Nin a minería nin outra industria poden beneficiar da mellora do abastecemento da auga en Touro, declara o Concello
"O Concello de Touro non negou a ninguén o dereito a acceder a información pública", remarcan fontes municipais en conversación con este diario, que achacan a última polémica no municipio a intereses e vinganzas persoais.
O que parecía unha sinxela modificación de crédito para impulsar o proxecto da mellora e ampliación no sistema de bombeiro da captación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Touro desde o río Lañas terminou sendo unha nova trincheira e na guerra que manteñen os colectivos críticos co proxecto de reapertura da mina de Touro contra os promotores do plan extractivo e contra todo aquilo que cheire o máis mínimo á reapertura do vello complexo mineiro.
Esta obra na captación de auga foi vista como un novo paso para preparar o terreo para reiniciar a extracción de cobre na contorna de Arinteiro, pero desde o Goberno de Touro, co popular Jesús Reboredo á fronte, negan a maior, destacando que este é unha proposta que busca mellorar o servizo que se presta aos veciños e que non ten fins que poidan ser aproveitados pola industria, incluíndo aquí a toda iniciativa, xa sexa mineira ou gandeira.
DISPOÑIBLE DE MANEIRA PRESENCIAL
Desde o Concello de Touro desdicen a denuncia de veciños e asociacións ambientais que sinalan que a administración local vulnera a Lei de Transparencia con motivo dunha consulta sobre un proxecto ligado, ao parecer, coa potencial reapertura da mina. O plan, destinado á mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (#EDAR), puxo aos colectivos críticos co proxecto mineiro coas orellas de punta pola posible relación deste investimento coas aspiracións da promotora da mina, tendo en conta que xa en novembro o alcalde manifestou que se trataba dun erro debido a un “copia e pega” nun documento.
Os colectivos denuncian que, logo de publicar o expediente no Boletín Oficial da Provincia, aínda non se facilitou ningún enlace nin lugar para a consulta dixital e que o documento non figura na sede electrónica nin no portal de transparencia municipal.
A información publicada por Galiciapress o domingo, onde se recolle a denuncia destes grupos, tamén incorpora a postura do Concello, que esgrime que a documentación si está dispoñible, pero se atopa baixo a custodia do Secretario-Interventor, de maneira que calquera persoa pode acudir presencialmente a solicitala. Ao tempo, inciden en que non é unha situación nova, pero que até agora nunca existira unha controversia semellante.
UNHA VINGANZA DETRÁS DA POLÉMICA?
Fontes do consistorio sinalan a este diario que é un asunto que xa se tratou no pleno e que a polémica xorde “a partir de opinións, non de feitos”, recalcando que as diferentes alegacións –“baseadas en falacias”, apuntan- presentadas contra o proxecto foron mesmo desestimadas polo BNG, forza que se atopa fóra do goberno popular de Touro e “que non son sospeitosos de nada” no tocante a favorecer o desembarco de Cobre San Rafael e Atalaia Mining no municipio.
Nese sentido, desde o Concello recalcan que “é mentira” que se negase aos colectivos o dereito á información pública e achácano a unha vinganza persoal do exalcalde, enarborando o informe de secretaría onde “queda claro que non se negou o acceso á información a ninguén”. O documento onde se desestiman as alegacións á modificación de crédito dá boa conta diso:
“Fíxoo literalmente igual hai uns meses e agora denuncia (o exalcalde) que iso está mal feito. Tremendo”, censuran, lembrando que no BOP, con Castro na alcaldía, foi un modelo idéntico, e apostilando que o proxecto definitivo nin sequera está aprobado aínda, pendente da revisión da Deputación, momento no que “se vai a publicar na páxina web para que todo o mundo teña acceso a el”, a pesar de que, segundo argumentan, “o Concello non ten por que facelo”. Este último proxecto, de feito, foi levado a pleno e o portavoz de Movemento Veciñal abstívose.
Da mesma forma, argumentan que o proxecto “nada ten que ver” coas aspiracións das compañías mineiras e que detrás desta polémica está “un xogo malintencionado” que pretende tergiversar unha obra que o que pretende é a instalación dunha tubaxe para coller auga e abastecer algunhas zonas de Touro a fin de garantir a captación en épocas de seca, como pode ocorrer no verán, sen que se contemple ningún uso industrial neste proceso.
A continuación, as fontes consultadas mostran a súa tristeza porque se empregue este proxecto como unha arma política por parte dun colectivo encabezado polo exalcalde, Roberto Castro, a fin de desestabilizar o goberno local en vinganza pola moción de censura que o apartou do bastón de mando o pasado mes de agosto.
Escribe o teu comentario