Xosé Regueira: "O modelo de transparencia da Deputación da Coruña ten unha diferenza abismal co da Xunta"

Xosé Regueira é o vicepresidente da Deputación da Coruña polo BNG. Membro tamén do consistorio de Carballo, está preparando a provincia da Coruña para o acontecemento do século: o eclipse de sol previsto para o 12 de agosto. O principal punto é como xestionar a afluencia de xente e evitar colapsos innecesarios, sobre todo nas áreas da costa. Por outra parte, considera o goberno provincial un exemplo de gobernabilidade alternativo ao PP. Non dubida que o BNG terá uns bos resultados de cara ás autonómicas grazas á candidatura de Ana Pontón. Salienta que grazas ao Plan Único do executivo provincial moitos concellos pequenos da provincia poden levar adiante tanto obras como outras accións que serían imposibles sen ese plano.


|

Xosu00e9 Regueira
Xosé Regueira

 

- Como se está preparando a Deputación para a chegada de turistas e observadores para o fenómeno do eclipse deste verán? 

Desde a presentación en FITUR tivemos que cambiar a estratexia vendo que a presión sobre o espazo estaba sendo moi alta e a ocupación de hoteis xa estaba cuberta. Agora estamos participando activamente en reunións con outras administracións mais, sobre todo, o traballo que temos por diante agora mesmo é a seguridade e a sensibilización arredor deste fenómeno. Debemos incidir na prevención e animar as administracións locais a crear protocolos de seguridade cara a esa data. Tememos os colapsos que se poidan dar, pois o tráfico nas estradas da costa vai superar a intensidade do que se dá nun mes de agosto normal. Digo nas zonas de costa porque aí o eclipse vai ser total.

 

- Xa se ten unha cifra aproximada de persoas que poden achegarse a ver o eclipse? Suporá a concentración de densidades importantes de observadores? 

Si, vai ser unha densidade moi importante, diso estamos totalmente seguros. Serán centos de miles de desprazamentos de persoas coa intención de ver o eclipse desde determinados puntos. Eses puntos estarán sobrepasados e iso obriga a outros a buscar un lugar desde onde ter unha boa visión do fenómeno. Temos medo do alto fluxo de vehículos que estarán buscando onde situarse para a observación. Preocúpanos o desprazamento de persoas que unicamente veñen ese día para ver o fenómeno; nos concellos de costa esa área estará ocupada desde primeiras horas da mañá. Por iso falamos de protocolos de circulación para evitar colapsos importantes.

 

Serán centos de miles de desprazamentos de persoas coa intención de ver o eclipse desde determinados puntos

 

- Desde o seu departamento na Vicepresidencia da Deputación da Coruña teñen as competencias de turismo. Falan de levar adiante un turismo dentro da sustentabilidade. Como se pode ter un equilibrio entre turismo e sustentabilidade? 

Reclamamos usar a “intelixencia turística”, ter lazos para planificar a política dentro desta área. O turismo vai funcionando moi ben, mais é certo que funciona de maneira moi intuitiva; aínda non hai ferramentas para medir fluxos e o comportamento dese turismo no territorio. A Deputación reclama un turismo de calidade, sustentable, con futuro e que respecte o territorio. Temos unhas altas concentracións de turistas en determinados puntos e debemos facer caso dos sinais de alerta que xa están aparecendo. Aínda así, queremos transmitir que é máis importante a calidade que a cantidade; o turismo é bo e aínda máis se xera riqueza para as persoas que viven no territorio. Por último, non serve de nada atraer centos de miles de persoas a unhas áreas que carecen de infraestruturas para acollelas. Tamén debemos escoller o turismo que máis nos interesa e que saiba valorar a grandísima riqueza que ten o noso territorio.

 

 

 

 

 

- Un territorio, o da provincia da Coruña, que ten moitas paisaxes.

 Todos os destinos que temos son diferentes mais complementarios entre si. O noso territorio está habitado e a campaña é "A paisaxe que sabe", porque esa paisaxe é moi distinta doutros lugares. Só na provincia da Coruña temos máis de 900 quilómetros de costa e, canda iso, temos un interior riquísimo e un espazo produtivo onde afortunadamente seguimos vivindo; por tanto, non se deben modificar os modos de vida das persoas. Por iso falamos dunha experiencia turística que saiba relacionarse coas persoas e a paisaxe local, ademais do relato que leva implícito o territorio. O turismo non debe banalizar a nosa identidade.

 

 Queremos transmitir que é máis importante a calidade que a cantidade; o turismo é bo e aínda máis se xera riqueza para as persoas que viven no territorio

 

- Considera que ten fortaleza a candidatura de Ferrol a cidade patrimonio da UNESCO? Ferrol ten unha grande potencialidade con ese porto herdado da Ilustración, o significado do barrio da Magdalena para esa cidade, e logo a contorna paisaxística é magnífica. Ten unha historia militar moi rica e o patrimonio industrial e naval que segue adiante, afortunadamente, aínda que rebaixado, mais debemos darlle moita vida no futuro. Daquela, Ferrol conta con moitos puntos a favor e, por tanto, é unha pequena grande xoia que está a espertar. Creo que a certificación da UNESCO vai chegar máis cedo que tarde e vai estar arrodeada doutras acreditacións como o xeoparque de Ortegal e o parque das Fragas do Eume.

