O idioma: a principal barreira para a atención sanitaria a refuxiados ucraínos

Case un cuarto deles pasaron polo punto de atención habilitado na Cidade da Cultura entre maio e xuño


|

Archivo - Varias personas lanzan globos al aire como gesto para el fin de la guerra en Ucrania, en la plaza del Obradoiro, a 25 de marzo de 2022, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España
Arquivo - Varias persoas lanzan globos ao aire como xesto para o fin da guerra en Ucraína / Foto: @EP

Un total de 2.252 persoas refuxiadas en Galicia despois de haber huído da guerra en Ucraína teñen recoñecido o derehco a recibir atención sanitaria no Servizo Galego de Saúde, onde profesionais e pacientes enfróntanse á gran barreira do idioma para facer entender e prestar un servizo axeitado.

 

Os ucraínos chegados a Galicia tras a invasión do seu país polo exército ruso, da cal se cumprirá un ano en febreiro de 2023, son parte das máis de 25.000 persoas que resinden en Galicia sen estar aseguradas, pero que teñen dereito a recibir total prestación sanitaria no #Sergas.

 

En Galicia, todas as persoas teñen recoñecida o seu cartón sanitario sempre que acrediten estar empadroadas nun concello galego e residir por un período de, polo menos, seis meses. Un dos requisitos que se flexibilizan no caso de persoas solicitantes de protección internacional, quen con soamente o rexistro desta petición que poden formular en comisarías xa se lles concede o dereito a prestación sanitaria no Sergas.

 

Trátase do caso das 2.252 persoas que, ao peche do 2022, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, forman parte do grupo de Protección Temporal para cidadáns procedentes de Ucraína. Deles, case unha cuarta parte pasaron polo punt de atención habilitado pola Xunta na Cidade da Cultura, en Santiago , entre os meses de maio e xuño.

 

"Cando empezaron a chegar persoas de Ucraína necesitaban unha primeira atención para facilitarlles tanto a protección sanitaria como para facerlles unha primeira avaliación de posibles enfermidades ou incidencias", sinalou a subdirectora xeral de Saúde Pública, Marta Piñeiro.

 

A responsable da Consellería de Sanidade apuntou que o "obxectivo primordial" era "facilitar os trámites" ás persoas que recalaron en Galicia tras escapar do seu país. Este punto estivo en funcionamento durante un mes e medio e, agora, centralízase nos propios centros sanitarios.

 

Para a Asociación Galega de Axuda a Ucraína, a atención aos refuxiados foi, consideran, "rápida e satisfactoria", a pesar dos problemas derivados do idioma. Trátase esta de unha barreira que a Xunta de Galicia tratou de salvar nun primeiro momento coa colaboración de tradutores, que formaban parte do dispositivo integrado no punto de atención do Gaiás, onde tamén participaron persoal de emerxencias, traballadores sociais ou administrativos, ademais de profesionais sanitarios.

 

Marta Piñeiro apuntou que, unha vez que se comrprobaba que a persoa fixera os trámites para inscribir no sistema sanitario galego, os facultativos sometíanos a unha primeira avaliación sobre o seu estado de saúde, facéndolles preguntas sobre a súa historia clínica, para así coñecer se padecían algún tipo de doenza, se tomaban medicación ou si tiñan completo o calendario de vacinación.

 

Todo iso realizouse co apoio dun intérprete que permitiu esquivar o escollo do idioma, algo que, en palabras da responsable de Saúde Pública, "non foi fácil" conseguir, "porque o ucraíno non é un idioma maioritario e, mesmo, moitas persoas tiñan o ruso como lingua".
 

NECESIDADE DE INTÉRPRETES

O secretario de AGA, Antonio Corredoira, sinala que poder comunicar segue sendo o principal problema ao que se enfrontan os ucraínos en Galicia, xa que acoden ao médico de cabeceira, a urxencias ou a calquera servizo sanitario.

"No servizo de saúde non hai intérpretes. Atópanse con que non saben como falar cos médicos. En ocasións, chamáronnos para facer traducións simultáneas por teléfono en consultas ou en probas diagnósticas", apuntou Corredoira.

"Un día chamáronnos dun hospital que querían chamar a unha persoa que estaba bastante grave, enferma de cancro, e á que tiñan que citar con urxencia para facer un TAC e non sabían como falar con ela. Fixérono a través de nós", relatou o responsable de AGA, que propón como medida para salvar esta situación a habilitación dun intérprete por provincia.
 

ATENCIÓN PSICOLÓXICA

O problema de saúde máis frecuente entre as persoas refuxiadas de Ucraína son as secuelas psicolóxicas que deixou nelas a súa tráxica saída do país. Un equipo de psicólogos atendeunos nun primeiro momento no punto habilitado pola Xunta de Galicia, aínda que os colectivos que traballan con refuxiados ucraínos creeen que deberían reforzar os efectivos de saúde mental no #Sergas.

"Moitas das persoas que nós trouxemos tiñan problemas de tensión postraumática. Necesitan atención psicolóxica, que na seguridade social é un pouco lenta e non ten moitos medios", sinalou o secretario de AGA, que conta con voluntarios e traballa con entidades para prestar axuda a estas persoas.

Algúns deles, como apunta Antonio Corredoira, chegaron a ser casos graves que derivaron en ingresos en urxencias ou problemas nas familias de acollida, polo que considera que sería positivo que aumentasen os recursos públicos para a atención psicolóxica dos ucraínos que arrastran problemas de saúde mental.

A futuro, o secretario de AGA propón que a Administración galega siga o exemplo doutras comunidades e estude a posibilidade de traer a feridos de guerra desde Ucraína para que sexan tratados no Servizo Galego de Saúde.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE