A 'Revolución dos Caraveis' dos estudantes galegos: protestas este 25 abril por un ensino "xusto, igualitario e 100% galego"

Os alumnos galegos están chamados mañá, martes 25 de abril, a secundar as protestas alentadas por 'Erguer. Estudantes da Galiza'.


|

A privatización do sistema universitario e a "venda de títulos", unha proba de EBAU "elitista e antipedagóxica", un Decreto do Plurilingüísmo que é "un atentado contra a lingua"...son moitos os argumentos de Erguer para promoven unha xornada de folga nos centros educativos galegos. 

 

O seu responsable nacional de organización, Artai Gavilanes, atende a Galiciapress para coñecer mellor os problemas dos alumnos galegos e os cambios que proxecta a organización estudantil. 

 

Artai
Artai Gavilanes | Foto: Erguer. Estudantes da Galiza

 

O 25 de abril parece, a priori, un día axeitado para a revolución. No aniversario da ‘Revolución dos Caraveis’ -49 anos cúmprense do levantamento popular portugués-, alén da Raia os estudantes galegos promoven o seu propia Golpe de Estado contra o poder, reclamando que as súas voces sexan escoitadas para recibir unha educación máis xusta, igualitaria e 100% galega. A asociación estudantil galega ‘Erguer. Estudantes da Galiza’ abandeira as protestas para este martes en todos os centros educativos galegos, denunciando cambios de calado no sistema educativo galego e estatal. 

 

 

 

Os motivos de Erguer para chamar aos estudantes ás mobilizacións son variados, pero o principal é a reclamación que veñen facendo desde hai anos dunha Lei Galega de Educación, que o responsable nacional da organización, Artai Gavilanes, cualifica de “oportunidade para reverter as políticas lingüicidas e privatizadoras que leva sufrindo durante anos o ensino público no noso país”.


 

Supón para o colectivo unha alternativa para “construír un novo modelo de ensino” que aposte firmemente por un sistema público “integramente en galego, inclusivo, científico e de calidade; e que garanta o acceso en igualdade de condicións a todos os niveis do ensino”. Así, piden que o texto sexa “adecuado á realidade galega”, e que o peso da súa redacción recaia sobre a comunidade educativa para a “recuperación de competencias” e o avance na adquisición de novas. 
 

MENOSPREZO Ao GALEGO E Ás UNIVERSIDADES PÚBLICAS

Detrás das protestas está o cacareado e criticado Decreto do Plurinlingüísmo, unha norma aprobada polo Partido Popular e fortemente criticada por organismos internacionais e plataformas en defensa da lingua que reiteran os incumprimentos nos que cae a Xunta por este decreto. Desde Erguer tachan de “vergoñento” o docmuneto dos populares e un “atentado contra a lingua”. 

 

 

 

Neste clima, Gavilanes subliña o “menosprezo” e “esquecemento claro e patente” que sofre a lingua e a “identidade como pobo” dos estudantes. Con cada vez menos materias en galego -Gavilanes argumenta que cun peso de 10 ou 13 horas menos que o castelán- tamén se fomenta menos a lingua do país. Uns números que no sistema universitario son, se cabe, moito máis dramáticos. 

 

“Na universidade o uso do galego na docencia é residual (só 1 de cada 5 horas impártense en galego), presenta claras trabas á hora de que o estudiantado se poida expresar, facer probas ou ter apuntamentos no noso idioma”, reprende. 

 

Preocupa especialmente o que ocorre nas universidades galegas porque este ano se abriu a porta á entrada das privadas nunha comunidade que até agora puxera límites neste sentido. A Universidade Intercontinental da Empresa impulsada por Abanca foi a primeira en abrir fenda en Galicia e trátase, para Erguer, “dun proxecto totalmente contrario á realidade galega”. 

 

“Ofrece unha duplicidade de graos xa existentes nas universidades públicas, nun exercicio de competencia descarada, e excluír ademais a lingua galega da docencia. Mentres, a Xunta nega a posibilidade de ampliar prazas á universidade públicas alí onde si é preciso e continúa dando as costas á necesidade dun financiamento digno que permita ás universidades públicas desenvolver a súa función educativa sen precariedade”, critica Gavilanes.
 

Ao seu xuízo, neste apartado a situación é xa “crítica” porque a privada comeza absorber “os escasos recursos” dos que dispoñen as tres universidades públicas galegas. Para Erguer, supón un episodio de “desviación de fondos públicos, perda do financiamento privado nas investigacións públicas, éxodo de profesores cara á privada por mellores contratos, maior descenso do alumnado, competencia propagandística desleal…”, enumeran. Un proceso que achacan ao “desmantelamento do ensino superior” que executa a Xunta desde hai anos. 
 

Desde o colectivo denuncian este “atentado ao ensino público e á igualdade de oportunidades”. “Non podemos aceptar a venda de títulos universitarios atendendo á capacidade económica de cada un, que responden á reprodución das clases dominantes e do status socioeconómico de estas”, afirma o responsable nacional, á vez que lembra que para ter unha “sociedade máis xusta e igualitaria” a educación “non debe converterse nun negocio”. 
 

