O galego fai visibles as diferenzas sobre a lingua entre os grupos parlamentarios
O texto dos populares, reclamaba, ademais, ao Goberno central un maior compromiso para o financiamento destinado ás políticas de promoción das linguas cooficiais, asegurando un equilibrio na repartición entre comunidades
O Debate do Estado sobre a Autonomía que acolleu desde o pasado mércores o Parlamento de Galicia evidenciou a falta de consenso dos grupos en torno ao idioma galego.
Unha falta de aproximacións que se plasma nun contexto no que a Xunta traballa por alcanzar un pacto na materia pero as diferenzas entre os grupos mantéñense e os populares denunciaron que o BNG trataba de "boicotear" o posible consenso.
Estas discrepancias deixáronse ver nalgunha das intervencións do debate de política xeral, como a da viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Paula Prado, que reprochou ao Bloque a súa "supremacía moral" co galego e suxeriu que hai quen "non o fala" porque os nacionalistas "se rin deles porque o falan mal". Pola súa banda, asegurou que ela mesma que non renunciará a falalo aínda que "o faga mal".
Sobre o galego tanto PP como BNG e PSdeG presentaron as súas respectivas propostas para impulsar o uso do galego pero ningunha reuniu o consenso e só saíu adiante a impulsada polo propio PPdeG co voto a favor do parlamentario de Democracia Ourensá.
E é que mentres que o PSdeG optou pola abstención, os nacionalistas galegos directamente votaron en contra dun texto que instaba á Xunta a impulsar un pacto pola lingua, que emerxa do consenso político e social e que cristalice nunha renovación do Plan xeral de normalización lingüística, ademais do impulso de novas medidas que promovan un maior uso do galego en todos os ámbitos.
O texto dos populares, reclamaba, ademais, ao Goberno central un maior compromiso para o financiamento destinado ás políticas de promoción das linguas cooficiais, asegurando un equilibrio na repartición entre comunidades.
O voto maioritario do #PP imposibilitou que saíse adiante a proposta do PSdeG, que contou co apoio do BNG e DO, para instar aos diferentes grupos das comisións do Parlamento europeo para que apoien todas as iniciativas destinadas a conseguir que a lingua galega sexa declarada cooficial na citada institución.
Os populares e Democracia Ourensá tamén votaron en contra da proposta do BNG, na que o PSdeG se abstivo. Neste caso, os nacionalistas emprazaban á Xunta a actuar de forma urxente e con todos os medios necesarios, incluíndo a multiplicación por tres dos orzamentos destinados ao galego, para facerlle fronte á "situación de ingerencia" reflectida no último informe do Instituto Galego de Estatística (#IGE).
Con este obxectivo, pedían que o Goberno galego comprometésese a desenvolver de forma inmediata todas as medidas sectoriais prioritarias que están vixentes no Plan xeral de normalización lingüística; constituír unha mesa de diálogo participada polas organizacións políticas, sindicais, anpas, movementos de renovación pedagóxica, entidades de referencia na defensa do idioma, universidades e institucións académicas e estatutarias para acordar un novo decreto para a educación que garanta o uso do galego como lingua vehicular.
A iniciativa dos nacionalistas tamén insta á Xunta a demandar o recoñecemento e uso do galego en todos os parlamentos e demais organismos internacionais, con garantía de igualdade coas demais linguas, así como a reclamar ao Goberno central o avance na normalización do galego nas delegacións administrativas do Estado e en todos os demais ámbitos da súa competencia, incluíndo o incremento da programación en galego nas conexións para Galicia dos medios de comunicación públicos estatais.
Escribe o teu comentario