"Marcha fúnebre" pola educación pública galega na folga de profesores dos días 16 e 17 de decembro
Desde CIG-Ensino preparan o "enterro simbólico" que se celebrará a semana que vén mentres desde STEG avanzan un encontro coa directora de Recursos Humanos da Consellería de Educación.
Unha vez máis, e pese ao empeño dos docentes, os representantes da Confederación Intersindical Galega (#CIG) e o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) que se encerraron onte na Consellería de Educación esixindo un encontro co conselleiro Román Rodíguez marcháronse das instalacións, onde permaneceron durante horas, cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha e unha nova negativa da Consellería, que terá que asumir dous días máis de folga -que significarán a cuarta e quinta xornada de paro no que vai de trimestre- os días 16 e 17 de decembro.
MANIFESTACIÓNS POR SANTIAGO
Desde CIG-Ensino, tras o episodio de onte, xa quentan motores para outras 48 horas de folga, a segunda vez no que vai de curso nunha situación "histórica" e "inaudita", como referendaron onte en conversación con esta diario Laura Arroxo, secretaria nacional de CIG-Ensino, e Miguel Paz, secretario de Confederación e Relacións Institucionais do STEG.
Neste contexto, os sindicatos preparan os actos que se desenvolverán en centros educativos pero que terán a súa principal protesta na capital galega, coincidindo á súa vez coas sesións no Parlamento de Galicia para a aprobación dos orzamentos da Xunta en 2026.
As rúas de Santiago acollerán desta forma, e en previsión de que participen miles de persoas, dúas marchas fúnebres entre centros educativos desde o CEIP Monte dous Postes e o IES Pontepedriña -empapelando con crespóns negros e necrolóxicas os centros que haxa ao longo dese percorrido- até a Alameda o martes 16 e un "enterro simbólico do ensino público galega" o míercoles 17, con saída desde o Pazo do Hórreo ás 11:30 horas e con meta en San Caetano.
Nun comunicado, a CIG lamenta que, a pesar dos intentos dos últimos meses, desde a Consellería impidan abrir unha negociación coa maioría sindical para abordar asuntos como a baixada dos cocientes, a recuperación do horario lectivo ou a necesaria contratación de docentes. "Despois de interceptar ao conselleiro a semana pasada nun acto e entregarlle os escritos que xa lle foron remitidos con anterioridade e de pechar onte ante o seu despacho á espera de fixar unha data para unha reunión sen obter ningún resultado, as convocatorias de folga da semana que vén prevense de novo maioritarias", asumen desde o sindicato galego.
Nesa liña, salientan un elemento que debullou onte Arroxo con Galiciapress: "Haberá alumnos que non reciban as notas este trimestre". Esta situación afecto a miles de escolares e familias, que poderán participar, ademais de nas manifestacións de Santiago, nas mobilizacións que terán lugar nas outras urbes galegas e noutros municipios como Monforte, Moaña, Cangas, Bueu, Redondela, Gondomar, Viveiro ou Ponteareas.
A CIG tamén critica que, "se non hai cambios", os próximos orzamentos da Xunta tampouco contemplarán todas as necesidades da educación pública galega, onde "priorizarán outros investimentos antes que unha maior contratación de persoal, medida que vai implícita na redución de cocientes e horario que solicitan os sindicatos convocantes".
REUNIÓN CON RECURSOS HUMANOS
Por outra banda, desde STEG comunicaron que o luns 15 de decembro han agendado ás 11 horas unha reunión co director xeral de Recursos Humanos da Consellería de Educación, Manuel Álvarez Bértolo, á que acudará a secretaria de organización de STEG, Comba Campoi xunto a Félix Roca, secretario de acción sindical.
O obxectivo do encontro é "expor as reivindicacións que levaron a convocar cinco xornadas de folga no que levamos de trimestre". En calquera caso, a aspiración de STEG é tratar de abordar todas estas cuestións nun cara a cara co conselleiro Román Rodríguez, tal e como solicitaron "en diversas ocasións", deixando de lado aos comités de folga no proceso de diálogo.
Escribe o teu comentario