Letras Galegas: Pleno extraordinario da RAG sobre a figura de Begoña Caamaño
Será no Teatro Principal de Santiago ás 12:00
A Real Academia Galega (RAG) celebra este domingo, no Teatro Principal de Santiago, o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, que se dedica nesta ocasión a Begoña Caamaño (1964-2014), xornalista, escritora e activista.
O acto central do 17 de maio, que comezará ás 12:00 horas e será de entrada libre ata completar a capacidade, contará con alocucións académicas sobre a figura e a obra de Caamaño a cargo de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes. O presidente da institución, Henrique Monteagudo, pechará a sesión, á que lle porá música Sofía Espiñeira.
A celebración, organizada con apoio do Concello de Santiago, a Xunta, e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, poderá seguirse tamén en directo na web da RAG (academia.gal) e na súa canle de YouTube.
A RAG lembra que a "gran festa da cultura galega" naceu en 1963 e que daquela se elixiu como homenaxeada a Rosalía de Castro, "autora fundacional das letras galegas contemporáneas". Isto fíxose coincidindo co centenario da publicación de Follas Novas.
"Un ano despois nacía en Vigo Begoña Caamaño, a protagonista deste 17 de maio", remarca a institución académica, que subliña a súa faceta como escritora, ademais de xornalista e activista, ata o seu falecemento debido a un cancro cando acababa de cumprir os 50 anos.
"Pero as dúas novelas que publicou, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), merecen un lugar destacado nas letras galegas contemporáneas, tanto pola su talla literaria e lingüística como pola súa capacidade de reflexión sobre grandes temas universais", remarca a institución académica, que celebrou distintas actividades e propostas para todas as idades para lembrar a súa figura.
Escribe o teu comentario