Prisión provisional para o monitor da piscina de Marín investigado por agresión sexual a menores
A orde de ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza ditouse esta mañá.
O xuíz do Xulgado de Instrución nº2 de Marín decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para o monitor da piscina de Marín investigado por seis delitos de agresión sexual a menores.
A Policía Nacional detivo a un monitor da piscina do concello pontevedrés por unha suposta agresión sexual a unha menor.
A denuncia parte da familia dunha menor supostamente agredida, tal e como confirmou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. Con todo, a investigación apuntaba a que había máis afectadas, algo que agora se confirma.
Os feitos ocorreron a partir do mes de abril, cando o presunto agresor comezou a traballar na piscina municipal.
"MÁXIMO RESPECTO Ás FAMILIAS"
O delegado expresou a súa solidariedade coas vítimas e coas familias, ademais de co pobo de Marín, "que vive este suceso con conmoción". Tamén pediu o "máximo respecto" para o círculo das agredidas e para os propios usuarios da piscina, "cuxa intimidade debe ser escrupulosamente respectada".
O Concello de Marín xa emitiu un comunicado no que expresan a súa "absoluta consternación" ante estes feitos, "tremendos e lamentables".
"Estaremos totalmente pendentes de todos os pasos que dean o Xulgado e a Policía Nacional sobre a investigación e pómonos a total disposición das familias, ás que lles mostramos toda a solidariedade e para as que pedimos o máis absoluto respecto e intimidade", remarcan.
Escribe o teu comentario