A nova presidenta da Contencioso toma outra decisión que despexa o camiño ás eólicas
Tras trasladar forzosamente ao maxistrado ex-líder de en Marea Luís Villares, cambia a sección que leva os preitos sobre parques eólicos.
A Xustiza está representada por unha figura cos ollos vendados sostendo unha balanza. A súa cegueira é símbolo de imparcialidade. En teoría, dá igual o xuíz que nos toque, porque sempre prima o que di Lei.
Así as cousas, a decisión da nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de cambiar os preitos sobre os parques eólicos da sección terceira á segunda non debería ser digna dun titular. Con todo, dado os precedentes e o que está en xogo, vai xerar ducias.
O que está en xogo son o futuro duns 90 parques eólicos, que paralizou preventivamente a sección terceira na que estaban os maxistrados Luís Villares e Dores López. Estaban, porque unha das primeiras decisións da nova presidenta María Azucena Recio González foi trasladalos á cuarta.
Algo que supuxo un alivio para a Xunta e a patronal eólica, que levan anos acusando polo bajini a Villares de trabar os parques por motivos ideolóxicos que enarborou cando era líder de En Marea, e desatou a indignación de ecoloxistas e colectivos como Xuíces para a Democracia, que acusan, tamén polo bajini, a Recio de encartar ás presións do PP e os empresarios.
A polémica aumenta agora porque Recio acaba de tomar outra decisión que, en teoría, pode favorecer aos promotores eólicos. Os preitos dos parques xa non os levará a sección terceira, pasan á segunda, adiantou hoxe A Voz.
Unha sección segunda que esta primavera acaba de ditar unha sentenza favorable ao sector eólico, rexeitando un recurso sobre a liña eléctrica de alta tensión Campelo-Mesón, argumentando que os recorrentes non probaran o dano ambiental. Un criterio que difire do que usaron Villares e outros maxistrados na terceira cando decretaron a paralización de moitos parques tirando de prudencia, porque entendían non había probas de que as instalacións non causasen dano ambiental.
Sobre quen recae o peso de probar si hai dano ambiental é unha das claves deste envurullo que mantén en albas miles de postos de traballo e millóns de investimentos. Segundo a patronal, a nova lexislación europea, que declara prioritarias ás eólicas, son os recorrentes quen deben probar que hai dano ambiental. En moitos deses 90 autos, os xuíces consideraron que a carga da proba recaía sobre a Administración.
Se agora os eólicos pasan a unha sección que parece aposta pola primeira das opcións, é evidente que o complicadísimo panorama xudicial que levan lustros soportando os empresarios do vento despéxase moito.
Con todo, existe o risco de que os intereses da patronal eólica descarrilen nalgunha curva non moi afastada.
A primeira é un eventual recurso contra o traslado forzoso de Villares e López. Fontes oficiais do CGPJ indicaron a Galiciapress que os maxistrados aínda non recorreran o cambio, pero están a tempo aínda de facelo. O comunicado desta semana do colectivo progresista Xuízas e xuíces pola Democracia, asociación minoritaria pero cun peso notable na magistratura, apunta a que o asunto acabará chegando, dunha maneira a outra ao pleno do órgano de goberno dos xuíces.
A segunda curva é a nova decisión de que as eólicas leven na sección segunda. Fontes xurídicas consultadas por Galiciapress apuntan a que existen sentenzas do TSXG que inadmitieron recursos de promotores eólicos contra decisións da terceira alegando, precisamente, que son asuntos que debería coñecer a segunda. Co cal, habería base para tombar, ou polo menos para tentar tombar, calquera decisión favorable aos muíños que agora tome a segunda.
Ademais, a concatenación de decisións da nova presidenta favorables, en aparencia, á patronal eólica tamén, entenden, podería acabar nalgún tipo de denuncia nos xulgados. Claro que denunciar a toda unha presidenta do contencioso-administrativo non é algo ao que moitos estean dispostos.
Ten razón Recio ao ordenar o traslado da terceira á segunda? Depende a quen se lle pregunte, claro, porque en todo este envurullo cada fonte arrima, loxicamente, o ascua á súa sardiña.
Os críticos cos eólicos argumentan que na valoración dos seus permisos entran en xogo materias industriais e urbanísticas, polo que debería caer na terceira. De feito, quen daba os permisos até 2024 era a Consellería de Economía e Industria. Os favorables aos muíños lembran que agora os permisos dáos a agora a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, dentro da Consellería de Medio.
Son dúas cuestións, se uns preitos corresponden a tal ou cal sección e si a nova presidenta cumpriu as formalidades ou non do proceso que le facultan para trasladar a maxistrados dunha sección a outra, que aos leigos en Dereito pódenlles parecer obtusas e aos expertos, opinables.
O que non é opinable é que o panorama xudicial para os parques eólicos en Galicia, outrora moi sombrío, parece estar a se despexar a ritmo acelerado.
O próximo capítulo deste culebrón chegará nas próximas semanas, cando o Supremo falle sobre se os ex-da sección terceira TSXG atinaron ao parar varios parques alegando que a Xunta fixo vista gorda a fragmentaciones fraudulentas.
Escribe o teu comentario