Xosu00e9 Regueira
Xosé Regueira /Turismo DAC

 

 

 

 

- Desde a Xunta anunciouse un fondo para atraer rutas aéreas aos aeroportos galegos. Desde a Vicepresidencia da Deputación, que valoración fan deste plano da Xunta? 

A Deputación da Coruña non ten competencias nese terreo. Si é certo que nós sempre estamos dispostos a dialogar e imos ver as diferentes propostas que se presentarán desde o Comité de Coordinación Aeroportuaria. Creo que á primeira xuntanza non puido ir o presidente Rueda, mais este punto aínda non se abordou con rigor. É prematuro que dea a miña opinión, ademais de ser unha competencia fóra do noso ámbito como administración local intermedia. Aínda así, somos unha administración que busca a colaboración e así participaremos nas conversas arredor deste asunto. Tampouco vou anticipar como será esta colaboración ou se imos ser unha administración financiadora como teño escoitado. Debemos ser serios e rigorosos coas competencias propias e impropias, pois nese terreo deben ser a Xunta e o Goberno central quen leven o peso de mellorar a conectividade e abrir conexións internacionais.

 

 Creo que a certificación da UNESCO para Ferrol vai chegar máis cedo que tarde

 

- Considera que a Deputación da Coruña funciona como un “contrapeso” ás políticas e ao goberno da Xunta de Galicia? 

Unha deputación non pode ser contrapeso doutra administración moitísimo máis grande, non temos os recursos. Si temos un modelo diferente a nivel de gobernanza xeral. É certo que o Plan Único da Deputación significa outro xeito distinto de entender a política municipal ao que ten a administración autonómica. Debemos darnos conta de que a Deputación transfire unha parte moi importante dos seus orzamentos aos concellos sen dicirlles en que deben gastalo, respectando así a autonomía municipal. A Deputación da Coruña aproba un orzamento anual máis pequeno que o do Concello da Coruña e, aínda así, financiamos ese concello, as outras grandes cidades e os demais 90 concellos da provincia con achegas moi superiores a calquera outra administración. Se agora mesmo caese o actual goberno da Deputación e o Plan Único, a viabilidade de moitos concellos, sobre todo os máis pequenos, estaría en perigo e con dúbidas para seguir mantendo os servizos actuais. Xunta e Deputación son administracións que non se poden comparar, mais o modelo de transparencia da Deputación ten unha diferenza abismal co da Xunta.

 

 

 

- Considera que o actual goberno da Xunta mantén unhas relacións máis favorables ás deputacións de Ourense e Pontevedra (PP) que coa da Coruña e Lugo (PSOE-BNG)? Descoñezo a realidade das deputacións de Pontevedra e de Ourense, mais a relación institucional Xunta-Deputación da Coruña depende dos ámbitos. Agora mesmo estamos en negociacións para que a Xunta asuma centros onde a Deputación está executando competencias impropias como son conservatorios de música, centros de danza ou centros de menores. Tamén abrimos unha vía de negociación en relación coas infraestruturas viarias e, sobre turismo, temos unha relación con Turismo de Galicia cunha colaboración moi estreita. Noutros ámbitos as relacións entre administracións son realmente moi escasas; debe de ser que andamos nerviosos ante as bases para a nova lei de administración local de Galicia. Xa vimos o borrador e a realidade é que nos vai afectar bastante como administración e xa estamos preparando alegacións. En definitiva, a relación podería ser máis fluída, mais é a habitual entre diferentes administracións.

 

 Agora mesmo estamos en negociacións para que a Xunta asuma centros onde a Deputación está executando competencias impropias como son conservatorios de música, centros de danza ou centros de menores

Xosu00e9 Regueira Deputaciu00f3n da Coruu00f1a
Xosé Regueira / Deputación da Coruña

 

 

- Cal sería para vostede a valoración do goberno PSOE-BNG na Deputación?

 A valoración é que hai alternativa ao goberno do PP. Dúas forzas progresistas, con maneiras moi diferentes de entender o país e como organizalo de cara ao futuro. En todo caso, demostramos ser capaces de relacionarnos e ofrecer unha alternativa máis transparente e máis beneficiosa para a sociedade en xeral. Eu valoro positivamente o goberno provincial, coas súas dificultades —porque todos os gobernos, mesmo os dunha soa cor política, as teñen—, mais aí estamos desde 2015 ofrecendo unha alternativa real e, a través dun modelo como o Plan Único, ofrecendo máis viabilidade aos concellos da que houbo en etapas co PP.

 

 

 

 

 

- En relación con isto que di, vislumbra un goberno alternativo ao PP na Xunta e con Ana Pontón á cabeza? 

Creo que temos unha grandísima candidata que soubo recoller o cariño de propios e alleos porque é moi respectada e ten as ideas moi claras. Ademais, temos unha organización que agora mesmo vive un bo momento logo de travesías ingratas e que vai crecendo en apoios sociais segundo os datos demoscópicos. Temos unha organización con máis cadros experimentados en gobernos e, por tanto, considero que si. Entendo tamén que a alternancia en política é boa para o avance das sociedades, e considero necesarias ideas novas e modelos alternativos a outros que levan moito tempo gobernando.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE