Os vixiantes de seguridade galegos, convocados a unha gran protesta este xoves en Santiago de Compostela
A CIG, que se opuxo onte á firma do novo convenio estatal, convoca a protesta este xoves 29 de xaneiro ás 11 horas.
"A proposta é a mesma que hai catro anos. Si non nos valía hai catro anos, pois que tampouco nos vale para agora". Así de claro se mostaba o pasado luns Pedro Pérez, representante de CIG-Servizos, consultado por Galiciapress sobre a postura que ía adoptar o sindicato na reunión polo novo convenio estatal da seguridade privada, rubricado onte pola patronal e unha maioría sindical que conforman UXT, CC.OO. e USO. Neste contexto, e despois de reiterar o seu non aos empresarios na mesa de negociación, a CIG programa unha gran mobilización dos vixiantes este xoves en Santiago de Compostela.
PROTESTA CONTRA UN PACTO QUE "NON ES A VÍA AXEITADA"
A cita será na capital galega este xoves 29 de xaneiro, a partir das 11 horas, con saída desde a Alameda e marcha con destino á Praza do Toural. A protesta leva un tempo programada e desde o sindicato recalcarona este diario que un eventual si ao convenio non ía modificar a folla de ruta establecida, que pasaba pola protesta en calquera caso.
Para o sindicato galego, que mantén a súa reivindicación dunha negociación en clave autonómica para abordar os problemas do sector na comunidade, o pacto en Madrid resulta un retroceso para os traballadores do sector, a pesar de establecer unha subida salarial do 16% diferida no catro anos de duración do convenio, desde 2027 até 2030.
"O incremento é totalmente insuficiente. Non se recupera o poder adquisitivo perdido na última década. Seguimos con máis do mesmo e si antes non se recuperaba agora tampouco se recupera a perda do poder adquisitivo", critica Pérez, que cualifica de "oportunidade perdida" a negociación estatal, onde tampouco se lograron avances en materia de rebaixa de xornada laboral ou sobre os incrementos en nocturnidade e festividade.
"Como se vai a querer facer atractivo o sector pagándoche un euro a hora cando traballas de noite, ou un euro a hora cando traballas o fin de semana? Como se pretende atraer novo talento?", censuran desde a CIG, onde cren que o marco pactado é unha "proposta inxusta, regresiva e socialmente irresponsable".
A protesta deste xoves busca plasmar o sentir dos vixiantes que, como a CIG, consideran que o marco establecido "non é a vía axeitada a que se está tomando nin se están tendo en conta realmente as necesidades que teñen os traballadores do sector".
Escribe o teu comentario