(VÍDEOS) Enésima polémica na CRTVG silenciando berros de 'Altri Non!': "Non vale a pena dicir nada"

O partido entre o Deportivo da Coruña e o Cartaxena deixou unha das anécdotas da xornada na bancada, cando un importante sector da platea coreou cánticos contra o proxecto da celulosa en Palas de Rei.


|

GmwecSzaoAA R1q
Foto: @RiazorC

 

Non eran nin dous nin tres os que gritaban 'Altri Non' este domingo en Riazor. O partido que enfrontou ao Deportivo da Coruña contra o Cartaxena deixou unha imaxe curiosa ao demostrar a unidade de parte da bancada do estadio branquiazul que, por un momento, deixou de animar aos seus para corear consígnaa contra o proxecto da firma portuguesa para levantar unha planta de celulosa en Palas de Rei. Os afeccionados deportivistas fixeron unha paréntese no duelo para levar á cancha unha reivindicación que nestes momentos protagoniza a actualidade galega, especialmente despois da histórica manifestación celebrada na Pobra do Caramiñal onde miles de galegos e centos de barcos mostraron o seu rexeitamento ao Proxecto Gama.

 

 

"NON VALE A PENA DICIR NADA"

Nun dos fondos do coliseo herculino escoitáronse os berros de 'Altri Non' que se terminaron contaxiando a outros sectores da bancada. Desde a Plataforma Ulloa Viva, unha das organizacións críticas co plan de Altri, fixéronse eco do momento, onde ademais dos berros os afeccionados mostraron carteis co slogan 'Altri Non', visibilizando o posicionamento da platea xunto a unha pancarta que rezaba 'Defende a túa terra. Altri Non'. 

 

 

No palco principal de Riazor estaban personalidades como o Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, para o que seguro que non pasou desadvertido o momento. Tampouco a presenza do popular foi pasada por alto polos afeccionados e as redes sociais, onde pediron que atendese e tomase boa nota dos berros que chegaban desde a bancada. 

 

 

Con todo, a mensaxe parece que non chegou con nitidez ás cabinas de radio. Durante a retransmisión do encontro, desde o programa 'Galicia en Goles' da #CRTVG deron conta do barullo que existía no campo, pero non souberon precisar que gritaba a parroquia deportivista. "Non sei que están a gritar agora, non sei si percíbelo, Fer, eu non os entendo", afirmaba nun primeiro momento o locutor Javier Torres, aínda que máis adiante, cando o berro recobra forza, engaden desde a canle pública: "Non, xa sabemos o que é. Non vale a pena dicir nada. Non deberían meter neses temas".

 

 

O corte de 'Galicia en Goles' contrasta con outras retransmisións como a da Cadea SER, onde comunican con normalidade que hai unha protesta na bancada de Riazor e mesmo fan mención á protesta celebrada o día anterior na Pobra do Caramiñal antes de regresar á narración do partido. 

 

 

ANTECEDENTES

Non é a primeira vez que ocorre algo así na canle pública. O pasado Fin de Ano, durante a retransimisión das badaladas na Praza do Obradoiro, Xosé Ramón Gayoso cortou de forma abrupta a retransmisión cando entre o público da gravación comezou a propagar o berro contra Altri entre os centos de persoas que nese momento asistían á primeira noite do ano ante a Catedral de Santiago. 

 

Cando se dan conta do que está a ocorrer detrás deles, os presentadores fan un breve silencio. "Ah, bo, puff. Que nos temos que marchar. Non nos queda outra", di Gayoso ante uns berros que, con todo, coáronse no evento e chegaron até moitos fogares. O clip se viralizó ao día seguinte e moitos acusaron á TVG de censurar as protestas expontaneas do Obradoiro. 

 

 

Máis difícil de tapar resultan os centos de barcos e miles de manifestantes que se concentraron o sábado na ría de Arousa durante a manifestación multitudinaria que tivo lugar na Pobra do Caramiñal. A xornada, marcada pola choiva, resultou un enorme éxito de afluencia ao municipio barbancés, onde decenas de autobuses acudiron á localidade, que viu como se colapsaban os distintos accesos con centos de vehículos desprazados ao lugar para esta cita organizada pola Plataforma en Defensa dá Ría de Arousa, que antes do evento xa contemplaba que, polo menos por mar, ía resultar máis masiva que a celebrada en maio de 2025 coa presenza do barco 'Artic Sunrise' de Greenpeace.

 

 

 

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE