Hai persoal sen titulación nas cociñas dos comedores escolares da Xunta? A CIG sostén que si
O sindicato pide unha reunión urxente coa Consellería ante os cambios nos requisitos de acceso a estes postos.
A #CIG denunciou que os comedores escolares xestionados pola Xunta de Galicia non van contar con persoal titulado en cociña e pediu unha reunión urxente coa Consellería de Educación ante os cambios nos requisitos de acceso a estes postos.
Así o sinalou nun comunicado, no que pide ao departamento autonómico que de solución á non esixencia de formación en cociña ao persoal que se encarga da elaboración da comida nos centros escolares públicos, e que garanta a seguridade alimentaria nos comedores.
O sindicato sostén que as cociñas e comedores públicos, nos que están incluídos os comedores escolares dos centros dependentes da Consellería de Educación, teñen a obrigación de implantar un sistema APPCC (Análise de Puntos de Control Críticos) e un programa de seguridade alimentaria que inclúe a trazabilidad dos alimentos, boas prácticas na manipulación, formación de manipuladores, etc.
Ademais, sinala que, até agora, o persoal de cociña, concretamente o persoal oficial de 2ª de cociña, que é o que atende maioritariamente os comedores escolares, a Xunta esixíalle a titulación de Técnico de Cociña ou Técnico Superior de Restauración, polo que a formación en elaboración, manipulación de alimentos, dietas, previsión de riscos control dos APPCC, normativa sanitaria e demais estaba cuberta coa preparación que dispuñan.
Así, sinala que, debido á funcionarización deste persoal, a Xunta situouno nunha nova escala denominada "Auxiliar de Cociña do Subgrupo C2" na que só se require o graduado en ESO. Até agora, indica o sindicato, os postos estaban ocupados por persoal laboral fixo ao que para superar o proceso selectivo requiríuselle a titulación mencionada para apuntar á lista de contratación.
Con todo, apunta que este cambio supón que, a partir de agora, o persoal que acceda a estes postos "pode non ter ningún coñecemento para cociñar, pero tampouco para garantir a seguridade e hixiene alimentaria e o cumprimento estrito da normativa sanitaria de aplicación nas cociñas colectivas".
Por iso, piden unha reunión urxente coa conselleria para que "arranxe o desastre" dunha funcionarización "chafalleira, sen garantías, que provocou a rebaixa profesional deste persoal".
Escribe o teu comentario