Que arda Ourense e se cadra, así, se desta volta arde ben-ben, abondo, poidamos, tal vez, empezar de novo.
Que arda. Que o lume arrase até as pedras desa maldita cidade. Que se queime o ridículo rañaceos, a Ponte Romana, as barbas do Santo Cristo e esa fonte da que auga xa mana choca. Que toda a súa sucidade, o seu atraso e o seu caciquismo desaparezan por fin no lume purificador.
¿Salvemos aos ourensáns? Salvémolos, veña, pero só por humanidade. Iso si, que sufran como Eneas. Subámolos ao Castro de San Tomé e que dende alí teñan que contemplar a destrución da súas propias casas.
Sei que entre eles haberá algúns que riran, pero quizá outros pode que aprendan e algúns mesmo que cambien; porque eles, e non as lapas, son os culpábeis.
Por elixiren a políticos que levan décadas roubándolles, mentíndolles e explotándoos; contentos, ou celosos, porque lle enchufaron ao sobriño na brigada municipal da aldea.
Por crese que nada se pode facer contra o lume porque hai moitos incendiarios. Iso é falso, estadísticamente mentira, a maioría dos incendios veñen das imprudencias.
Por abandonaren as súas aldeas, por deixalas literalmente ao monte, por non volver máis que nas festas, para as verbenas. Por deixar a poula os camiños, as leiras.
Por emigrar ou agocharse nesa focha insalubre que lle chaman Ourense cidade, onde nunca corre o aire e hai que empezar a vivir as dez da noite.
Os ourensáns son culpábeis por pasar de todo, na última protesta de Lumes Nunca Máis foron dúas ducias, se cadra porque era antes das dez
Por, básicamente, pasar de todo. Na última vaga de incendios, cando os ecoloxistas organizaron unha concentración de protesta diante da Casa de Chocolate, a sede da Xunta de Galicia, acudiron só dúas ducias de persoas. A culpa foi deles, inxenuos, por convocaren antes das dez.
Que arda Ourense, oh si, que arda Ourense polos catro costados; que o lume se leve con el tamén tanta rabia por ter que narrar outra vez ao lonxe como desaparece a miña terra.
Que arda Ourense e se cadra, se desta volta arde ben-ben, poderemos, tal vez, empezar de novo.
Pero para iso cómpre que arda, que arda Ourense, e que arda ben.
Escribe o teu comentario