Rueda reclama "unidade, xestión e estabilidade" aos alcaldes do PPdeG coa vista posta nas municipais
"A miña impresión é que a xente nos identifica, desde o concello máis pequeno até a Xunta, con que sabemos xestionar; e máis nesta España de tolemia onde parece que o menos importante é o día a día", defendeu o presidente do PPdeG
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, instou aos alcaldes e alcaldesas do partido a "seguir traballando", coa vista posta nas municipais de 2027, e demostrar a "unidade, xestión e estabilidade" que sitúa como "selo de identidade" dos gobernos en mans dos populares.
Esta mensaxe trasladouno no comité de alcaldes organizado polo PP da provincia da Coruña nun restaurante da Laracha, segundo recolle o PPdeG. "A miña impresión é que a xente nos identifica, desde o concello máis pequeno até a Xunta, con que sabemos xestionar; e máis nesta España de tolemia onde parece que o menos importante é o día a día", defendeu.
Rueda incidiu nesta cuestión contrapóndoa coa súa visión doutras formacións políticas. Así, destacou a "unidade" do PPdeG fronte a un PSOE que "está desehecho" e a un BNG cuxo "nerviosismo" é, ao seu xuízo, cada vez máis "evidente" ante "a súa crise de liderado e tensións internas".
"Fronte a todo isto, nós temos que seguir onde estamos: achegando calma á xente, facendo ben as cousas e gobernando unidos", concluíu a este respecto e, a continuación, animou aos rexedores a "estar á altura" das demandas veciñais.
O presidente estivo acompañado nesta xornada pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a responsable de Vivenda e Infraestruturas no Goberno galego, María Martínez Allegue. Así mesmo, estiveron presentes os 42 alcaldes e alcaldesas do partido na provincia, onde Rueda sitúa "gran parte da potencia" do PPdeG.
Escribe o teu comentario