VIDEOCLIP | Leticia Rey laza 'Abrente' nas plataformas, onde elixe o Mosteiro de Carboeiro como escenario
O videoclip da canción está nomeado aos Premios Mestre Mateo.
'Danza Luz' é algo máis que un disco, é un universo pensado para reflexionar e abrir a novas experiencias, afastado da idea do consumo rápido de usar e tirar. Así o concibiu a galega Leticia Rey e así llo está mostrando ao mundo, a contagotas, xa que o seu disco foi pensado para publicar só en formato físico, coidando cada detalle ao milímetro. Agora estao ensinando aos poucos en formato dixital, con pezas igual de medidas, como se pode ver neste novo videoclip .
ENTRE A CLARIDADE E A SOMBRA
Para un tema como 'Abrente', a de Vila de Cruzamentos elixiu como escenario o Mosteiro de Carboeiro, en Silleda. Este non é un espazo menor e así o recolleu Pablo Goluboff, que dirixiu esta peza nomeada nos Premios Mestre Mateo, boa proba da importancia que dan á mensaxe visual en 'Danza Luz', que xa foi recoñecido por distintas publicacións como un dos proxectos máis interesantes da escena galega contemporánea.
"A peza non ilusta só a canción, senón que a prolonga", describen, sobre o tratamento que se fai da luz, o aire, a arquitectura e a natureza da contorna que reforza a intimidade da peza. Será este 17 de xaneiro -como non podía ser doutra forma, pois son os días 17 os que descobren unha nova peza, mesmo día que a publicación do disco- cando a canción chegue ás plataformas.
En 'Abrente' a canción navega entre a vulnerabilidade e a autoafirmación, coa danza como fío condutor nun diálogo "entre a sombra e a claridade", terreo no que a artista sabe mover con delicadeza e decisión a partes iguais.
Escribe o teu comentario