MÁIS INVESTIMENTO, MÁIS BOLSAS, MÁIS OPORTUNIDADES

Ao final, nun aspecto práctico, todo acaba sendo un baile de números dependentes do investimento que se realice. Así as cousas, entre as demandas de Erguer nestas protestas están unha maior dotación para o sistema público, máis e mellores bolsas e máis prazas nas residencias públicas, un capítulo que entronca directamente cos prezos desorbitados dos alugueres nalgunhas cidades galegas. 

 

A pregunta entón é: é tan privativo estudar en Galicia? “A crise de prezos e, en xeral, a situación económica actual afecta especialmente ao estudiantado galego, como sector da poboación especialmente vulnerable. Vémonos estudando por un futuro con moitas incertezas mentres para acceder aos niveis superiores do ensino temos que facer un esforzo enorme á vez que o noso nivel adquisitivo diminúe”, interpreta Gavilanes. 


 

Son moitos os condicionantes a ter en conta. Aos alugueres hai que sumar a subida dos alimentos, pero tamén da enerxía ou os combustibles, mentres que as matriculas e as taxas universitarias resultan para moitos “abusivas” e inalcanzables para moitos fogares. Estudantes que teñen que compatibilizar os estudos cun traballo para poder pagar a súa educación ou alumnos empuxados a abandonar o sistema porque non poden permitirse estudar son algunhas situacións que se dan, segundo Erguer, con cada vez máis frecuencia e que atentan contra a igualdade de oportunidades. 

 

UNHA SELECTIVIDADE “ELITISTA E ANTIPEDAGÓXICA”

O Goberno de España incorporou algúns cambios educativos de peso na última reforma, coñecida como ‘Lei Celaá’, algúns tan controvertidos como as novidades na Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU). Cambios que aínda se están testando e que tardarán un tempo en afianzarse, para desconcerto de alumnado e profesorado. 
 

No medio destas probas, Erguer censura que a proba de selectividade sexa “elitista e antipedagóxica”, que representa “un obstáculo” para os estudantes que queren acceder ao ensino superior. “Entendemos que unha proba realizada de maneira externa, desprezando o traballo realizado durante dous anos por alumnado e profesorado, non representa unha aposta por un ensino integral”, valoran. 
 

A continuación, lembran que só os docentes que acompañaron aos estudantes ao longo deses anos coñecen as súas verdadeiras competencias. Con todo, eses anos só representan seis puntos da valoración para o acceso ás carreiras, deixando os oito restantes en exames de “un par de días”. “Isto coa consecuente carga mental para o alumnado e o efecto negativo sobre a súa saúde mental”, apostila Gavilanes. 

 

Erguer propón unha avaliación integral e reafirma o seu “non á selectividade”. “Demandamos unha avaliación continua real, un Bacharelato que fomente o coñecemento e a aprendizaxe e non preparar un exame e non ter que pagar taxas para facer probas nin acceder á universidade”. 

 

Iso supón tamén reformular en gran medida os anos de Bacharelato. Nesa aposta, a organización demanda un ensino “inclusivo, onde se faga mención ás mulleres silenciadas pola historia, que fomente a diversidade”. Elementos hoxe postos en solfa por algunhas comunidades, que como réplica propoñen un ‘Pin Parental’ para un maior control dos contidos. 

 

“Hai moito que cambiar”, sostén Gavilanes. “Faltan protocolos de actuación fronte agresións machistas e lgtbfóbicas, falta educación sexual e afectiva no programa de estudos, falta pedagoxía no referente ao xénero, roles sociais e coidados, falta ter en conta os contextos de cada estudante para favorecer unha inclusión activa e real do estudiantado galego, formar ao persoal docente sobre acoso e como identificalo, maior investimento e menos cocientes…”, recapitula. 

 

PROTESTAS EN TODO O PAÍS

Por todas estas cuestións, desde Erguer mobilizaron a parte do estudiantado para saír mañá ás rúas, anunciando protestas nas cidades. Até agora, a resposta recibida foi “moi boa”, con estudantes de distintas comarcas sumados ás mobilizacións. “O Salnés, O Morrazo, O Sar, Allariz, Valdeorras, Bergantiños, Fonsagrada…”, cita Erguer, que pon como exemplo as protestas convocadas ante o IES dos estudantes de Padrón. 

 


Esta só é a primeira pedra do que pretende construír Erguer. “Entendemos esta xornada de folga como o primeiro paso para retomar un movemento estudantil organizado e combativo, con capacidade para responder os ataques que se suceden contra o noso ensino”. Así, non descartan convocar máis xornadas de protesta de aquí a final de curso se se seguen dando avances de “políticas privatizadoras e desgaleguizadoras” ou ataques á educación pública. “Que sempre sexa 25 de abril!”, proclama Gavilanes. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE