SOS Sanidade Pública sae á rúa en defensa da Primaria e contra o acordo da Xunta con CESM
Reclama "cocientes reais" e que "non haxa listas de espera na Atención Primaria
A plataforma promoveu mobilizacións en distintas localidades galegas para este 26 de abril para reclamar "cocientes reais" e que "non haxa listas de espera na Atención Primaria".
Ao tempo, tachan de "economicista" o acordo alcanzado pola Xunta e CESM, sindicato que alentou a folga da sanidade e que logrou arrincar ao Goberno galego auerdos polo complemento específico.
Integrantes da plataforma SOS Sanidade Pública concentráronse este mércores en Santiago en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de reforzo na Atención Primaria e criticaron o acordo ao que chegou o sindicato CESM coa Xunta , sobre o que apuntaron que "vai en contra da sanidade pública que defende a súa plataforma" e é "economicista".
En declaracións aos medios o médico de atención primaria e membro de SOS Sanidade Pública, Manuel González Moreira, subliñou que a súa ILP "que marca a liña a seguir" ao pedir "reforzar as carteiras de servizos dos profesionais e incorporar novos sanitarios". Así, indicou que "se as necesidades son crecentes, os profesionais tamén teñen que selo".
COMPLEMENTO ESPECÍFICO
Desta maneira, sinalou que SOS Sanidade Pública defende "a dedicación exclusiva á sanidade pública como un valor importante" e este acordo "o que fai é terminar cun complemento que premia esa dedicación exclusiva".
Nesta liña, manifestou que "non é concebible que xefes de servizo teñan logo práctica privada no mesmo ámbito", xa que "iso non é bo para a sanidade pública".
En canto ao outro acordo ao que se chegou na mesa sectorial de Sanidade, sinalou que serve para "mellorar as condicións de traballo" e insistiu en que "se necesitan máis sanitarios".
Así, González Moreira remarcou que este acordo "vai na liña" do que defende SOS Sanidade Pública, pero que "non pecha a necesidade de máis melloras nin na Atención Primaria nin na Atención Hospitalaria".
IPL DE SOS SANIDADE PÚBLICA
A plataforma SOS Sanidade Pública reclamou "cocientes reais" e que "non haxa listas de espera na Atención Primaria", xa que "isto pode atrasar o diagnostico precoz e estamos a pagar as consecuencias de que isto ocorrese na pandemia".
Nesta liña, mencionou que "agora o importante son as enfermidades crónicas", posto que co aumento da esperanza de vida "hai que dar calidade aos pacientes" que teñen este tipo de enfermidades.
Ademais, apuntou á importancia "facer fronte ao desafío da saúde mental desde a Atención Primaria" e de "reforzar as áreas administrativas e da enfermaría".
"Pedimos que a Atención Primaria teña os orzamentos que as organizacións internacionais recoñecen que son necesarios porque non son un gasto, son un investimento", explicou.
#SOS Sanidade Pública tamén convocou concentracións para este mércores. Estas serán na Coruña --Obelisco-- ás 20,00 horas e no Centro de Saúde de Baltar de Sanxenxo ás 19,30 horas.
Escribe o teu comentario