Un só técnico de ambulancia para todo Teixeiro e Curtis; Ambulancias do Nordés alega que é legal
Galiciapress indaga sobre as queixas de que hai un só técnico '24/7' nesta contratista do transporte sanitario da Xunta. Desde a empresa recoñecen que a ambulancia funciona ás veces cun só Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES), matizan que se debe á baixa dun compañeiro, sinalan que mandan reforzos doutras zonas e alegan que en todo caso, traballar só nunha ambulancia así, cumpre as normas.
A falta de persoal, sobre todo para cubrir substitucións, é un problema endémico da sanidade galega. As administracións públicas replican unha e outra vez que é un mal que acosa a toda España, pero mal de moito consolo de parvos.
A sanidade galega atravesa un momento delicado, que vai moito máis alá da asistencia hospitalaria ou a Atención Primaria. Un exemplo, atopámolo no servizo de ambulancias, clave na sanidade pública e que tamén manifesta falta de persoal.
Un exemplo son as últimas denuncias remitidas a este medio que sinalan as prácticas da empresa galega Ambulancias do Nordés, con case unha década de experiencia e con bases en Santiago, Touro, Arzúa, Melide, Ordes, Sobrado ou Teixeiro.
É desde este último punto desde o que chegan as denuncias a Galiciapress , procedentes de dentro do sector por parte de persoas que prefiren permanecer no anonimato. Queren denunciar a “vía crucis” que está a sufrir un dos profesionais mentres “empresarios sen escrúpulos que en Galicia pretenden representar ao mundo de ambulancias cobran inxentes cantidades de diñeiro público”.
Desde o colectivo cargan contra Ambulancias do Nordés, á que acusan de ter na área de Teixeiro-Curtis “a un único técnico en emerxencias sanitarias empregado”. Trátase de “unha ampla zona” para a que teñen a un só traballador “as 24 horas do día e o sete días da semana”. Nese sentido, relatan que este Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) encárgase de “todo o que se lle ordena”. “Traslados, accidentes, chamamentos dos médicos da PAC, etc.”.
Na mesma liña, denuncian a supesta inacción de Inspección de Traballo e da Fundación 061, que é o departamento da Xunta que contrata o servizo sanitario urxente.
“Onde está Inspección de Traballo? Que fan no 061 que acoden a empresas como esta e están de brazos cruzados?”, cuestionan. “Esta clase de empresarios deberían estar a dar explicacións ante un xuíz para que tomase as medidas correspondentes”, reprenden desde o colectivo.
“Como en pleno 2023 pódese enviar a un só Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) nunha ambulancia, estando a plena disposición 24/7, día tras día, mes tras mes?”, reiteran.
Solicitan ao 061 que deixe recorrer a este servizo para labores non urxentes, pois agora deben facer traslados mesmo desde a prisión de Teixeiro aos PACs, ademais do seu labor básico, que é atender emerxencias, como accidentes. Ao tempo, lémbranlle á Inspección de Traballo, “organismo que debería velar polos traballadores” que deberían “pór coto a esta clase de barbaridades”.
Na súa opinión, a empresa “machuca e pon en risco” tanto a vida do traballador como a daqueles que “se poidan cruzar no seu camiño”. “Como en pleno 2023 pódese enviar a un só Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) nunha ambulancia, estando a plena disposición 24/7, día tras día, mes tras mes?”, reiteran.
A continuación, responsabilizan aos inspectores dos que din que “non inspeccionan o labor que fan os TES, nin os seus labores, nin as súas horas”.

RESPOSTA DE AMBULANCIAS DO NORDÉS: “NON ES CERTO QUE TRABALLE SÓ"
Ante estas acusacións, desde Ambulancias do Nordés, consultados por este medio, recalcan que en todo momento “cumprimos coa legalidade vixente en material laboral”. Sobre este caso concreto, a compañía esgrime que “normalmente” contan con “dous técnicos da nosa empresa traballando na zona de Teixeiro-Curtis”. Con todo, nestes momentos só hai un ao atopar o outro de baixa médica.
“Pero tamén é certo que hai días, polo volume de traballo destes días, nos que van outros técnicos da nosa empresa a traballar a esa zona e, por tanto, non é certo que traballe el só”, expoñen.
A ambulancia coa que operan é “de traslado individual, tipo A1, recoñecida como tal no Decreto 52/2015 que regula o transporte sanitario na Comunidade Autónoma de Galicia, e, por tanto, pode prestar servizos un técnico só nesa ambulancia”, argumentan. Nese sentido, e segundo o razoamento da empresa, o feito de que un só técnico atenda algúns servizos “non é ilegal”.
“Por outra banda, dicir que este traballador se atopa asimilado a un réxime de dispositivo de localización (Art. 24, epígrafe b, do IV Convenio Colectivo de traballo para empresas e traballadores da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no DOG Núm.108 do día 10/06/2019), no cal se recolle que un traballador poderá traballar nunha quenda de 24 horas a disposición da empresa durante cinco días sucesivos”, xustifican. Por outra banda, engaden que a media diaria de traballo efectivo “non adoita superar as catro horas” nas xornadas do dispositivo de 24 horas.
Escribe o teu comentario