Nai de acollida dun neno con discapacidade consegue asistencia tras ameazar cunha folga de fame

O menor, cun grao de dependencia severo, se inocrporará a un centro tras a actuación da Xunta.


|

28 16 7 46.admin.3parque infantil
Centro Agarimo

 

Bastou con que unha nai coruñesa anunciase que se poría en folga de fame ante a delegación da Xunta na Coruña para que a administración autonómica atopase en poucas horas a solución que durante máis dun ano fora incapaz de articular. Carmen Villar, nai de acollida de B., un adolescente de 15 anos cun 49% de discapacidade recoñecida e dependencia severa, conseguiu que o seu fillo se incorpore esta semana a unha aula específica dun centro ordinario da Coruña, coa promesa dunha praza de educación especial para setembro.

 

A propia Villar definiu este luns o resultado como agridoce. Recoñeceu a súa satisfacción porque o menor retomará por fin a escolarización, pero se mostrou moi crítica co feito de que fixese falta chegar a ese extremo para que a Xunta tomase cartas no asunto. Segundo as súas palabras, recollidas por Europa Press, os 14 meses transcorridos sen que o mozo pisase unha aula foron moi duros tanto para el como para a súa familia, e a decisión de recorrer á protesta causoulle un gran sufrimento persoal.

 

 

A Consellería de Educación e a de Política Social, a través da Delegación Territorial da Xunta na Coruña, confirmaron que os seus equipos técnicos reuníronse este luns con Villar e acordaron unha solución provisional para o menor.

 

14 MESES DE DESPROTECCIÓN

O historial do caso revela unha cadea de fallos institucionais. O psiquiatra que atendía ao menor aconsellara un cambio de centro, e a familia chegou a visitar as instalacións de Aspronaga, na Coruña, onde non había praza dispoñible. 

 

B. estivo escolarizado durante os cursos 2023-24 e 2024-25 no centro Agarimo de Arteixo, do que foi expulsado preventivamente en febreiro de 2025 porque o propio equipo educativo recoñeceu non dispor dos recursos necesarios para garantir a súa seguridade nin a dos seus compañeiros. Tras esa expulsión, o mozo foi trasladado temporalmente a un centro de protección de adolescentes en Lugo, do que tamén foi expulsado. 

 

 

En decembro de 2025, un auto xudicial estableceu que o menor debía residir coa súa familia e asistir a un centro de educación especial. Con todo, en marzo de 2026, a Administración volveu propor a súa escolarización en Agarimo, o mesmo centro que recoñecera por escrito carecer dos recursos persoais, terapéuticos e de seguridade imprescindibles. Esa proposta colmou a paciencia da familia.

 

A Xunta DEFENDE A súa XESTIÓN

A Consellería de Educación sostivera o domingo, antes da reunión, que o caso estaba a ser atendido con toda a sensibilidade necesaria e buscando sempre o benestar do menor. No entanto, non explicou por que o mozo levaba máis dun ano sen escolarizar nin por que se insistía en envialo a un centro que xa recoñecera as súas carencias por escrito.

 

B. ten, segundo a súa nai, unha idade mental de entre tres e catro anos a pesar dos seus 15 anos cronolóxicos, e leva acollido por Villar e a súa parella desde fai 12 anos, aínda que a tutela legal do menor corresponde á propia Xunta de Galicia.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE