Case a metade dos falecidos en accidentes de coche deron positivo en alcol ou drogas

O Nadal traen consido un maior consumo de alcol e máis desprazamentos en coche, polo que a DXT incrementará a partir deste luns os controis


|

 

Coa chegada da tempada do Nadal, a Dirección Xeral de Tráfico incrementa os seus operativos de control, co obxectivo de reducir os accidentes automobilísticos nestas datas destacadas, caracterizadas por un aumento nos desprazamentos e tamén o maior consumo de alcol.

 

De feito, a partir deste luns, a Dirección Xeral de Tráfico dará comezo a unha campaña especial de controis de alcol e drogas. E é que as estatísticas falan dun elevado número de accidentes relacionados co consumo destas sustancias.

 

Durante o ano 2022, segundo o último informe 'Achados toxicolóxicos en vítimas mortais de accidentes de tráfico' publicado polo Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses (INTCF), case a metade dos condutores (49,4%) falecidos en accidente de tráfico arroxaron resultados positivos en alcol, outras drogas e psicofármacos. Este dato, segundo o histórico do informe, trátase do máis alto rexistrado en toda a serie histórica iniciada en 1996. A maior parte destes (un 69,8%) deron positivo en alcol, mentres que un 43,1% deu positivo en droga e un 23,7% noutros psicofármacos.

 

 

Porén, malia que o Nadal non sexa a época do ano na que máis accidentes se producen si si se observan picos nas cifras os meses de decembro e xaneiro. De feito, nos últimos anos está a producirse unha tendencia de aumento a nivel global nos accidentes. A media de 2020 arroxaba un total de 75 vítimas mortais ao mes, mentres que no 2023 esta media superaba os 90.

 

Antonio Alonso, xefe do Instituto Nacional de Toxicoloxía, subliñou que o incremento no número de condutores con probas positivas débese principalmente ao consumo crecente de psicofármacos, en particular antidepresivos e opioides, máis que a outras drogas. Esta observación foi apoiada por Pere Navarro, director xeral de Tráfico, quen vinculou este uso de medicamentos aos accidentes mortais causados pola saída da estrada, que representan o 42% do total de accidentes. "Probablemente, os psicofármacos teñan algo que ver nesta falta de rapidez de resposta", indicou.

 

GALICIA, NA MEDIA

A comunidade autónoma de Galicia atópase na media se se ten en conta a taxa de sinistralidade mortal por cada 100.000 habitantes. Cunha media de 310,2 accidentes por cada 100.000 habitantes a nivel español, Galicia supéraa por moi pouco, cunha taxa de 344,4; ocupando así o noveno posto.

 

A primeira comunidade neste ranking é Andalucía, cunha taxa que supera os 400 falecidos por cada 100.000, seguido de Catalunya (386,4), Murcia (375,8) e o arquipélago canario (370,9). Á cola da lista atópanse Castela-A Mancha (158,2), Estremadura (192,4) e A Rioxa (233,8).

En canto ao xénero, destacan os homes por unha moi ampla maioría. Máis dun 90% dos homes falecidos en accidentes cun resultado toxicolóxico positivo son homes, fronte a un 7% de mulleres.

 

As datas máis frecuentes e nas que en ocasións máis insisten os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado son, no caso dos falecidos maiores de 35 anos, os días laborables, concretamente ás horas das saídas e entradas do traballo (8:00, 14:00 e 15:00). Entre os menores de 35, a situación cambia, pois se trata deste grupo de idade o que predomina nos accidentes con falecidos afectados por drogas ou alcol en días festivos ou en fin de semana. Estas datas coinciden con desprazamentos por lecer nos que, advirten, o consumo de sustancias é máis frecuente.

 

ACCIDENTES CON MENORES E MOZOS

Un 1,3% destes accidentes déronse en menores de idade, en todos os casos en días non laborables. Por outra banda, un 11,8% tiveron lugar entre as franxas dos 18 aos 24 anos.

 

En Galicia , lembramos este ano varios accidentes que tiveron vítimas mortais mozas. Un deles tivo lugar en Xove , o pasado 1 de abril, no que faleceron cautro mozos e o condutor deu positivo en alcol.

 

 

Outro dos accidentes tivo lugar recentemente, cando este pasado fin de semana dous menores de idade faleceron nun accidente esta madrugada en Marín . Neste accidente, o condutor, maior de idade, deu negativo no test de alcoholemia, aínda que se sospeita que a alta velocidade foi unha das causas deste sinistro mortal.

 

USO DO TELÉFONO MÓBIL

En canto ás distraccións ao volante, un dos máis habituais é o uso do teléfono móbil. De feito, moitas das campañas de vixilancia da #DXT céntranse en evitar o uso destes dispositivos durante a condución.

 

Con todo, como afirma o VIN Informe de Distracción elaborado por BP , Castrol e o RACE, baseado nunha enquisa realizada a máis de 2.100 usuarios, un 19% dos españois admite enviar ou ler mensaxes de WhatsApp mentres conduce. Esta cifra aumentou desde 2014, que se atopaba nun 14,4%.

 

Outras das distraccións máis frecuentes relacionadas co uso do teléfono móbil implican, cunha cuarta parte dos enquisados, o uso do GPS (esta é unha práctica que aumentou drasticamente na última década), ou tamén, aínda que con menos frecuencia, falar por teléfono sen usar as mans libres ou mesmo facer fotos e vídeos ou usar as redes sociais.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE