Aparcar xunto ao hospital? Unha odisea ou parkings carísimos como o do Salnés, 3€ a hora
A falta de prazas de aparcadoiro segue sendo unha das materias pendentes da sanidade en Galicia, con problemas que se repiten en case todas as áreas sanitarias. A Asociación Galega para a Defensa dá Sanidade Pública (AGDSP) reclama á Xunta e ao Sergas aparcadoiros gratuítos e suficientes en todos os complexos sanitarios públicos, ao considerar que o modelo actual penaliza economicamente a pacientes e acompañantes que acoden a un servizo esencial.
Na área do Salnés, a saturación do aparcadoiro no hospital comarcal de Vilagarcía de Arousa, arrástrase desde a inauguración do centro e agravouse coa subida de prezos do parking privado. A AGDSP denuncia que moitas persoas se negan a pagar o que consideran tarifas “inasumibles” e acaban deixando o vehículo mal estacionado ou en pistas de terra e barro, lonxe da entrada principal.
A primeira hora no aparcadoiro de pago do Hospital do Salnés sitúase en 3 euros, máis cara que os parkings de Vilagarcía e mesmo que os de urbes e áreas sanitarias máis poboadas, como o Clínico de Santiago ou o Álvaro Cunqueiro de Vigo, o que empuxa aos usuarios a buscar alternativas gratuítas que son claramente insuficientes.
En superficie só existen unhas poucas decenas de prazas públicas, ampliadas no seu día grazas á cesión temporal dun terreo privado, pero aínda así estacionar en horarios de consulta volveuse unha tarefa case imposible.
A falta de ordenación do tráfico na contorna do Hospital do Salnés derivou ademais nun problema de seguridade. Nos últimos meses denunciáronse vehículos mal aparcados que dificultan a entrada e saída de ambulancias, o que obriga aos servizos de emerxencia a manobrar entre turismos estacionados en zonas non autorizadas, accesos e rotondas.
En xornadas de choiva ou temporais, os acompañantes deixan ao paciente na porta e ven obrigados a percorrer a pé longas distancias desde onde atopan oco, algo especialmente gravoso para persoas maiores, pacientes oncolóxicos ou con mobilidade reducida. A AGDSP considera que esta situación transmite unha imaxe de deshumanización da atención sanitaria, ao converter o acceso ao hospital nunha odisea para quen teñen menos recursos económicos.
Santiago: novo parking, pero aínda en papel
En Santiago de Compostela, o principal problema concéntrase na contorna do Hospital Clínico Universitario (CHUS), onde a demanda supera claramente as prazas dispoñibles e obriga a dar voltas, estacionar en noiros ou recorrer a parkings privados. A Xunta e o Concello asinaron un protocolo para construír un novo aparcadoiro dunhas 1.000 prazas e reordenar os accesos, pero as obras non comezarán, como mínimo, até 2026.
Ese acordo prevé un proxecto de interese autonómico para mellorar a mobilidade e o estacionamento en todo o complexo, incluíndo o Clínico, o Gil Casares e o futuro Centro de Protonterapia, con circulación perimetral, prioridade para transporte público e espazos de parada e descenso de enfermos. A redacción técnica do proxecto, adxudicada á empresa Proyfe por 1,8 millóns de euros, ten un prazo dun ano, polo que a solución definitiva aínda tardará en materializar.
Mentres non chega o gran aparcadoiro, habilitáronse solucións temporais que só alivian parcialmente a presión. En 2024 abriuse unha bolsa de máis de 150 prazas a menos de 200 metros do CHUS, nun terreo de 3.000 metros cadrados con acceso desde a avenida de Barcelona, concibida para gañar tempo mentres se tramita o proxecto de maior envergadura.
Aínda así, usuarios e traballadores denuncian que a capacidade segue sendo insuficiente e que moitos coches terminan en rúas da contorna, xerando queixas veciñais e problemas de tráfico. A AGDSP lembra que a ampliación do Clínico e a posta en marcha de novos servizos especializados incrementarán o fluxo de pacientes, polo que urxe a planificar aparcadoiros públicos gratuítos desde unha perspectiva de dereito á atención sanitaria.
Vigo: do parking privatizado á resposta municipal
En Vigo, o caso do Hospital Álvaro Cunqueiro converteuse nun dos símbolos do debate sobre os aparcadoiros de xestión privada en hospitais públicos. Desde a súa apertura, plataformas en defensa da sanidade pública e a xunta de persoal criticaron as tarifas do parking concesionado, con prezos diarios ao redor de 12 euros e casos de facturas moi elevadas, o que alimentou protestas e campañas cidadás.
Como resposta parcial, o Concello construíu un aparcadoiro municipal cunhas 400 prazas, inicialmente gratuíto para todos os usuarios e vinculado despois ao cartón PassVigo, co obxectivo de ofrecer unha alternativa ao subterráneo de pago explotado pola concesionaria do Sergas. A pesar desta ampliación, asociacións e usuarios seguen sinalando a falta de prazas e a distancia do complexo hospitalario respecto ao núcleo urbano, o que obriga a moitas persoas a depender do coche para acudir a consultas e probas.
Un problema que se repite en toda Galicia
A AGDSP sostén que a insuficiencia de aparcadoiros públicos non é exclusiva do Salnés, Santiago ou Vigo, senón que se estende ao conxunto dos hospitais do Sergas. Ao seu xuízo, os parkings privados con tarifas altas e o transporte público insuficiente acaban xerando unha barreira económica e loxística para pacientes e familias, especialmente en áreas rurais e comarcais.
A asociación reclama ao Sergas e á Xunta unha rede de aparcadoiros gratuítos en todos os complexos hospitalarios, xunto cun reforzo do transporte público e unha ordenación do tráfico que priorice a accesibilidade e a seguridade dos enfermos.
O Goberno galego e o propio Sergas puxeron en marcha actuacións puntuais, como o futuro parking do Clínico de Santiago ou a rebaixa de tarifas no Cunqueiro e a creación de prazas gratuítas na súa contorna, pero até o momento non presentaron un plan global específico de aparcadoiro hospitalario para toda Galicia.
Escribe o teu comentario