Pais do CEIP Ana María Diéguez de Asados non mandarán aos seus fillos ao colexio en protesta contra a Xunta
A falta de recursos lastra a este centro de Rianxo, onde se repite desde hai dez anos a demanda de máis profesionais para atender as necesidades educativas dos escolares. Os pais e nais do colexio de Asados decidiron, de maneira unánime, non enviar aos seus fillos a clase na volta ao cole deste luns 8 de setembro, como medida de presión a unha Consellería de Educación que se nega a facer un desdobre en 5º de Primaria e a dotar de máis persoal de PT e Ao ao centro. Outros centros atópanse nunha situación similar á deste colexio, motivo que apoia a convocatoria de folga de profesores para finais de mes.
Os sindicatos de Educación xa advertiron que a do curso 25/26 ía ser unha volta ao cole candente. Máis aló da folga de profesores convocada para este mes, o feito de que moitos centros pasen o verán instalados en protestas e demandando recursos, algo que evidencia que, a poucos días de reiniciar as clases, quedan moitos deberes por facer. Un exemplo desta situación límite que viven algunhas escolas atopámola no CEIP Ana María Diéguez de Asados, Rianxo, un centro onde os pais e nais tomaron a palabra e lanzan un órdago á Xunta: se non se atende ás reivindicacións do centro os alumnos non irán a clase este luns 8 de setembro.
O DESDOBRE QUE NON CHEGA
Ronsel é unha das nais que se plantou ante a situación irregular que se vive neste centro con 114 alumnos nos niveis de Infantil e Primaria. Con tres fillos no centro, dous deles en 5º curso, Ronsel móstrase preocupada pola atención que poidan recibir os escolares, especialmente nunha aula como a de 5º onde o cómputo é de 28 alumnos ponderado, unha cifra moi por encima do cociente permitido e pola que reclaman un desdobre que a Xunta non concede, pois non recoñece esa conta e rebaixa até 24 os alumnos de 5º curso, no límite do cociente.
A solución no seu momento foi cubrir ese oco cun profesor a media xornada co plan MEGA, que prestaba apoio a outras aulas do centro. Aínda que se baralla esta alternativa, tampouco sería unha solución efectiva, porque este curso son máis aulas as que necesitan este apoio, polo que ese profesor a media xornada tería que multiplicar para chegar a dar asistencia a todos os cursos onde ten que estar presente.
“Esta é unha decisión que se toma despois de anos e anos de loita, tentando conseguir máis profesores para o centro. Este desdobre xa era necesario o ano pasado e entón xa non se puido facer. Estamos ante un problema que vén arrastrando de anos anteriores”, critica. Os propios docentes xa advertiron en etapas anteriores que o apoio nese curso ía ser necesario ou dividir a aula “para que os nenos poidan recibir a atención que requiren”.
MÁIS PT E Ao
As necesidades do centro, ademais do desdobre dos alumnos do 5º curso, pasan por un reforzo con profesionais de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, pois até agora “se cobre menos do 50% das horas necesarias do alumnado” en PT e pouco máis do 20% na O, cando moitos estudantes aínda non foron valorados polos profesionais a pesar da redacción dos informes sobre si necesitan ou non esta axuda extra.
No informe da ANPA ao que tivo acceso este medio, cifran en preto dunha vintena os alumnos que reciben asistencia de PT ou Ao, mentres que media ducia de colexiais debería recibila e quedan excluídos “por falta de recursos”.
Desde a ANPA indican a este medio que nestes momentos o centro de Asados conta cunha PT a tempo completo, unha Ao “que vén tres días por semana porque está compartido con outro centro de Rianxo” e un orientador que “só vén dous días”. “Estes son os recursos cos que contamos e cos que os números non dan”, reprende a asociación de pais e nais, contraria ao parecer da Xunta.
O diálogo coa Xunta non existe nestes momentos, máis aló dun correo electrónico de Inspección Educativa subliñando que a resolución “é a que é” e que non ían dotar de reforzos ao centro. Tampouco houbo resposta aos escritos presentados ao longo do verán.
UN PROBLEMA CRONIFICADO
Se botamos man da hemeroteca, estes problemas no CEIP Ana María Diéguez de Asados teñen un larguísimo percorrido. Atopamos publicacións que datan de 2015 con pais na mesma situación, ameazando con non mandar aos seus fillos a clase se non se reforza ao centro cun profesor de apoio en infantil. Unha década despois xa non quedan alumnos que lembren aquel episodio, pero o problema hase cronificado no colexio.
“O penoso é ter que chegar a esta situación, que como pais non nos agrada nada. A todos gustaríanos ter unha volta ao cole con normalidade, como nos demais centros”, explican. A dificultade para poder conciliar é un hándicap para que moitas familias poidan tomar esta decisión, polo que o ANPA se organizou para que aquelas familias que o requiran poidan deixar aos seus fillos baixo a supervisión de monitores fóra do centro educativo.
Por iso, os pais piden á Consellería de Educación que “sente a falar” para cubrir as necesidades dos alumnos “que son moi variadas”. “Non falta espazo no centro. Sabemos que hai moitas necesidades e moitos centros educativos. Pero Educación e Sanidade deberían ser primordiais, aínda que non todos o vexan así”, razoa Ronsel.
As presións multiplícanse á Consellería, que se enfronta a un curso escolar cargado de negociacións ante a ameaza da CIG, sindicato maioritario entre o profesorado, de convocar unha folga o vindeiro xoves 25 de setembro. A sensación das familias é que os profesionais do colexio “son profesionais que chegan onde poden”. “Isto non é contra o centro nin o profesorado. Fan o máximo esforzo. Pero a situación é a que é, sabémola todos e a ninguén lle gusta a idea de que os seus fillos vaian ao colexio e non poidan ser ben atendidos por falta de recursos”, censura Ronsel.
Ante a previsión de que as reivindicacións non sexan atendidas, os pais e nais do centro non descartan pór en marcha outras medidas, pois o fin último é “unha educación de calidade para os nosos fillos”. “Esperamos que acepten as demandas. Si non nos escoitan, si se barallaron máis medidas de protesta para tentar buscar unha solución. Aínda que esperemos que non sexa necesario”.
Escribe o teu comentario