Antom Fente (Agora Galicia): "Hipotecar a agricultura e o camiño de Santiago por Altri é unha tolemia"
Agora Galicia acaba de nacer como unha coalición de forzas políticas que buscan transformar o panorama electoral galego desde o municipalismo. Esta confederación de partidos locais de Ourense, Chantada, Sober, Monforte de Lemos, Courel, A Ulloa, Vilardevós, Laza, Chandrexa de Queixa, Macizo Central, Gondomar, Nigrán, Baiona, Campo Lameiro, Ribadumia, San Sadurniño, Neda suma xa 23 concelleiros en Galicia e aspira a converter en determinante no axustado equilibrio de poder das deputacións . Nesta entrevista para Galiciapress, Antom Fente Parada, de Por Chantada - Interior Galego Vivo, explica o seu modelo organizativo, os seus obxectivos e a súa postura ante proxectos como a celulosa de Palas de Rei.
Agora Galicia defínese como unha confederación de candidaturas municipalistas. Que vantaxes cre que teñen este tipo de agrupacións fronte aos partidos tradicionais?
Entendemos que se trata de tecer unha rede que parta dos proxectos municipais, moitos xa cunha década ás súas costas, é dicir, alicerces e bases sólidas, agrupacións veciñais que se federan para ir constituíndo un ente de apoio mutuo e que sirva de casa común nas municipais de 2027. As vantaxes son a maior autonomía local e o protagonismo decidido que se lle dá ao local e á veciñanza fronte ás estruturas centralizadas das forzas tradicionais onde as sucursais locais actúan apenas como correas de transmisión.
Sumamos máis de 23 concelleiros en Agora Galicia e esperamos poder ampliar a lista con novas incorporacións que comprendan a importancia de unir as nosas forzas
Na presentación de Monforte mencionaron que, unidas, xa representarían a cuarta forza política de Galicia en termos de votos municipais. Cantos concelleiros suman actualmente as candidaturas que forman parte de Agora Galicia?
Para nós o cualitativo ten maior importancia có cuantitativo, aínda que niste momento inaugural sumamos máis de 23 persoas concelleiras en Agora Galicia e agardamos poder ampliar a nómina con novas incorporacións que comprendan a importancia de sumarmos as nosas forzas na construción dunha nova ferramenta política ao servizo do territorio e ás súas xentes.
Deixaron claro que o seu obxectivo é entrar nas deputacións provinciais. Descartan no futuro presentar candidatura ás eleccións galegas?
Paso a paso, temos a ollada posta nas municipais e en sumar todos os votos das nosas candidaturas de unidade popular para que Agora Galicia emerxa como actor político da cidadanía e ao servizo da xente. O futuro construirémolo entre todas e todos, mais vendo como evolúe o mundo hoxe é difícil descartar cenarios futuros...
Quen ía pensar, por exemplo, que Eurolandia tería que pagar un tributo de centos de milleiros de millóns de euros ao seu “aliado” americano hai unha década cando as prazas acampaba a mocidade no movemento 15M? Os tambores de guerra e a emerxencia da extrema dereita están aí, como están as crecentes asimetrías entre territorios e o reforzo do caciquismo niste novo ciclo de autoritarismo e imperialismo.
Xurdimos como unha irmandade, no espírito da fraternidade, tan necesaria nun momento de individualismo devorador, e do galeguismo, entendendo a nosa Terra como un proxecto colectivo
No espectro esquerda-dereita, onde se situaría Agora Galicia? Como definiría a súa ideoloxía política?
As candidaturas locais sabemos ben que a mellor definición é o traballo diario, sen desfalecer, e ao pé das necesidades e arelas das nosas veciñas e veciños. É a nosa praxe, o noso labor diario, o que nos define no espectro, sen repartirmos carnés de pureza ou bulas de autenticidade. De todas formas, xurdimos como irmandade, no espírito da fraternidade, tan necesaria nun momento de individualismo antropófago, e do galeguismo, entendo a nosa Terra como proxecto colectivo que debemos mellorar para facermos un lugar mellor en que viver nós e as futuras xeracións.
