Beiras nun mitin do BNG doce anos despois da ruptura en Amio
Será este mércores cinco de xuño, ás 20.30 horas, no Palexco da Coruña
O histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras volverá participar nun mitin do BNG 12 anos despois da ruptura do nacionalismo galego en Amio. Será este mércores, ás 20.30 horas, no Palexco da Coruña.
Aínda que durante a campaña das autonómicas o exlider do Bloque e cofundador de Anova asistiu a varios actos do BNG e mesmo interveu nalgún con Ana Pontón, esta será a primeira vez que tome a palabra nun mitin.
Tras selar a reconciliación de face aos comicios celebrados en febreiro despois de máis dunha década desde o cisma de Amio, Anova volveuse a situar de novo á beira do Bloque para pedir o voto para Agora Repúblicas co obxectivo de conseguir que Ana Miranda "siga sendo moitos anos a voz de Galicia e das causas xustas" en Bruxelas, tal e como reivindicou o seu portavoz nacional, Martiño Noriega, nun acto de precampaña en Santiago.
E é que tanto Noriega como Beiras xa participaron o 20 de maio nun acto de precampaña do Bloque xunto a Pontón e Miranda, onde o exlider do BNG reivindicou que a candidatura nacionalista ás eleccións europeas representa a defensa do "proxecto da Europa orixinal" concibida a mediados do século XX como unha idea de "confederación" entre "os pobos" do vello continente "indisociablemente unido" ao compromiso coa "auténtica democracia".
No mitin, ademais de Beiras, Ana Pontón e Ana Miranda, participará tamén o portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, e Keina Espiñeira, da candidatura nacionalista a estes comicios.
VETO A UNHA A-9 GALEGA
Por outra banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou unha AP-9 "galega e libre de peaxes" e estima que "neste momento hai unha gran oportunidade", tras o procedemento de infracción que abriu a Unión Europea e que considera ilegal a ampliación de 25 anos desta infraestrutura que fixo no seu día o Goberno do PP e que o actual Executivo liderado polo PSOE decidiu "non asumir esa oportunidade e presentou recurso".
Por iso, en declaracións este domingo nas inmediacións da peaxe da AP-9 no municipio coruñés de Fene, a nacionalista pediu "retirar este recurso" e instou a "facer un estudo serio e rigoroso" sobre o custo do rescate da AP-9, convencida de que vai ser "máis barato" que os galegos "sigan pagando unhas abusivas peaxes" e que "vai ser máis barato que os rescates das radiais madrileñas".
Neste sentido, argumentou que "infraestruturas similares foron transferidas aos gobernos vascos e catalán" e o BNG non quere que Galicia sexa "máis", pero "tampouco menos".
"Creo que si hai un exemplo de manual sobre como discriminan a Galicia ese é a autoestrada AP-9", manifestou antes de trasladar que cre que existe "un boicot permanente á súa transferencia, á súa gratuidade, tanto por gobernos do PP como por gobernos ou partidos que demostran a súa discriminación con este país".
Escribe o teu comentario