Inés Rey e outras cinco alcaldesas xunto a máis de 60 mulleres apoian a dimisión de Silvia Fraga ante o caso Tomei
"A súa dimisión é un acto de compromiso feminista co que sentimos profundamente representadas", aseguran no 'Manifesto aberto polo feminismo no PSdeG-#PSOE'
Un total de seis alcaldesas do PSdeG, coa da Coruña, Inés Rey, á cabeza, así como máis de 60 mulleres da esfera socialista figuran como asinantes dun manifesto que apoia a dimisión de Silvia Fraga como secretaria de Igualdade do partido en Galicia, por mor da xestión da actual dirección fronte ás acusacións por suposto acoso sexual contra o xa expresidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé.
"A súa dimisión é un acto de compromiso feminista co que sentimos profundamente representadas", aseguran no 'Manifesto aberto polo feminismo no PSdeG-#PSOE', subscrito polo momento por 67 mulleres, pero que pretenden abrir telemáticamente á firma da militancia socialista.
O texto sinala que causa "estupor, vergoña e unha inevitable desafección co partido" as denuncias de acoso sexual presentadas na canle interna do PSOE "contra cargos institucionais e orgánicos socialistas", aínda que non se refire en particular a ningún dos varios casos que se foron coñecendo ultimamente.
As asinantes avalan que non poden quedar "impasibles" ante a dimisión de Silvia Fraga tras un traballo que ven "exemplar" e defenden a súa traxectoria fronte a "informacións ou interpretacións que se pretenden deslizar e que non se corresponden coa verdade".
"Desde a lealdade ao partido e aos seus principios, por suposto defendemos a necesidade de aclarar os feitos, protexer ás vítimas e preserva a integridade das institucións. Só unha actuación firme e coherente permitirá manter a confianza da cidadanía e demostrar que non hai espazo para a impunidade nin para ningunha forma de violencia contra as mulleres", proclaman.
ALCALDESAS
"Non ten cabida ningunha actuación que ampare ou relativice o acoso sexual e o machismo", proclama o manifesto asinado, á parte de pola rexedora da Coruña, polas alcaldesas Asunción Morgade Rúa (Rairiz de Veiga); Marisol Morandeira Morandeira (Guitiriz); Marta Giráldez Barral (Meis); Patricia Domínguez Barja (A Pobra de Trives); e Uxía Oviedo de Deus (Maceda).
Tamén o subscriben as portavoces socialistas nos concellos de Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, e Zas, Sheila Rial Mata; as tenentes de alcalde do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, e o de Vilamartín de Valdeorras, Sherezade Núñez Rodríguez; e as concelleiras Nereida Canosa Domínguez (A Coruña), Anxos Novo Martínez (Lugo), Yoya Branco Rial (Pontevedra), Isabel González Cancela (Ames), Marta María Igrexas Becerra (Culleredo), Silvia Baranda Fernández (O Carballiño), Lucía Picos Aneiros (Cedeira) e María Rosario Hortas Garabana (Pontedeume).
Figuran tamén os nomes da deputada provincial en Ourense Susana Rodríguez Estévez; a xerente de Solo Empresarial do Atlántico (SEXA), Beatriz Sestayo Doce; ou a secretaria de Desenvolvemento Rural na Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG Rosa Arcos Caamaño.
Tamén están excargos como as exsubdelegadas do Goberno na Coruña María Rivas López e Pilar López Riobóo; a exsecretaria de Estado de Igualdade no goberno de José Luís Rodríguez Zapatero, Laura Seara; a exdelegada do Goberno en Pontevedra Maica Larriba Garcia; ou a exdelegada provincial da Consellería de Traballo e Asuntos Sociais María Debén Alfonso.
Exdiputadas como Carmen Cajide Hervés; Carmen Marón Beltrán; Margarita Pérez Herraiz; Marisol Soneira Tajes, Patricia Vilán Lorenzo; ou Rosa Gómez Limia; exalcaldesas como Elvira Lama Fernández (Xinzo de Limia), e a exsecretaria xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia María Torres Pouse, tamén subscriben o manifesto.
Este manifesto ve a luz dous días despois de que xa o pasado venres varios alcaldes e outros cargos socialistas na provincia de Ourense lanzasen un comunicado no que aseguraban que "quen oculta, ampara, relativiza ou retarda as investigacións convértese en cómplice e, como tal, tamén debe asumir as súas responsabilidades e deixar todos os cargos".
Escribe o teu comentario