As deputacións son un anacronismo do estado liberal español do século XIX, pero neste momento xogan un papel importante no ámbito local, a pesar de ser tamén un vector que favorece o caciquismo
Hai voces que avogan por suprimir as deputacións. Cal é a postura de Agora Galicia respecto diso? Que lles responderían a quen defenden a súa eliminación?
A día de hoxe o que temos son deputacións e os partidos tradicionais moi cómodos nelas, por que entón non imos sumar os apoios veciñais que temos para tentar entrar tamén nese espazo e dar a batalla? Con certeza, as deputacións son un anacronismo do estado liberal español do XIX, mais, arestora, xogan un papel importante no plano local, a pesar de seren igualmente un vector favorecedor do caciquismo e das piores prácticas políticas. De desapareceren habería que pór sobre a mesa a comarcalización do país e que financiamento local vai sustentar os servizos que os concellos deben fornecer. É máis, Agora Galicia acredita que é urxente unha reforma do financiamento local e dotar de maiores recursos aos concellos ao tempo que debe pórse fin aos cofinanciamentos leoninos que a Xunta impón nas escolas infantís, centros de día, servizo de axuda no fogar...
Hipotecar o existente por unha industria de enclave cun impacto elevadísimo non só non é unha boa decisión, senón que é unha tolemia. Os intereses do PP na Xunta non son os dos seus gobernados, senón os das empresas intensivas en capital que financian as súas campañas
Durante a súa presentación, expresaron o seu rexeitamento a proxectos como a fábrica de celulosa de Altri na Ulloa ...
A Ulloa presenta xa uns índices de actividade e unha estrutura económica sólida, onde o sector primario e a transformación de alimentos deben ser as cabezas tractoras, sen esquecer contribucións nos servizos como as ligadas ao Camiño de Santiago. Hipotecar o existente por unha industria de enclave cun elevadísimo impacto lonxe de ser unha boa decisión é unha tolaría, que unicamente se explica pola ruptura entre representantes e representados.
Os intereses do PP na Xunta non son os dos seus gobernados, senón os das empresas intensivas en capital que financian as súas campañas e abren as portas xiratorias.
Os partidos conseguiron, paradoxalmente, que moita xente vexa “os políticos” como algo exclusivo deles, secuestraron a verdadeira participación para cambiar as cousas, e, en consecuencia, son a antipolítica.
Que opinan do plan dunha macroestructura sobre o río Cabe en Monforte?
Canto ao proxecto que Tomé quere impulsar no Malecón é liquidar unha zona verde fluvial que é a arteria natural e o pulmón do centro de Monforte. En calquera país europeu estariamos falando de recuperar os ríos e aumentar as áreas verdes para o espazamento, o encontro da veciñanza e a construción de comunidade. Eiquí non, a antipolítica, que tamén é necropolítica, vive obsesionada co formigón e o cemento. Non é difícil de entender se seguimos o rastro do diñeiro.
Están abertos a colaborar con outros partidos ou plataformas? Iniciaron xa algún proceso de diálogo?
Todo proxecto democrático, e nós sómolo na concepción xenuína da democracia, na súa mesma cerna, xa que emerxemos do demos, do pobo. Non hai demos real sen asentar unha das súas principais dimensións no diálogo, por iso as redes e os monólogos mediáticos ao servizo de minorías subverten precisamente a democracia na súa mesma cerna.
Que características deben cumprir os partidos interesados en sumar á súa plataforma?
O diálogo é o que permite confederar proxectos locais que levan no seu ADN a exixencia de saber escoitar: en primeiro lugar, saber escoitar as veciñas e os veciños, sen os que non existirían as dúcias de proxectos locais que agora damos este paso; en segundo lugar, saber escoitar as persoas concelleiras e base militante de Agora Galicia; en terceiro lugar, a sociedade civil organizada, actuando como caixas de resonancia das súas inquedanzas e participando nas loitas polos bens comúns e a xustiza social; e, en última instancia, outras organizacións sindicais e partidarias que compartan, en maior ou menor grado, o camiño común pola mellora das condicións materias de existencia das nosas comunidades, que é para o estamos, polo menos nós, en política.
Escribe o teu comentario