dispositivos de rescate". "Unha alerta a tempo é o teu mellor salvavidas", lembra.
Escribe o teu comentario