Transportistas galegos ven "decepcionante" e "prexudicial" o decreto anticrisis
O sector do transporte en Galicia cualifica de "decepcionantes" as medidas do Real Decreto-Lei e denuncia que a norma beneficia máis ao condutor particular que ás empresas de mercadorías, que acumulan perdas millonarias pola guerra en Oriente Próximo
O conflito bélico en Oriente Próximo segue deixando a súa pegada na economía galega. Tres semanas despois do estalido da guerra, o prezo do gasóleo escalou máis dun 30% e o sector do transporte por estrada agarda un alivio que, segundo as súas propias organizacións, o Goberno foi incapaz de ofrecer. O Real Decreto-Lei 7/2026, aprobado o venres 20 de marzo nun Consello de Ministros extraordinario e publicado o sábado no BOE, entrou en vigor este domingo 22 de marzo.
Vieiros Unidade Galega de Transportistas trasladou publicamente o seu malestar co contido da norma, cualificándoa de "decepcionante e en certa medida prexudicial". A postura galega alíñase coa das grandes federacións estatais do sector. Fenadismer e a Asociación Xeral de Transportistas por Estrada (AGTC) tamén valoraron negativamente o decreto-lei, cualificando as disposicións como "insatisfactorias e prexudiciais" e advertindo de posibles mobilizacións nacionais si non se revisan antes de que termine marzo.
O malestar non é menor en termos económicos. A federación estima que o sector acumulou un sobrecusto próximo aos 250 millóns de euros durante as tres semanas que durou o conflito en Oriente Medio, debido á subida do gasóleo. Unha sangría que, a xuízo dos transportistas galegos, o decreto apenas roza.
O IVE, unha rebaixa que non chega ás empresas
O núcleo do paquete anticrisis en materia de carburantes é a rebaixa fiscal. O Real Decreto-Lei recolle a redución do IVE dos carburantes do 21% ao 10%, xunto cunha baixada do Imposto sobre Hidrocarburos ao mínimo permitido pola normativa europea, o que segundo o Goberno tradúcese nun aforro de até 30 céntimos por litro para o cidadán. Pedro Sánchez presentou esta medida como a columna vertebral do plan de resposta, cifrado en máis de 5.000 millóns de euros.
Con todo, os transportistas galegos lembran que esa rebaixa do IVE, aplaudida polos automobilistas, non supón o mesmo para unha empresa. O #IVE é un imposto neutro para as compañías de transporte, que poden deducirllo, de modo que a redución non implica un aforro real máis aló de non ter que adiantar ese diñeiro a Facenda. O que preocupa especialmente a Vieiros é o impacto sobre o denominado gasóleo profesional: a redución de 4,9 céntimos por litro no Imposto de Hidrocarburos elimina na práctica a marxe que existía para ese tipo de combustible, polo menos até o 30 de xuño.
A iso súmase outro problema técnico con consecuencias moi directas para a actividade diaria. A cláusula de indexación do combustible, un mecanismo que permite aos transportistas repercutir aos seus clientes as subidas do prezo do diésel, queda, segundo a asociación galega, "totalmente desvirtuada". Ao baixar o prezo de referencia do diésel nas gasolineiras, os transportistas verán reducida a súa capacidade de trasladar os sobrecustos reais, o que lles aboca a absorber perdas nas súas propias contas. Vieiros pedira expresamente ao Executivo que incrementase en dez puntos porcentuais o índice desa cláusula, unha petición que o decreto ignora por completo.
Axudas inferiores ás da guerra de Ucraína
As contías concretas tampouco convencen ao sector galego. A norma aproba unha bonificación de 20 céntimos por litro de gasóleo para os transportistas con vehículos con dereito á devolución parcial do Imposto sobre Hidrocarburos, vixente até o 30 de xuño de 2026. Para os vehículos de menor tonelaxe, entre 3,5 e 7,5 toneladas, a axuda directa ascende a 665 euros, mentres que os máis lixeiros recibirán 450 euros.
O problema, segundo Vieiros, é a comparación histórica. Esas contías son inferiores ás que se habilitaron durante a crise do gasóleo provocada pola guerra de Ucraína en 2022 e 2023, cando a bonificación tamén foi de 20 céntimos por litro a pesar de que o prezo do gasóleo era entón uns 20 céntimos máis barato que na actualidade. É dicir, cun combustible máis caro, a axuda é a mesma ou menor. Mentres os vehículos particulares verán compensado case o 100% do impacto polo aumento da gasolina, os transportistas só recibirán axudas que cobren menos do 50% do sobrecusto real.
A todo iso engádese unha condición que o sector interpreta como un obstáculo adicional: as empresas que queiran manter as axudas non poderán realizar despedimentos entre o 22 de marzo e o 30 de xuño. Vieiros non cuestiona a protección laboral en si, pero advirte que esta esixencia complica a xestión empresarial nun contexto xa de seu moi fráxil.
Ultimato ao Executivo
Ante este escenario, a posición dos transportistas galegos é clara. Se o Goberno central non rectifica as medidas antes de que acabe este mes de marzo, o sector ten previsto iniciar unha paralización da actividade e lanzar mobilizacións a escala estatal. Desde Fenadismer remarcouse que o sector non pode aceptar un decreto que, na práctica, déixalle nunha situación máis desfavorable que antes da súa aprobación.
O Goberno de Pedro Sánchez non respondeu de forma específica ás críticas do sector transportista máis aló de defender globalmente o seu paquete anticrisis. Sánchez advertiu que o orzamento destinado ao plan non está pecho e que si se necesita máis investimento porase, porque as situacións extraordinarias esixen respostas extraordinarias. A Xunta de Galicia non se pronunciou até o momento sobre a situación específica do transporte galego ante esta crise.
Escribe o teu comentario