Vecinos de Cacheiras (Teo), contra unha planta de residuos con luz verde da Xunta
Cacheiras está en pé de guerra. Decenas de residentes das aldeas de Feros, A Torre e Raxó constituíron unha plataforma cidadá para frear a instalación dunha xestora de residuos de construción impulsada por Escavacións Midón S.L., unha empresa con máis de dúas décadas de actividade na zona e cuxo socio único figura tamén á fronte doutras mercantís do sector. O proxecto xa conta con aprobación ambiental autonómica, pero os veciños denuncian que ninguén lles avisou.
A Plataforma STOP Planta de Residuos Cacheiras – Aldeas Limpas! presentouse publicamente o sábado nun acto celebrado xunto aos propios terreos onde se prevé a instalación. O lugar elixido non foi casual: os veciños quixeron mostrar en primeira persoa a proximidade da futura planta respecto dos seus fogares, centros escolares, equipamentos sociosanitarios e zonas de lecer. "Queremos seguir vivindo con tranquilidade nas nosas casas e nunha contorna saudable", sinalaron portavoces do colectivo.
A plataforma naceu como resposta directa ao proxecto de Escavacións Midón S.L., que pretende habilitar nos seus terreos, situados entre as aldeas de Feros e A Torre, unha instalación para o tratamento de residuos de construción e demolición: basicamente cascallos como ladrillos, tezas, formigón e materiais cerámicos, que serían triturados, clasificados e almacenados temporalmente nunha planta xa existente duns 5.600 metros cadrados.
A empresa detrás do proxecto
Escavacións Midón S.L. é unha empresa con sede na contorna de Santiago de Compostela especializada en movementos de terras, demolicións e obra civil, con máis de vinte anos de traxectoria no sector. Segundo os datos do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME), o seu socio único e administrador único desde abril de 2019 é Roberto Miguel Midón Martínez, quen tamén exerceu como administrador solidario de Xabre Obra Civil S.L. até a súa liquidación en 2018 e como administrador mancomunado de Aexga Ecoloxía S.L. desde 2011. Así mesmo, consta que foi administrador único de Treos S.L. entre febreiro de 2024 e novembro de 2025, cando esa sociedade foi extinguida.
Esta ampla traxectoria empresarial, que conecta ao promotor con distintas firmas do ámbito da obra civil e os resiudos, xerou receo entre os veciños, que ven no proxecto unha aposta de calado e que pode ir gañando tamaño cos anos no medio dunha contorna rural habitado.
Po, ruído e camións
Os temores da plataforma articúlanse ao redor dunha serie de impactos directos sobre a vida cotiá da veciñanza. En primeiro lugar, a emisión de po e partículas contaminantes derivadas do procesado de cascallos, con posibles consecuencias sobre a calidade do aire e a saúde respiratoria. A iso súmase a xeración de ruído continuo pola maquinaria pesada, que alteraría o descanso e a tranquilidade das aldeas, así como a proliferación de malos cheiros.
Pero a preocupación vai máis aló do perímetro inmediato da planta. A veciñanza alerta do tráfico intenso de camións de gran tonelaxe que implicaría a actividade, coa conseguinte deterioración das vías locais, maior contaminación atmosférica e un incremento do risco para peóns e residentes. Tamén advirten de posibles afeccións a acuíferos e augas subterráneas, así como da conversión do territorio nun punto receptor de cascallos procedentes doutras zonas, sen que iso reporte beneficio algún á comunidade.
O concello desmárcase
O Concello de Teo, gobernado pola alcaldesa Lucía Calvo da Uz, do PPdeG, emitiu un comunicado no que subliña que nunca tivo competencia para autorizar ou bloquear esta instalación. A aprobación corresponde en exclusiva á administración autonómica, que en decembro de 2025 emitiu no DOG un informe de impacto ambiental favorable a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Segundo a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, non se prevén efectos adversos significativos sempre que se cumpran os condicionantes fixados en materia de protección da atmosfera, augas, solo, xestión de residuos e integración paisaxística. Trataríase dunha planta de valorización de residuos non perigosos.
O concello lembra ademais que a instalación se situaría en solo rústico, uso expresamente permitido pola Lei Galega do Solo para infraestruturas de xestión de residuos inertes. A normativa establece que o informe de viabilidade urbanística municipal, nestes casos, debe ser favorable de forma automática. De feito, nin sequera chegou a emitir.
A plataforma, con todo, cuestiona que o proceso garanta unha participación cidadá real. Denuncian que o Concello non informou adecuadamente á veciñanza nin facilitou a súa implicación no período de exposición pública do informe ambiental, a pesar de que, segundo o concello, toda a tramitación estivo dispoñible tanto na web da Xunta como en medios de comunicación de tirada autonómica.
Coa súa constitución, a plataforma anuncia mobilizacións, accións informativas e cantas iniciativas sexan necesarias para trasladar a súa voz ás administracións competentes e reclamar que este tipo de instalacións de xestión de residuos sitúense en polígonos especificamente preparados para iso, e non entre as casas dos veciños.
Escribe o teu comentario