O 'non' masivo ao proxecto de Altri e a DIA da Xunta mobiliza por centos de persoas na Ulloa

Os manifestantes encheron a praza con cánticos como "A auga é nosa e non dá celulosa", "Altri mata e a mina remata", e "Altri Non!", deixando claro que, aínda que o proxecto poida contar con licenza administrativa, carece de respaldo social


|

Ulloa 2
Manifestantes en Pontevea

 

Centos de persoas congregáronse este domingo 16 de marzo de 2025 na Praza de Galicia de Arzúa para manifestar o seu rexeitamento contundente ao proxecto de Altri en Palas de Rei e á recente Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable emitida pola Xunta de Galicia. A concentración, que coincidiu coa recoñecida Festa do Queixo de Arzúa, foi unha das múltiples protestas organizadas pola Plataforma Ulloa Viva en diversos municipios da conca do río Ulla.

 

Clamor popular

Os manifestantes encheron a praza con cánticos como "A auga é nosa e non dá celulosa", "Altri mata e a mina remata", e "Altri Non!", deixando claro que, aínda que o proxecto poida contar con licenza administrativa, carece de respaldo social. Moitas das persoas que se congregaron fixérono en Pontevea (Teo) sobre a ponte histórica que atravesa o Ulla. Entre os manifestantes había representación política do BNG, PSdeG e tamén estaba a tenente de alcalde do Concello de Arzúa, Begoña Balado.

 

Entre os puntos que denuncian as persoas opostas ao proxecto de Altri está o impacto directo sobe o río Ulla, a súa biodiversidade e a calidade da auga. Ademais, está a amenza que supón a vertedura de residuos para as actividades pesqueiras e marisqueiras da ría de Arousa. A isto súmanse os máis de 45.000 metros cúbicos de auga diarios que consumirá esta factoría de materializar.

 

Ulloa 1
 

 

Próximas accións

A Plataforma Ulloa Viva anunciou que, ademais de continuar coas protestas, iniciará unha "batalla legal" para impedir a instalación da fábrica, considerando o proxecto como "destrutivo" e unha ameaza para a vida na comarca da Ulloa.

 

Esta manifestación forma parte dunha serie de accións que inclúen unha protesta marítima na ría de Arousa, unha marcha multitudinaria en Santiago de Compostela, e unha próxima manifestación convocada para o 22 de marzo na Pobra do Caramiñal.

 

A concesión da DIA favorable por parte da Xunta intensificou a oposición ao proxecto, cos manifestantes declarando que "terá licenza administrativa pero non social". A loita contra a instalación de Altri en Palas de Rei promete continuar, reflectindo a profunda preocupación da comunidade polo futuro ambiental e económico da rexión.

 

BESTEIRO

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que, na súa opinión, que a planta que proxecta a pasteira lusa Altri no municipio de Palas de Rei e que, este venres, a recibido o aval ambiental da Xunta, "non é merecedora" de fondos públicos.

Así o sinalou nunha entrevista na Cadea Ser, recollida por Europa Press, na que puxo o foco na viabilidade económica da empresa. "Se hai unha empresa que pide 250 millóns de fondos público e di que se non os recibe, non hai proxecto, onde está a viabilidade económica?", apuntou Besterio.

Neste sentido, afirmou que "non ve" que Altri sexa o proxecto que desenvolva "de forma positiva" a economía de Galicia e asegurou que analizarán "con detalle" a declaración de impacto ambiental.

"Para nós non pasa o test de que deba ser un proxecto que reciba fondos públicos", subliñou Besteiro, á vez que lembrou que en 2021 "dixeron que este proxecto ía crear 4.000 postos de traballo e actualmente fálase de menos de 500".
 

ANA PONTÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou este domingo en Arzúa --nunha das concentracións celebradas contra o permiso ambiental a Altri-- a "dignidade" dos galegos fronte á "traizón" do PP, ao que acusou de "querer pasar por encima da xente".

En declaracións aos medios antes de iniciar a concentración, a nacionalista denunciou que o Partido Popular pon os intereses dunha empresa portuguesa "por diante da xente que vive da agricultura, do queixo e do mar", así mesmo, sinalou que "se a macrocelulosa é tan boa, por que non quérena en Portugal".

"Estamos ante unha decisión política que o Partido Popular quere imporlle á xente deste país, sen importar que haxa unha oposición masiva a unha industria contaminante, que pon en risco o río Ulla, que pon en risco a ría de Arousa, que pon en risco tamén toda a produción agraria que hai nesta comarca", aseverou Pontón este domingo en Arzúa.

Con todo, tamén aproveitou para chamar á sociedade galega a mobilizar o vindeiro sábado 22 de marzo na "gran mobilización" que se vai a celebrar na Pobra "para dicir alto e claro que os galegos non queren industrias contaminantes".
 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE