Protesta de vixiantes polas agresións en hospitais: "É unha cuestión que afecta á seguridade de todos"

Os sindicatos FTSP-USO e UXT pograman unha serie de mobilizacións que arrincan este luns 22 de decembro ante o CHUAC para denunciar a indefensión dos vixiantes de seguridade ante a escalada de agresións contra o colectivo. Javier Souto, secretario de organización de FTSP-USO en Galicia, detalla a Galiciapress as reivindicacións dos sindicatos, que esixen á Xunta a homogeneización dos medios, criterios e protocolos cos que conta o colectivo nas áreas sanitarias galegas para unha maior seguridade dos traballadores, dos sanitarios, dos usuarios e, mesmo, dos propios agresores.


|

USO
Javier Souto Diéguez, (segundo pola dereita) xunto a Gerardo Román Iglesias, Daniel Pérez Fraga, Fernando López López e Cristina Collazo Álvarez  | Foto: USO

 

Mentres boa parte da poboación ten un ollo posto no sorteo da lotaría de Nadal, os traballadores da seguridade privada néganse a fiar o seu destino á sorte, conscientes de que no seu traballo corren riscos todos os días e que as decisións, tanto as que toman eles como as que toman outros, poden pór vidas en xogo. Que lle pregunten se non ao vixiante agredido a semana pasada no Hospital de Oza, no último dunha serie de episodios violentos contra este colectivo, sempre exposto ás agresións e que tenta pór un pé en parede para frear esta escalada que se está facendo notar especialmente nas instalacións do SERGAS.

 

 

GOTEO DE AGRESIÓNS

O de Oza foi só a pinga dun vaso rebosante desde hai moito tempo. Neste contexto, a Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira (FTSP-USO) e a Unión Xeral de Traballadores (#UXT) programaron unha serie de mobilizacións que arrincan este luns 22 de decembro ante o CHUAC para denunciar a indefensión do colectivo. 

 

Javier Souto, secretario de organización de FTSP-USO en Galicia, detalla en primeiro lugar que o profesional agredido estivo en estado de shock despois do suceso, pero tirou de valor para dar a cara e denunciar a situación que viven. “Estivo a facer moitas intervencións nos medios, dando o seu testemuño para que esta clase de cousas non sucedan”, explica Souto, que ve no panorama actual “hai unha tendencia a ir a peor”. 

 

 

“Vimos como hai meses agredían a outro vixiante e evitou unha traxedia moito peor”, apostila sobre o suceso que en febreiro implicou tamén a un profesional sanitario, que saíu gravemente ferido por arma branca. Naquel incidente tamén o profesional de seguridade saíu malparado nunha intervención na que evitou máis danos. 

 

“Hai outras moitas que non salguen, pero falamos de costelas rotas, dedos rotos…”, enuncia Souto, que ante esta fervenza de sucesos o sindicato mantivo reunións coa Consellería de Sanidade para buscar solucións a este problema. Até agora, desde a Xunta non deron novos pasos para concertar un novo encontro, polo que o diálogo está paralizado nestes momentos a pesar dos intentos do sindicato de desbloquear a situación, rexistrando as súas propostas por escrito o pasado mes de outubro. 

 

 

"#ES UNHA CUESTIÓN QUE AFECTA Á SEGURIDADE DE TODOS"

Souto insiste en que o sindicato “non vai frear nin a parar de defender unhas mellores condicións de protección e de seguridade para os vixiantes”. Nese sentido, desde FTSP-USO e UXT urxen ás autoridades a homoxeneizar os recursos cos que contan os vixiantes en todas as áreas sanitarias, xa que queda a criterio das Xerencias os medios cos que contan os vixiantes. Así, mentres nas de Santiago os vixiantes contan con sprais de defensa, nos hospitais da Coruña non teñen ese recurso. 

 

“A Xunta ten que entender que é unha cuestión que afecta á seguridade de todos. Se nós non temos a seguridade necesaria, con reforzos de persoal e de protección para as intervencións, tamén os usuarios poden correr perigo”, censura Souto, que aprema á Consellería de Sanidade a darlles unha resposta ás súas solicitudes, coa presión engadida das protestas convocadas para xaneiro ante a propia Consellería e o CHUSC. En calquera caso, os sindicatos insisten en que non é unha cuestión que afecta a unha única área sanitaria, senón que implica a toda a rede do SERGAS. 

 

 

A continuación, Souto entende que será precisa “unha mellor comunicación” tamén co persoal sanitario para coordinar os protocolos de actuación en cada caso, acorde á batería de propostas que trasladaron ás administracións públicas, as últimas á hora de conceder estas melloras ao persoal das empresas de seguridade privada concesionarias dos contratos públicos. 

 

“É a Xunta a que non deixa implementar, porque non considera necesarios, máis medios de protección na Coruña que si hai noutras áreas sanitarias”, reiteran desde FTSP-USO, que asumen que “o perigo non vai desaparecer, pero podemos minimizalo moito”, considerando, ademais, que estas ferramentas aumentan non só a seguridade dos vixiantes, senón tamén dos agresores á hora de ser reducidos co emprego da forza con sistemas menos lesivos. “É inconcibible. Non chegamos a entender que non se unifiquen os protocolos e criterio en toda Galicia”, critica Souto. 

 

"NON ES NORMAL NIN DEBE SELO"

Desde o sindicato tampouco deixan de lado outros aspectos como melloras sociais e retributivas, considerando moi escaso o plus de perigo que perciben nestes momentos, de 23 euros ao mes no caso dos vixiantes non armados. En calquera caso, a principal reivindicación segue sendo a de dotar ao persoal de máis medios tanto materiais como humanos, unha denuncia extensible até a mesa de negociación do convenio de seguridade privada que vén desenvolvendo en Madrid nas últimas semanas.  

 

A necesidade de formar máis e mellor ao persoal é outro dos puntos da listaxe de reclamacións trasladado á Xunta nun clima onde a sensación que acaba permeando a parte do colectivo é que as agresións aos vixiantes parecen ir no soldo, quedando nun segundo plano en moitas ocasións ante a opinión pública. 

 

 

“Parece que nós sempre temos que cargar co moucho, cun risco que é inherente á nosa profesión, onde somos auxiliares dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, pero iso non quita para que non imperen o sentido común e a lóxica. Sabemos que é un traballo onde hai perigo, por suposto, pero o que temos que facer é que se adopten todas as medidas necesarias para que este sexa o menor posible”, razoa Souto, que lamenta que se normalizou que sexan os vixiantes os que “teñen que levar a malleira, que recibir agresións…iso non é normal nin debe selo”. 

 

CONVOCATORIA DE FOLGA?

Así as cousas, e coas protestas ao virar a esquina para pechar 2025 e arrincar 2026, desde FTSP-USO non se pechan a adoptar máis medidas, coa posibilidade de convocar unha folga entre os traballadores que prestan servizo en instalacións do SERGAS aínda encima da mesa. 

 

 

“Non descartamos nada. Estamos abertos a todo tipo de medidas”, avanza Souto, que de momento prefire agardar a ver o impacto das mobilizacións antes de aventurar outras medidas de presión, que poderían pasar por levar as protestas a hospitais de Vigo, Pontevedra, Ourense ou Lugo.

 

Seguridad privada en hospital
Vixiantes de seguridade nun hospital | Foto: RTVE

 

“Fixemos isto como un calendario de avanzada. Por iso dicimos que é indefinido e continuado, se entendemos que non temos unha resposta para sentarnos a falar e negociar as propostas e evitar que suceden casos como o do Hospital de Oza”, gabia Souto. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE